Celebracións previas ao DOMUND

O martes 16 de outubro ás 19 h na igrexa de San Francisco Xavier ten lugar a Vixilia do Domund tendo especialmente presentes aos misioneiros, que cambian o mundo co seu labor de anuncio e caridade entre os máis necesitados da Terra.

O venres 19 de outubro ás 20h na igrexa Santiago A Nova será o pregón do DOMUND. O encargado de pronuncialo é o coñecido xurista, historiador e escritor José Ramón Ónega, que naceu en Pol, como o protagonista dun dos seus libros José María Díaz Sanjurjo: un gallego en Vietnam.

[Materiais do DOMUND]

Encontro das Delegacións de Misións en Lugo

O pasado sábado 6 de outubro as Delegacións de Misións galegas tiveron un encontro na Parroquia San Francisco Xavier (Lugo). Acudiron misioneiros, familiares e grupos de animación misioneira. O misioneiro xaveriano Rolando Ruíz deu inicio ao encontro cunha conferencia sobre o lema do DOMUND deste ano: “Cambia o mundo”. Despois, en distintos grupos sacáronse  conclusións sobre a conferencia. Nun deses grupos a irmá Adelaida, misioneira do Divino Mestre, que estivo en Camerún, e que proximamente irá á República Democrática do Congo, comentou que os misioneiros de vangarda, os que están nas misións, non serían nada sen os misioneiros de retagarda, que animan a seguir o seu labor, a non sentirse tan sós e son os que durante todo o ano axudan no labor misioneiro desde aquí.

Á hora da comida puido comprobarse a arte culinaria colombiana, grazas a un matrimonio da Parroquia.

Na sobremesa houbo un tempo de diversión co mago lucense David Méndez, e un compañeiro de León.

A media tarde celebrouse a Eucaristía lembrando a todos os misioneiros.

Finalmente, pasouse un vídeo sobre Anastasio Gil, director nacional de Obras Misionais Pontificias, falecido recentemente, e que acompañara o pasado DOMUND a todas as Delegacións galegas co seu gran espírito misioneiro.

Xornada Diocesana de Liturxia

Unha das accións que programou para este curso a Delegación de Liturxia é organizar unha Xornada de Formación Litúrxica, que se concreta o mércores 10 de outubro no Seminario, onde se reflexionará sobre como a celebración litúrxica crea unha vida espiritual.

A relatora é a irmá Carolina Blázquez Casado, OSA, priora do Mosteiro da Conversión de Sotillo de la Adrada, Doutora en Teoloxía pola Universidade Pontificia de Salamanca e profesora en San Dámaso, no Bienio de Liturxia.

O horario é o seguintes:

  • 10:15 Presentación. Oración

  • 10:30 Relatorio: A liturxia, escola de vida cristiá. Liturxia, espiritualidade e vida cristiá

  • 11:30 Descanso

  • 12:00 Comunicacións varias

  • 12:15 Relatorio: Relacións entre liturxia e piedade popular

  • 13:15 Diálogo coa relatora

  • 16:30 Relatorio: A necesidade dun método litúrxico: recuperar a mistagoxía

  • 17:30 Diálogo

  • 18:00 Fin da xornada

Esta xornada é aberta a sacerdotes, consagrados, ademais de fieis laicos.

Mesa redonda “O traballo decente non é un conto”

O luns 8 de outubro ás 19 h no salón de actos da Deputación de Lugo hai unha mesa redonda baixo o título  “O TRABALLO DECENTE NON É UN CONTO” coa participación de:

Mercedes Andrade Roca e Teresa Rodríguez Vilaseco

Representantes da Asociación de Empregadas do Fogar, XIARA.

José Francisco Real Castro

Presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Hostalaría e Turismo de Lugo.

Antonio Niño Saavedra

Secretario comarcal da Confederación Intersindical Galega, CIG.

Álvaro Santos Ramos

Voceiro do goberno da Deputación Provincial de Lugo.

