Deus vén salvarnos

Camiñando paseniñamente entre luces e sombras, chegamos ao último mes do ano. A iluminación artística das vilas e cidades, os escaparates adornados con motivos do Nadal, as felicitacións que as distintas empresas emiten a través dos medios de  comunicación, lémbranos que estamos no mes de Nadal, unhas datas significativas e entrañables para os cristiáns porque celebramos que Deus vén salvarnos, que unha Luz resplandeceu sobre a terra para alumarnos. Celebramos que Deus se fai home para convidarnos a participar da súa vida.

En todo este proxecto de salvación e amor, a colaboración eficaz de María, Nai de Deus e Nai nosa, ensínanos como axudar aos demais, porque a súa fe e a súa confianza en Deus, fixo que toda a súa vida fose un xesto de amor á humanidade.

que fermosos son sobre os montes

os pés do mensaxeiro de Boas Novas…

que proclama a felicidade,

que pregoa a salvación…!

 

Deus, no misterio de Nadal, amósanos o seu gran amor e María colabora con El para facer realidade este proxecto salvífico e gozoso.

Non teñamos medo, amigos, de colaborar con Deus no seu proxecto de amor para a humanidade o mesmo que fixo María.

Que nos ampare a Virxe de Belén no noso caminar e que Deus encha os nosos corazóns e os nosos fogares de Paz e Amor.

Nestes días de Nadal unamos as nosas voces ás dos anxos para proclamar:

Gloria a Deus nas alturas

e sobre a terra paz aos homes de boa vontade.

Miguel Ángel Gómez Vázquez

Concertos de Nadal do Orfeón Lucense

O xoves día 20 na Catedral dará un pequeno concerto de Nadal tralo acto de bendición do belén. Á súa vez este acto prosegue á Eucaristía presidida polo Sr. Bispo, á procesión e á exposición do Santísimo que terán lugar na basílica lucense o devandito día a partir das 20h.

O próximo 22 de decembro, sábado, ás 20:30 h., o Orfeón Lucense ofrecerá o seu tradicional Concerto de Nadal, na igrexa de Santiago-A Nova.

O Orfeón, Coro oficial da Catedral de Lugo, que estará dirixido polo seu titular, Marcos Fernández Mosquera, ofrecerá un recital con panxoliñas do folclore galego e de todo o mundo, no que a agrupación estará acompañada por Carlos Rodríguez, violinista galego residente en Bristol (Reino Unido), colaborador do Orfeón nestes últimos anos.

Dúas actuacións máis ofrecerá o Orfeón aos lucenses antes do remate do ano:

  • 27 de decembro, dentro da campaña “CANTOS DE NADAL 2018” que promove a Deputación Provincial de Lugo, cantará a misa vespertina (19,30h.) recital de cantos de Nadal na igrexa parroquial de A Milagrosa,

  • 28 de decembro, ás 20h. cantará panxoliñas polo centro da cidade.

Pregóns de Nadal e concertos

San Clodio

O sábado 22 ás 19:30 h na igrexa de San Clodio Natividad González Alonso pronuncia un pregón de Nadal e tamén haberá un concerto de Inmaculada Vázquez Fernández, Gerald e nenos da Parroquia. Os asistentes poderán coñecer o libro Gracias hijo: un mundo mejor es posible de Inmaculada Vázquez e colaborar cun orfanato en Filipinas.

Chantada

O sábado 22 ás 20h na igrexa parroquial de Santa Mariña Manuel Regal Ledo pronuncia o pregón de Nadal e a continuación haberá varias actuacións musicais: Rondalla O Carballo Vello de Chantada, Ana Rúa Souto e os nenos da catequese. Como colofón, haberá unha degustación de produtos da comarca nos salóns parroquias da igrexa. Aprovéitase ademais para apoiar o labor da ONG Axunica (Axuda a Nicaragua).

Lugo

O pregón de Nadal que organiza a Asociación de Belenistas de Lugo será pronunciado por Mercedes Montes Rodríguez, directora da Escola Universitaria de Relacións Laborais de Lugo.

Este acto terá lugar o 21 de decembro ás 21h no Salón de Actos A Fundación na Praza de Santa María s/n, Lugo.

Limpeza a fondo. Confesarse por Nadal

Quizais no mundo rural non estamos moi afeitos a escoitar falar de confesións no Advento. Case todo o mundo lembra os preceptos en Coresma e moitos dos nosos cristiáns, por desgraza, só acoden a confesarse nos días próximos á Semana Santa e fano máis por unha obrigación que por unha necesidade que brote da dor dos pecados.

A situación pode ser paradoxal. Todos sabemos que non hai ninguén sen pecado (“O que estea sen pecado que tire a primeira pedra”), pero ao mesmo tempo cada vez temos menos conciencia dos nosos pecados, aínda que coñecemos ben os dos demais; xa saben o da palla no ollo alleo.

O Deus de Xesucristo vén visitarnos e a traernos o gran agasallo da boa nova da nosa salvación. Ante tal visita a todos gustaríanos ter a nosa casa en perfecto estado de revista para acoller ao Mesías.

É, por tanto, o momento de facer unha limpeza a fondo da nosa conciencia e de pór en orde as cousas da nosa vida. Toca levantar as alfombras e limpar eses recunchos ocultos nos que se vai acumulando sucidade. Por iso, o Advento tamén é un bo momento para confesarse. Ademais, a limpeza hai que facela cando hai sucidade, non imos andar como uns desaxeitados ata que chegue a Coresma.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

[Artigo orixinal]

A libraría La Voz de la Verdad convoca un concurso de tarxetas de Nadal

Ata o 25 de decembro, alumnos de Infantil, Primaria e E.S.O. que estuden en Galicia poden presentar tarxetas de Nadal orixinais e inéditas en tamaño DIN-A4 con técnica libre e soporte cartolina ou cartón pluma. Concederánse premios consistentes en lotes de libros, cheques-agasallo intercambiables por libros ou material escolar.

 Os traballos enviaranse a Premios Vozesnavoz La Voz de la Verdad, r/ Bispo Aguirre, 17  27002 Lugo. Pode facerse a entrega persoalmente ou por medio do centro escolar no que estude o concursante.

A %d blogueros les gusta esto: