Día da Igrexa Diocesana

 O Día da Igrexa Diocesa

O Día da Igrexa Diocesana (11 de novembro) lémbranos que formamos parte dunha gran familia que debemos coñecela, apreciala e comprometernos con ela.

 O Sr. Bispo Mons. Alfonso Carrasco, con motivo do Día da Igrexa Diocesana, invita na súa carta pastoral a “coidar esta familia diocesana como un gran tesouro, aos nosos irmáns e irmás, aos nosos sacerdotes, ás persoas de vida consagrada, os templos, as tarefas e as iniciativas comúns; porque nesta familia, na súa humildade, están encerradas as riquezas máis decisivas da vida […] e  tamén invita a valorar “sobre todo a presenza do Señor Xesús, a promesa de vida, a esperanza que brota ao estar na súa compañía”.

[Carta pastoral do Sr. Bispo]

Algúns datos da Diocese, referidos ao ano 2017

Actividade pastoral

Sacerdotes 263      Relixiosos 177      Misioneiros 53

Actividade celebrativa e evanxelizadora

Bautizos 768     Matrimonios 340      Comuñóns 769

Unción de enfermos 323     Confirmacións  377     Catequistas 356

Actividade caritativa e asistencial

Centros sociais e asistenciais  8       Persoas atendidas 4.000

[Ver máis datos]

 

[Subsidio litúrxico]

Actividades de difusión misioneira

Concurso Infancia Misioneira

Con motivo da celebración da Xornada de Infancia Misioneira 2019, cuxo lema é Con Xesús a Belén. Que boa noticia!, Obras Misionais Pontificias e o Secretariado de Infancia Misioneira convocan o concurso: “Conta a noticia! Crea a túa revista”.

Trátase de que cada participante sexa director, redactor ou maquetador da súa propia revista anunciando a Boa Nova de que Xesús xa está entre nós.

Poderán participar nenos de educación primaria, en equipos de 2 a 6 persoas, que antes do 24 de decembro presentarán as revistas na Delegación Diocesana de Misións de Lugo. Nesta fase diocesana escolleranse os traballos que se enviarán a Obras Misionais Pontificias para participar na fase nacional do concurso.

[Bases]

Convivencia de animación misioneira

O Instituto Español de Misións Estranxeiras (IEME) organiza unha Convivencia de Animación Misioneira en xaneiro (días 7 – 10) dirixida a sacerdotes diocesanos, diáconos e seminaristas en etapa de pastoral para animar entre eles o espírito misioneiro e que este espírito contaxie tamén os plans e programas pastorais.

Obxectivos concretos:

  • Compartir a Pastoral Xuvenil á luz do Sínodo.

  • Coñecer experiencias e traballo da Igrexa con mozos, aquí e en misión.

  • Reflexionar sobre o fenómeno xuvenil no anuncio misioneiro do Evanxeo.

[Programa]

Coaching familiar. Encontros de pais

 

O Centro de Orientación Familiar Diocesano en colaboración co Instituto da Familia de Ourense, leva adiante Encontros de pais nos que formarse e reflexionar sobre a familia e as emocións. En sesións mensuais de hora e media de duración, os asistentes abordan de xeito práctico os retos aos que se enfrontan os pais:

  • Como coidarse un mesmo para coidar á familia.
  • Comunicación en familia.
  • Acompañar aos fillos nas súas dificultades.
  • Familyfullnes (busca construír a familia, centrarse no positivo e mellorar lazos interpersoais)
  • Intelixencia espiritual.
  • Ciber trío (Pais – Fillos – Móbiles)

 Estes Encontros, que van pola segunda edición, comezan o martes 13 de novembro no colexio Divino Mestre de Lugo (rúa Portugal, teléfono 982 21 68 44) e o 14 de novembro no Colexio Salesiano Divina Pastora de Lugo (praza da Milagrosa, tlf: 982 21 49 57). Non é necesariamente para pais de alumnos destes centros senón para calquera persoa en calquera circunstancia que vexa a responsabilidade de mellorar como pai.

[Máis información]

Impacto das novas tecnoloxías no cerebro e o comportamento dos nenos e mozos (I)

Xosé Manuel Domínguez

Non se trata de alarmar senón de tomar conciencia de que o uso das novas tecnoloxías non é tan inocuo como pensabamos. Segundo o que a psicoloxía e as neurociencias van revelando, quizais non sexa tan boa idea regalar aos fillos un móbil ao facer a Primeira Comuñón nin deixar ao mozo que pase unhas cantas horas cos videoxogos ou a consola, nin sequera o uso exclusivo do ordenador para estudar.

En 2008 Gary Small, catedrático de Psiquiatría da UCLA e director do Centro de Memoria e Envellecemento, describiu con precisión que o uso diario de tecnoloxía informática afecta ao noso cerebro e ao seu rendemento, producindo efectos inesperados (perda de capacidade lectora, de memoria, sobrecarga cognitiva…)

Manfred Spitzer, director do Centro de Transferencia de Coñecementos para as Neurociencias e a Aprendizaxe en Alemaña, vai aínda máis lonxe e no seu libro Demencia Digital (cuxa lectura recomendamos vivamente) afirma: «Os ordenadores non fomentan a formación de nenos e adolescentes, senón que máis ben impídena ou, no mellor dos casos, non producen efecto algún…». Relaciona o uso de ordenadores co fracaso escolar. Fixémonos nun dos efectos máis patentes: a perda de capacidade lectora.

O Dr. Jakob Nielsen descubriu, tras realizar un estudo de seguimento ocular, que os usuarios de Internet non realizan unha lectura lineal, senón que “escanean” a pantalla. Os usuarios realizan unha “lectura en F”: Len as dúas primeiras liñas, e baixando pola esquerda volven deterse no centro. Despois abandonaban de novo a lectura lineal e baixan cara á parte inferior esquerda. Segundo as investigacións de Nielsen, as persoas realmente len menos do 20% do contido dunha páxina web.

Pola súa banda, a empresa israelí de software ClikTale, recolleu durante dous meses datos do comportamento dun millón de visitantes de páxinas web. Constatou que na maioría dos países os usuarios de Internet só pasan entre 19 e 27 segundos en cada web que visitan. Case nunca len unha páxina enteira. O uso da rede debilita a nosa capacidade de pensamento profundo e a capacidade de lectura.

Por iso, a proposta que facemos desde o Centro de Orientación Familiar aos nenos e mozos que acompañamos é a de combinar a lectura dixital coa lectura en papel, a lectura de libro, que permite manter a capacidade de razoamento e a capacidade de abstracción. Isto supón obrigar ao noso cerebro a realizar unha tarefa dificultosa, pero só esixindo esforzo podemos mellorar resultados e capacidades.

Xosé Manuel Domínguez Prieto. COF diocesano de Lugo.

[Artículo en castellano]

Festa da Sagrada Familia

A Parroquia Santa María de Teixeiro (Lugo) organiza o domingo 4 de novembro ás 11h a Festa da Sagrada Familia. Haberá unha conferencia do director do Colexio salesiano de Lugo Óscar Bartolomé Fernández. Presidirá a Eucaristía o bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco e na parte musical intervirá o Coro de San Francisco Xavier.

A presentación da Festa da Familia correrá a cargo do inspector de ensino Federico Pérez Morán.

A %d blogueros les gusta esto: