Sospeito que máis dun criticará esta especificación que fago da figura de san Xosé Mª Díaz Sanjurjo, en termos só correctamente aplicables a produtos da terra e do traballo dos homes.
A estimación dun produto vén avalada polo lugar da súa procedencia e pola calidade da man de obra que intervén na súa elaboración, de aí a denominación de orixe con que se etiquetan certos artigos de consumo.
A santidade non é produto do campo nin tampouco da industria humana, senón froito da graza de Deus. Con todo, moito ten que ver na santificación do home a achega dos humanos e a contorna ambiental en que estes se moven. Isto lévame a pensar que non debe ser un despropósito de vulto dicir de san Xosé de Suegos que é un santo con denominación de orixe.
Á súa santificación contribuíron grandemente a responsabilidade dos seus pais, os cales inculcaron aos seus fillos as virtudes que eles vivían, o ambiente cristián do seu tempo e a coidada formación espiritual que recibiu no noso Seminario de Lugo.
Por todo isto, non considero fóra de lugar o que estou a dicir. Sexa como sexa, acepto a crítica negativa que se me poida facer, se a expresión “un santo con denominación de orixe” contribúe a que os lucenses valoremos un pouco máis a egrexia figura de san Xosé Mª Díaz Sanjurjo, ilustre fillo de Lugo, insigne polas súas virtudes e polo seu saber.
Cando por todos os medios procúranse promocionar outros valores da terra e dar a coñecer a outros fillos ilustres da nosa terra, é inexplicable que deixemos caer no esquecemento a persoas tan eminentes como o noso santo.
Lugo tivo moitos fillos ilustres. Non cito a ningún, para que non se me poida esquecer algún, pero entre eles, san Xosé Mª Díaz Sanjurjo brilla con luz propia pola súa ciencia e virtude: doutor en ambos os Dereitos, autor dun tratado de Dereito Natural, sacerdote dominico, misioneiro do Tonkín (hoxe Vietnam), bispo de Platea aos 30 anos e… mártir de Cristo aos 38. É un lucense que o deixou todo para darse totalmente a todos. Ben merece, coa nosa admiración, o noso aprecio e nosa estima, tamén o noso recoñecemento.
Xunto a san Xosé Mª, figuran tamén na lista de santos lucenses: san Capitón, primeiro bispo de Lugo; san Froilán e a súa nai, santa Froila, fillos da nosa cidade; san Rosendo, bispo de Mondoñedo, san Inocencio de Foz…
Á vista destes nomes, cabe afirmar, plaxiando o dito castelán, que se Ávila é “terra de cantos e de sabios”, Lugo o é “de nabos e de santos”. Os nabos de Lugo son os mellores do mundo e os santos lucenses o son coa santidade dos mellores fillos da Igrexa. Pero, ollo! que a lista non está pechada.
Mons. Indalecio Gómez Varela
Gústame esto:
Gústame Cargando...