Infidelidade na parella

Cristina Bandín Potel

Nos últimos anos a terapia de parella foi dando máis peso á relación que ás dificultades individuais que os membros da parella “traían”. Enténdese a parella e o matrimonio coma unha terceira realidade que os dous se comprometen a coidar.

Así, se pos en primeiro lugar a túa relación podes ter un efecto paradoxal de satisfacer as túas necesidades de maneiras que nunca serían posibles se as puxeses en primeiro lugar. Ata o funcionamento do noso cerebro mellora nunha relación así. Quen non quere sentirse amado? Ser nós mesmos, sentirnos aprezados, valorados e protexidos. A infidelidade racha esta seguridade e confianza. Pero a infidelidade non é só un asunto de relacións sexuais. A cercanía emocional cun terceiro deixando á marxe á parella; compartir un segredo de parella con outra persoa; coquetear con outra persoa (tamén virtualmente); o uso de pornografía para excitarse a soas… En xeral todo aquilo que faga dano á intimidade da parella pode ser exemplo de infidelidade, doe e dinamita a confianza.

Restaurar a confianza é complicado pero non imposible. É necesario o primeiro que se rompa sinceramente a relación coa terceira persoa. Necesitamos retomar a historia da parella e tamén a historia da infidelidade. Coas palabras dos dous construímos un relato compartido do que aconteceu, que sexa verdade para os dous. É importante que a persoa que fixo a ofensa asuma o 100% da súa responsabilidade. Que sinceramente recoñeza e poida mirar a ferida xerada buscando reparación, perdón, conexión emocional. O proceso require tempo e espazo para que cada quen poida situarse no momento actual, pensar que quere facer, facer balance da súa relación. Resistiremos a présa porque o perdón é tamén un proceso.

O que foi infiel, a miúdo debe respostar a algunhas demandas que noutros momentos serían estranas. Por exemplo ás veces necesítase certo alonxamento de ambientes, evitar certas expresións, consultar o teléfono do outro de cando en vez, tirar certas cousas que traen recordos, etc.

Pouco a pouco a dor vai cedendo espazo ao impulso de reconstruir a relación. Entón búscase re-conectar emocionalmente. Retoman cousas que lles gustaba facer xuntos, lecturas, traballos, caricias, citas, diálogos, mirarse aos ollos, tocarse, momentos de intimidade. Pouco a pouco revisan como se van atopando e que pasos queren dar para facer medrar o amor.

Comprender ao outro non significa xustificar os seus actos. O outro pode ter dificultade para vencellarse de forma auténtica, ou ben, pode ser unha persoa moi impulsiva e con baixa auotestima. Falar disto, recoñecer o que lle custa ao outro, é importante para poder ser un mellor equipo, e mellorar a seguridade na relación. Unha infidelidade non significa ser infiel para sempre, as persoas podemos cambiar, mellorar, aprender.

Quizais a relación de parella estaba tamén danada previamente, decatarse abre posibilidades de atoparse de novo nunha relación mellor. En ocasións a infidelidade ocorre tras un periodo de alonxamento emocional na parella, falta de relacións, aburrimento e rutinas, insatisfacción. Recoñecer que algo disto aconteceu ponnos nun camiño creativo, que require acción sempre, xa que AMAR é un verbo.

Cristina Bandín Potel

Psicóloga e Terapeuta Familiar no Centro Diocesano de Orientación Familiar

Doce Nadal nas parroquias de Santiago A Nova e Silleda

Os días 14, 15 e 16 de decembro a Parroquia de Santiago A Nova organiza a tradicional campaña Doce Nadal de repostaría e produtos ecolóxicos de elaboración caseira. É un acto solidario que leva organizando hai 24 anos o Grupo de Maiores da Parroquia en favor dos máis necesitados. Pódese colaborar entregando produtos, comprándoos e entregando donativos. O recadado irá destinado integramente para Cáritas.

Lugar e horario: Sancristía vella da parroquia (a carón de Correos) de 10 a 14 e 16,30 a 21h

Diante da igrexa Santa Baia de Silleda os días 21, 22 e 23 de decembro haberá un mercado de doces, licores, conservas, queixos, mel e outros produtos artesanais a beneficio de Cáritas Interparroquial de Silleda.