O moderador será o Delegado Diocesano de Apostolado Segrar, Xesús A. Fernández Aira

É un acto organizado por Cáritas Lugo, Confer (Confederación de relixiosos), HOAC (Irmandade Obreira de Acción Católica) e a Fundación Juan Soñador  con motivo de celebrarse o 7 de outubro a Xornada Mundial polo Traballo Decente.

 

[Escoitar entrevista ao bispo Mons. Alfonso Carrasco sobre o tema]

Homilía do bispo Mons. Alfonso Carrasco na solemnidade de San Froilán

Transcrición da homilía pronunciada polo bispo Mons. Alfonso Carrasco durante a Eucaristía solemne na Catedral o 5 de outubro de 2018:

Benquerida alcaldesa desta nosa cidade de Lugo, hoxe acompañada polos membros da corporación municipal.

Damos a benvida a estes cativos vidos dende a parroquia de San Xoán do Campo para facer esta tradicional ofrenda ao noso patrón, san Froilán.

E benvidas tamén tódalas persoas que dende distintos lugares se achegan hoxe á nosa cidade para celebrar solemnemente estas festas.

Benvidos todos a esta casa vosa; cada fiel que ven aquí, cada un dos que vimos aquí a esta catedral sabemos que, vindo de onde veñamos, estamos na nosa casa, esta é a nosa casa, a casa de tódolos cristiáns do mundo enteiro, aquí onde a Igrexa en Lugo onde ten a súa sé.

(…) hoxe os lucenses recibimos aquí, na catedral e tamén en cada un dos nosos fogares, aos nosos familiares e aos nosos amigos para celebrar con ledicia ao noso patrón.

Celebramos a San Froilán e del o primeiro que hai que dicir é que é patrón da nosa cidade e da nosa diocese e tamén patrón da cidade de León, onde está enterrado, logo de facer un longo camiño desde aquí. El naceu aquí en Lugo, nunha casa pequena e sinxela na que medrou e se fixo grande… ata chegar ás fronteiras do que daquela eran distintos reinos; e sempre facendo ben e construíndo.

E podemos lembrar o motivo principal polo que facemos festa: que alguén noso, unha persoa nacida aquí en Lugo, é hoxe recoñecido como alguén cheo de esplendor e recoñecido moito máis aló deste lugar, moito máis aló das nosas fronteiras, moito máis aló deste século…; hoxe lembramos e celebramos que Froilán, lucense, é recoñecido como alguén moi grande por todos, pola Igrexa Universal, como un santo, como un modelo para calquera cristián de calquera lugar e de calquera momento da historia.

Froilán foi un home grande que naceu aquí, lugar no que había unha semente boa, fonda, unha fe que levaba dentro un sentido da vida fundamentado no amor, na xustiza, na paz; Froilán foi parte dunha humanidade grande.

Tódolos galegos sabemos que é preciso sementar primeiro para logo recoller os froitos; e San Froilán é froito dunha tradición concreta, dunha familia, dun pobo que tiña dentro algo moi fondo que fixo xurdir del a alguén tan importante.

San Froilán, como San Paulo, soubo que todo o que podía desexar e facer sería moi grande só con Noso Señor, só seguindo a Xesús. E así o fixo o noso paisano: correu tras Xesús, foi tras El, estudando, traballando, seguíndoo de todo corazón. E por iso, por estar con Xesús, puido dar un froito moi grande, moi forte: ser pai para moitos. Iso é o máis belo e mellor que pode chegar a ser unha persoa: ser pai, ser nai ou, o que é o mesmo, ser fecundo e chegar a dar moitos froitos nos seres queridos, nos seres próximos. Que felicidade hai máis grande que poder un día sentar á mesa con aqueles que medraron grazas a ti?

O que hoxe faremos nas nosas casas será isto: sentar ao carón daqueles que medran por nós, pola nosa axuda, e dan froitos de paz, de humanidade, de xustiza.

Ler máis

A %d blogueros les gusta esto: