Na Parroquia da Milagrosa terá lugar o venres 23 de novembro ás 20:15 horas o V Festival da Esperanza, unha actividade benéfica no Salón de Actos do Colexio Divina Pastora (Salesianos). Este festival está organizado por un grupo de mozos que a través da música queren facer algo polos demais, porque están convencidos que é posible unha sociedade máis solidaria e xusta. A Igrexa esfórzase cada día en que así sexa en tantos lugares.
O Festival da Esperanza é unha ocasión máis para tomar conciencia das necesidades do próximo e da comunidade, descubrir e recoñecer que son maioría – xente sinxela e anónima- os que se empeñan en pór o seu granciño de area para que ningunha persoa sexa excluída. Quizais nas nosas mans non está resolver todos os problemas do mundo, pero o que si é a nosa responsabilidade é levar e dar esperanza a tantos irmáns e irmás nosos. O Evanxeo de Xesús é Boa Nova, pode ofrecerse aos demais cousas boas.
Co Festival da Esperanza iníciase na Parroquia da Milagrosa a Campaña Solidaria de Nadal, que tamén inclúe: a Cea Benéfica de Cáritas Parroquial o venres 14 de decembro, recollida e repartición extraordinaria de alimentos por Nadal o venres 21 de decembro. A repartición de xoguetes será o venres 4 de xaneiro de 2019; e ao día seguinte, 5 de xaneiro, a Misa de Nenos coa visita de SS.MM. os Reis Magos de Oriente despois da Misa.
Mes: Novembro 2018
Mans Unidas: Acende a chama. 24 horas que moven o mundo
Durante esta penúltima semana de novembro Mans Unidas leva a cabo en toda España a acción “Acende a chama. 24 horas que moven o mundo”, para fomentar a solidariedade polo desenvolvemento auténtico de cada ser humano e, especialmente, dos máis pobres.
Na Diocese de Lugo esta acción faise en varias parroquias da cidade de Lugo, Sarria, Monforte e A Fonsagrada. Nesta última parroquia, Santa María da Fonsagrada únense a esta campaña o xoves 22 durante a adoración eucarística das sete e media da tarde. Coas candeas acesas presentaranlle ao Señor as necesidades de tantas persoas que no mundo pasan necesidade.
Na cidade de Lugo o acto será o sábado 24 durante a Eucaristía que se celebra ás 20h na Catedral.
A nova presidenta de Mans Unidas Lugo, Josefina Varela, asume o cargo “con gañas; ademais, está servíndose á Igrexa, que é o que nos move e o máis importante”.
Josefina Varela está ilusionada porque o ano que vén celébrase o 60 aniversario da organización, longa traxectoria que non se dá en moitas entidades humanitarias. E tamén está entregada á boa marcha dos proxectos que asume a Delegación de Lugo:
- Cinco sistemas de auga potable que beneficiarán a 956 familias de 4 comunidades de San Martin Jilotepeque, Guatemala
- Edificio con capacidade para 40 nenos orfos, e un tanque para a recollida da auga de choiva, na India.
Camiño contemplativo
O primeiro Camiño Contemplativo que organiza este curso a Delegación de Apostolado Segrar. Foi o 16 de novembro polo barrio de San Antonio (Lugo) ata o templo. Algúns dos comentarios que realizaron os asistentes tralo Camiño foron os que se reproducen a continuación:
“Este camiño foi para min unha nova experiencia, un regalo, por todo o que descubrín e por todo o que compartimos. Só nos dixeron que intentásemos mirar a realidade que nos rodeaba cos ollos de Xesús. A calma e o silencio con que fixemos o camiño foi o que me motivou para intentar observar en profundidade todo aquilo que fomos vendo ao pasar. Decateime de que todo iso provocaba en min sensacións moito máis intensas que calquera das moitas outras veces que pasaba polo mesmo sitio. Tamén me preguntaba como reaccionarían os meus compañeiros de camiño, que seguramente sería algo ben distinto”. Ángela
“Sempre me sorprende este modo distinto de facer oración e contemplación desde a vida. Nesta ocasión descubrín como temos que converter a mirada. Foi moi enriquecedor estar en grupo: sacerdotes, laicos de distintas parroquias, persoas que non coñeces pero estamos unidos no seguimento de Cristo”. Dulce María
“Resultoume moi significativo. Primeiro polo percorrido, pois facía tempo que non pasaba por aí. Atravesamos espazos cheos de vida, outros lugares que noutro tempo tamén estiveron cheos de vida pero agora están baleiros. Todo isto provocou que xurdisen sentimentos contraditorios. A parada na zona verde supuxo un encontro cos demais, coa contorna e comigo mesma. Sentín paz e unha interpelación sobre como é a miña mirada cara aos demais. Gustoume a sensación de sentirme acompañada por outras persoas nese mesmo camiño”. Lola
O próximo Camiño Contemplativo será en febreiro de 2019.
Xornada de oración polas vítimas de abusos
A Conferencia Episcopal Española (CEE) únese á petición do Papa para “orar polas vítimas de abuso sexual como parte da iniciativa da Xornada Universal da Oración”.
A CEE acordou a celebración da Xornada de Oración polas Vítimas de Abusos, o 20 de novembro, Día Universal do Neno, e que se introduza unha intención na oración dos fieis polas vítimas dos abusos de menores.
Impacto das novas tecnoloxías no cerebro e o comportamento dos nenos e mozos (II)
Quen nos venden as novas tecnoloxías convéncennos de que posibilita a capacidade da multitarefa. Favorece isto aos nosos nenos e mozos?
Cando un adolescente está sentado fronte ao ordenador con catro pantallas abertas no seu monitor, realmente non está a realizar catro tarefas ao mesmo tempo. Está a realizar o que os neurocientíficos denominan «alternancia continuada da atención». É dicir, dedica uns minutos (ou menos) a realizar unha tarefa. Despois pasa á seguinte e aos poucos minutos a outra máis. E isto é así por unha sinxela razón: o noso cerebro non é capaz de realizar dúas tarefas á vez se estas implican á mesma zona do cerebro.
Un adolescente pode estudar mentres escoita música instrumental, por exemplo. Pero se ten que reter información verbal ao mesmo tempo que escoita cancións con letra no seu idioma, resultaralle extremadamente difícil memorizar. O seu cerebro saltará constantemente da letra da canción ao texto escrito. Non se concentrará, esgotará ao seu cerebro e a información non quedará ben fixada. Isto é así porque ambas as tarefas requiren a activación do mesmo centro da linguaxe.
O profesor Jim Taylor, da Universidade de Denver, explica que a multitarefa só é posible cando se cumpren dúas condicións:
- Que as tarefas impliquen distinto tipo de procesamento cerebral.
- Que unha tarefa non requira pensamento e estea tan ben aprendida que se realice de forma automática (correr, montar en bicicleta…).
O problema é que este falso concepto de multitarefa non é inocuo e ten consecuencias significativas. Numerosos estudos, como os de Eppinger demostran que cando o cerebro pasa dunha tarefa a outra os circuítos neuronais fan un receso entre a unha e a outra. Este proceso non só consome máis tempo, senón que tamén reduce a eficacia no desenvolvemento das tarefas. É o que explica que cando os nosos nenos e adolescentes teñen á vez aberto o libro, acendido o ordenador para consultar algunha rede social e o móbil sobre a mesa para recibir e enviar WhatsApp, o seu rendemento escolar baixa vertixinosamente e a súa fatiga mental aumenta.
O psicólogo David Meyer e o seu equipo, da Universidade de Michigan, comprobaron que cando se cambia rapidamente de exercicio mental en sucesivas ocasións, en lugar de completar unha tarefa antes de iniciar a seguinte, a eficacia do cerebro pódese ver diminuída até nun 50 %. Por iso, moitos mozos perderon a súa capacidade de concentración e de ler e escribir textos longos.
O noso cerebro traballa mellor cando se emprega nunha soa tarefa de forma continua, en lugar de saltar de tarefa en tarefa reiniciando procesos unha vez tras outra. Por iso, desde o COF diocesano de Lugo aconsellamos sempre aos nenos e adolescentes que acompañamos, así como ás súas familias, a que o estudo se faga de forma que non haxa distraccións nin actividades en paralelo. Comprobamos unha e outra vez que o rendemento académico mellora asombrosamente en pouco tempo.
Xosé Manuel Domínguez Prieto
COF Diocesano de Lugo