Previamente, o 16 de decembro, con motivo dos 25 anos de ordenación sacerdotal do párroco, José Pérez Barreiro, o Sr. Bispo presidirá unha Eucaristía ás 13 h no Auditorio Semana Verde, con intervención da Coral Polifónica Trasdeza e Coro Vales María. Seguidamente, haberá unha comida.

Sobre os escenarios

 

Xornada de Contacontos

A Asociación Xuvenil Ateibo, en colaboración coa Deputación Provincial de Lugo, organiza a IV Xornada de Contacontos o venres 14 de decembro ás 18:30 h na Sala Moza do Colexio salesiano Divina Pastora de Lugo (entrada polo recanto da rúa Camiño Real)

 

 

 

Teatro na igrexa O Bo Pastor, Lugo

Moisés Mato presenta en Lugo o seu proxecto “Cartografía de la desobediencia”. Será o venres 14 de decembro ás 20h na Parroquia O Bo Pastor. A través do humor e a ironía, Moisés Mato vai mostrando aquelas desobediencias que só o son en aparencia e aqueloutras que buscan realmente a xustiza e o amor. Moisés Mato interpreta a 20 personaxes distintos, moitos deles exemplos da aplicación da non violencia.

 

 

 

Festival solidario e exposición en San Francisco Xavier

A igrexa de San Francisco Xavier acolle o sábado 15 de decembro ás 5 da tarde un Festival solidario. Sortearase unha cesta en beneficio de Cáritas Parroquial.

Ese mesmo día comeza unha exposición de artesanía no salón parroquial de San Francisco Xavier. Estará aberta ata o domingo 16 e organízaa o Centro ocupacional de San Vicente de Paúl.

Xornada de formación de Cáritas Lugo

De esqda. a dta: Francisco Prat, Ginés Plaza e Ramiro Martínez

Baixo o lema “A acción de Cáritas como encontro” o 12 de decembro ten lugar unha xornada de formación para os voluntarios de Cáritas Diocesana de Lugo. As intervencións son as seguintes:

  • Oración dirixida por Antón Negro Expósito, Delegado Episcopal de Cáritas Diocesana de Lugo.
  • Presentación da Xornada por Ginés Plaza Fernández, Director de Cáritas Diocesana de Lugo.
  • O Camiño do Voluntariado en Cáritas por Ramiro Martínez Carballosa. Presidente Cáritas Interparroquial Navia-Cervantes.
  • A Acción de Cáritas como Encontro por Francisco Prat, do Equipo de Desenvolvemento Institucional de Cáritas España.
  • Clausura a cargo da Secretaria Xeral de Cáritas Diocesana de Lugo, Mónica Yáñez Devesa.

Alegrádevos no Señor

Hai alguén que non busque a felicidade ou non queira vivir alegre? Todos buscamos vivir alegres e felices. O mesmo desexamos para todo o mundo, especialmente para os que están ao noso carón e para as persoas ás que queremos.

Buscamos a felicidade onde sexa e facemos todo o que está nas nosas mans para escapar da tristeza e vivir digna e alegremente.

Pero, algunha vez ocorréusenos buscar a alegría en Cristo? Acudimos a Deus para pedir saúde, traballo, etc. Repito a pregunta: pedímoslle a Xesucristo que nos faga persoas alegres? Dito doutro xeito: Cristo é a nosa alegría?

Quizais, se fracasamos en todos os intentos anteriores de buscar a alegría, agora poidamos tentalo en Cristo. Como dicimos moitas veces: por probar non imos perder nada.

Pois ben, neste camiño do Advento estamos a chegar ao domingo da alegría ou Gaudete. Chámase así porque o nacemento do Fillo de Deus xa está preto. Isto ten que provocar en nós unha alegría sen medida. Primeiro, porque un nacemento sempre é unha alegría. Segundo, porque é Deus o que nace. E terceiro, porque o Deus de Xesucristo vén salvar as nosas vidas da tristeza eterna.

“Neste tempo de Advento, a Palabra de Deus convídanos a esperar a vinda gloriosa do noso Salvador, cunha conduta santa e relixiosa, procurando vivir en paz con Deus, limpos e irreprensibles ante El”. (Bieito XVI. Ángelus 7 de decembro de 2008)

A palabra “alegría” é a que máis se vai a repetir na liturxia do terceiro domingo de Advento.

Así que, xa o sabemos: “Alegrádevos sempre no Señor; repítovolo, alegrádevos. O Señor está preto“ (Flp 4, 4-5).

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

[Artigo orixinal]

A %d blogueros les gusta esto: