Triduos en honra a Santa Isabel de Hungría e a Cristo Rei

O xoves 15 de novembro comezou na Capela da Soidade (Lugo) o triduo que a Orde Franciscana Segrar organiza en honra a Santa Isabel de Hungría. Até o sábado 17 hai Eucaristía ás 5 da tarde e Rosario ás 5:30 h. Ademais, o día 17 ten lugar a cerimonia de ingreso na Orde Franciscana Segrar de María Jesús Torres Fernández.

Neste ano 2018 cúmprense 40 anos desde que se aprobou a última Reforma da Regra coa bula do Papa Paulo VI (Seraphicus Patriarcha), coa cal pasa a chamarse Orde Franciscana Segrar (OFS).

A partir do venres 23 de novembro o Apostolado da Oración organiza na Parroquia Santiago A Nova (Lugo) o triduo en honra a Cristo Rei. Até o día 25 as celebracións teñen o seguinte horario: ás 19:30 h, rezo do Santo Rosario e Triduo e ás 20 h Eucaristía.

II Xornada Mundial dos Pobres

No lema da Xornada, «Este pobre berrou e o Señor escoitouno» (salmo 34, 7), móstrase un modelo preciso da actitude ante pobres coa súa dignidade atropelada: abrir os nosos oídos ante o seu clamor, pornos ao seu servizo, converténdonos en instrumentos nas mans de Deus para que se recoñeza a súa presenza e a súa salvación. Neste encontro, non somos nós os protagonistas, senón que o son o Señor e os pobres, nun fermoso intercambio no que Deus utilízanos como canles para comunicar o seu amor aos pobres e estes convértense nos nosos evanxelizadores ao iluminarnos coa súa vida e chamarnos á conversión.

Coa Xornada Mundial dos Pobres non se trata de facer unha colecta máis en favor dos pobres. Tampouco é cuestión de facer algo «polos» pobres, senón «cos» pobres.

Os obxectivos da Xornada

– Redescubrir o valor de estar xunto ás persoas máis pobres e vulnerables das nosas comunidades, a través da oración comunitaria e a comida compartida do domingo, o banquete da Eucaristía, como expresión da mesa compartida en familia.

– Seguir o exemplo da primeira comunidade cristiá que perseveraba no ensinado por Xesús, na comuñón, na fracción do pan e nas oracións, aprendendo a vivir unidos e compartindo os bens.

[Materiais]

Encontro de pastoral universitaria

Do 14 ao 16 de novembro Santiago de Compostela acolle o Encontro de delegados diocesanos e responsables de Pastoral Universitaria de España e Portugal. Este encontro ten lugar despois do Sínodo sobre os Mozos e no marco da liña de traballo sobre “estudantes en mobilidade”. Por iso, un dos  temas é ver como axudar aos membros da comunidade universitaria a descubrir a pregunta pola vocación persoal –entendida en sentido amplo–, e acompañalos no crecemento e desenvolvemento desa vocación.

Novo equipo directivo de Mans Unidas Lugo

Este ano hai un relevo no equipo directivo da Delegación de Mans Unidas en Lugo. O anterior equipo directivo, formado por Laura Campoy (Delegada), Pilar Cadahía (Vicedelegada), María Jesús Fernández (Tesoureira), Berta López (Secretaria) e Miguel Vázquez (Consiliario), fixo posible proxectos de desenvolvemento grazas á súa gran talla humana, dedicación, esforzo e co apoio dos voluntarios. O novo equipo confórmano Josefina Varela (Delegada), Pilar Cadahía (Vicedelegada), Marina Otero (Tesoureira) e Ana Castro (Secretaria) e Miguel Ángel Álvarez (Consiliario), que seguirá fortalecendo a dimensión social da fe.

O luns  12 de novembro hai unha xornada de estudo a cargo formadores de Mans Unidas España. E durante o ano 2019 haberá sesións de formación para os voluntarios da organización e para calquera persoa interesada nas cuestións a tratar: os documentos Sacramentum caritatis e Caritas in veritate de Benedito XVI. As reunións deste grupo de reflexión-formación, que dirixirá Miguel Ángel Álvarez serán no local de Mans Unidas (rúa da Cruz, 3, Lugo) ás cinco da tarde o 21 de xaneiro, o 18 de febreiro, o 11 de marzo, o 8 de abril, o 13 de maio e o 17 de xuño.

Carta do Sr. Bispo con motivo do Día da Igrexa Diocesana

Queridos irmáns: celebramos un ano máis o Día da Igrexa Diocesana. O lema escollido [Somos unha gran familia] convídanos a dirixir a mirada aos lugares e ás persoas concretas coas que vivimos a nosa fe. En efecto, do mesmo xeito que ninguén existimos sen as nosas circunstancias, sen enraizamento e vinculación a unha familia concreta, así tampouco existimos como fillos de Deus sen unhas persoas e unha historia particular.

Non seriamos cristiáns sen ser bautizados un día, rodeados dos nosos seres queridos e co noso párroco; nin viviriamos como tales sen participar concretamente nos sacramentos e sen a compañía cotiá de moitos fieis ao noso carón.

Se a Igrexa non fose accesible a nós nun lugar, en comunidades e parroquias, o noso ser cristián sería abstracto. Pero, por providencia divina, a «familia eclesial» faise presente para cada un na súa Igrexa diocesana, na que recibe e pon en práctica a fe e o amor verdadeiros, que son universais, pero tamén moi concretos, como experimenta o cristián nas súas relacións máis cotiás: amamos ao próximo cunha «caridade» que vén de Deus mesmo; pero sen este amor concreto ao próximo que vemos e tocamos, non podemos falar do amor de Deus, a quen non vemos (1 Xn 4, 20).

Así pois, pertencendo a unha parroquia e a unha diocese determinada estamos na Igrexa católica, estendida por toda a terra. Pero, sen a nosa familia eclesial concre-ta, afastámonos da gran unidade da Igrexa universal e debilítase a vivencia da fe.

Non desprecemos nunca a nosa historia particular, a nosa parroquia, a nosa diocese. Nela e por medio dela ofrécensenos os valores e a sabedoría maiores, o amor máis verdadeiro e a vida sen límites. Porque o máis grande de todos, o Deus eterno, quixo demostrar o seu poder facéndose igual a nós, habitando entre nós, para salvar e encher de ben e de vida aos que somos pequenos, e temos mesmo o corazón estreito e endurecido.

Coidemos esta familia diocesana como un gran tesouro, aos nosos irmáns e irmás, aos nosos sacerdotes, ás persoas de vida consagrada, os templos, as tarefas e as iniciativas comúns; porque nesta familia, na súa humildade, están encerradas as riquezas máis decisivas da vida.

Non nos espanten ou escandalicen os seus límites, saibamos ver o tesouro do Evanxeo, a plenitude de graza e de verdade, que a Igrexa fai presente no medio das nosas casas. Non valoremos só a beleza e a limpeza dos nosos edificios, aínda que niso se manifeste o interese e o agarimo, senón sobre todo a presenza do Señor Xesús, a promesa de vida, a esperanza que brota ao estar na súa compañía.

Aceptemos vivir como irmáns, seguindo os ensinos de Cristo; axudémonos no camiño de cada día, ofrezamos a nosa man nas dificultades, acompañémonos nos momentos de dor e de soidade.

Aprendamos a ver en cada persoa a dignidade de alguén amado por Deus, fagamos propia a caridade do Señor Xesús, que non veu buscar a sans e xustos, senón a enfermos e pecadores, e que El alimenta no corazón dos seus, de quen permanecen ao seu carón, de xeito especial cando é recibido na eucaristía.

Con este amor universal, que non coñece límites, que ten entrañas de misericordia, daremos a proba mellor de cal é a «familia» á que pertencemos, de quen é o noso Pai, o noso Mestre e o noso Señor.

Mons. Alfonso Carrasco Rouco

Bispo de Lugo

A %d blogueros les gusta esto: