Curso catequético 2018 – 2019

O vindeiro venres 28 de setembro ás 19 horas no salón de actos do Seminario Diocesana terá lugar a presentación do novo curso catequético. A continuación, participarase na Eucaristía de inicio do Curso Pastoral (20h na Catedral).

Este curso 2018-2019 ten como lema: “Catequista, acompañante no camiño da fe”.

Os catequistas son verdadeiramente acompañantes. Son moitos os que acompañan a nenos e xoves: escola, familia, amigos. Tamén os catequistas considéranse chamados a acompañar, seguindo o modelo de Xesús de Nazaret.

Cada vez vese máis claro que a iniciación cristiá dos nenos non se pode acadar sen a axuda da familia. Por iso é clave facer conscientes aos pais da importancia da fe para a vida dos nenos e do seu papel como primeiros educadores na fe dos seus fillos.

O catequista na catequese celebra a vida. Para iso celebra na oración, acompañando os acontecementos, estando co outro cando é necesario.

A fe non podemos supoñela, senón que debemos propoñela. non se pode dar por descontada a fe.

A Delegación Dioceana de Catequese quere brindarse toda a axuda posible e animar nesta rica tarefa.

Máis alá do branco ou negro

Cando examinamos as realidades sociais vemos que soen ser poliédricas. Nos comportamentos que temos os seres humanos hai moitos matices, aínda que hai persoas que só ven a realidade social como unha dicotomía, é dicir, en branco ou negro, ou dito doutra maneira comigo/connosco ou contra min/contra nós. Para reflexionar sobre a pasada guerra civil española, máis alá de ollar o tema en branco ou negro, quero destacar os matices aportados por unhas persoas ás que coñecín persoalmente.

Empezo recordando o meu primeiro párroco en Madrid. Unha persoa que antes de ser cura loitou na guerra un ano con cada un dos bandos, e no intermedio estivo preso nun campo de concentración. Tiña carnet da UXT do ano 36 e no primeiro ano da guerra fora enlace no rexemento de Enrique Líster. Cando os republicanos perderon Bilbao tivo que facer un discurso para dar ánimos á tropa. A tese desenvolvida no discurso era que agora ían gañar a guerra pois, ao non ter que alimentar a tanta poboación civil, dispoñían de máis recursos para gañar a guerra, e tiñan menos impedimentos. Os que o fixesen prisioneiro foran os italianos. Eu comentáballe que como bo irmán repartira equitativamente entre os dous grupos de irmáns, un ano para cada grupo.

Tamén colaborei no arciprestado con outro cura que, antes de selo, estivo na fronte xunto ás brigadas internacionais e dicíanos que el nunca matara a ninguén, pois, cando tiña que disparar, facíao sempre á terra, porque se disparase ao aire as balas cando caesen ao chan podían matar a calquera que andase por alí.

Outra cura importante na historia de España estivo despois da guerra durante un tempo sopesando se se apuntaba no maquis ou se se facía cura. Ao final a súa decisión foi facerse cura. Despois, sendo cura, a Santa Sé propúxoo tres veces para ser Bispo, pero tamén por tres veces o Réxime rexeitou admitilo ao episcopado.

Igualmente convivín con persoas que estando de recrutas na mili tiveron que ir á guerra no bando ao que os levaban os mandos do seu rexemento. Comentábanme que ás veces os levaban para exercer de pelotón de fusilamento e que, a propósito, ningún deles disparaba ao que lles mandaban fusilar. Isto descúbrenos que tiñan unha opción clara pola vida e contra a pena de morte, a pesar das difíciles circunstancias.

Non digo que estes feitos sexan os mellores realizados eses anos en favor da paz, do perdón e do respecto á vida de todos. Houbo moitas persoas que son exemplo de bondade e de paz, ou como o historiador Octavio Ruiz Manjón titulou a súa obra, “Algúns homes bos”. Estes homes bos tiñan que ser os que máis debemos traer á nosa memoria colectiva para desfacer as actitudes sectarias, que tan perxudiciais son para a boa convivencia social.

Traer á memoria colectiva estes homes bos sei que pon ante os nosos ollos, como meta a alcanzar, un listón ético demasiado elevado para a nosa mediocridade e os nosos comportamentos tan sectarios e egoístas. Estas persoas serían un espello que nos devolve unha imaxe nosa demasiado pequena desde a valoración ética, pero tamén serían un estímulo para que intentásemos mellorar como persoas humanas. Quizais nisto está a razón pola que non os queremos recordar, tal como nos ensina o libro da Sabedoría (2,11-15), que é da parte xudia da Biblia e que foi escrito hai máis de 2000 anos:

 “Que sexa a nosa forza a norma da xustiza, xa que o ser feble se estima inútil! Espreitemos o home xusto que nos dá tanto noxo e se opón aos nosos feitos, botándonos en cara a transgresión da lei, repróchanos faltas da nosa educación. Gloriase de coñecer a Deus, noméase a si mesmo fillo do Señor. Converteuse en censura dos nosos criterios; soamente ollalo xa nos irrita, pois a súa vida difire da dos outros e os seus vieiros son estraños…

Para coñecer persoas deste talante ético, sen que nos influíse tanto a visceralidade das emocións, o mellor sería comezar por coñecer a persoas que actuaron noutros conflitos. A modo de exemplo é recomendable o libro da neta do ditador Tito, Svetlana Broz, titulado “Boa xente nos tempos do mal”, que recolle unha serie de accións de persoas de ben en favor de musulmáns, católicos, ortodoxos, ateos, bosnios, serbios, croatas… realizadas polos que tiñan que ser os seus inimigos nas guerras da antiga Iugoslavia.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas Lugo

Actos en torno á festividade da Mercé

Nos centros penitenciarios da Diocese -Monterroso e Bonxe- o propio día da Benaventurada Virxe da Mercé, o luns 24 de setembro, hai Misa Solemne.

Na prisión de Bonxe o mércores 26 de setembro o sacerdote Jesús Río Ramilo fálalles aos internos do Camiño de Inverno a Santiago. O xoves 27 será o sacerdote Alfonso Blanco quen terá unha intervención baixo o título “Camiño de Santiago: lugar e tempo de encontro”. E o venres 28 conclúense estas xornadas cunha mesa redonda na que presos que fixeron o Camiño de Santiago contarán as súas experiencias.

VI Encontro interdiocesano de Pastoral Penal: o día 6 de outubro na Casa de Exercicios de Santiago de Compostela sobre “A Igrexa que evanxeliza o cárcere, signo de esperanza”. Intervén Florencio Roselló, mercedario e director do departamento de Pastoral Penal da Conferencia Episcopal Española. Haberá un autobús desde Lugo para facilitar a asistencia a esta xornada aberta a todos os interesados en coñecer o mundo da prisión. Para máis información e inscribirse: correo electrónico jrmil@hotmail.com.

Presentouse a obra de acondicionamento do baixo cuberta das Antigas Sancristías da Catedral

O bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, deron conta o 19 de setembro que está próximo a rematar a obra que a Xunta de Galicia realiza para acondicionar o baixo cuberta das Antigas Sancristías e Capela de San Froilán da Catedral de Lugo.

Nesta obra liberouse espazo e creáronse estancias habitables no baixo cuberta adosado ao Triforio na Nave do Evanxeo, para o que se eliminaron parcialmente os tabiques de ladrillo, substituíndoos por estruturas metálicas. Así mesmo, quedan realzadas as fiestras románicas do triforio, liberándoas dos forxados de formigón e substituíndoos por elementos de cristal, moito máis acaídos.

A obra incluíu tamén a colocación dun falso térmico que illa termicamente a cuberta, a limpeza das fábricas de cantería e a cubrición con morteiro de cal como acabado dos paramentos.

O bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco, en declaracións recollidas por COPE, afirmou que a obra “é moi boa”, porque ademais de recuperar unha parte da Catedral, gañouse superficie para habilitar “espazos de traballo, de arquivo e de almacenamento”.

Cristianismo e migracións

A actualidade do fenómeno migratorio demanda, nestes tempos, unha profunda reflexión cristiá. Hai un amplo debate na opinión pública sobre a traxedia dos refuxiados e os migrantes forzosos. Vivimos unha gran encrucillada histórica onde os fluxos migratorios e a urxencia humanitaria suscitan serios interrogantes ao noso modus vivendi, á nosa forma de entender as relacións internacionais e de ofrecer unha resposta coherente de tantas familias que chaman desesperadamente ás nosas portas. Escoitaba onte, nun medio de comunicación, a pregunta: que fai e di a Igrexa ante a realidade migratoria? Consciente de que sempre se pode facer moito máis e da súa chamada á santidade e á perfección, a Igrexa non cala ante este gran problema. Tampouco está quieta. Miles de centros de acollida, en parroquias e institucións, caladamente pero con gran eficacia, practican a hospitalidade desde unha opción de fe como unha das actitudes esenciais da misión de Xesús. Misión que adquire un acento especial a través do ministerio da reconciliación, da celebración da Eucaristía, no convocar á mesa, no banquete e na práctica das obras de misericordia.

A Igrexa católica, malia os seus erros históricos, foi mestra de hospitalidade pola súa gran herdanza xudía e por mandato directo do seu Mestre (“fun forasteiro e acolléstesme”: Mt 25, 35). A experiencia bíblica recoñécese en experiencias migratorias, de exilio, de éxodo, de acollida e hospitalidade, que pertencen ás experiencias fundantes do pobo elixido: “o meu pai foi un arameo errante” (Dt 26,5). O mesmo Xesús, no Novo Testamento, preséntase como un migrante, e a súa doutrina acentúa a acollida, a fraternidade, o universalismo e a misión apostólica máis aló das fronteiras.

De feito, nas últimas décadas, na reflexión teolóxica, comezou a tematizarse unha “teoloxía das migracións” e o propio Maxisterio da Igrexa, especialmente a partir do século XIX trata o tema explícita e abundantemente. Desde León XIII ata o papa Francisco, fillo dunha familia de migrantes, o Maxisterio presentou unha gran riqueza temática e orientacións concretas que invitan á hospitalidade. Na actualidade, os teólogos sosteñen que a migración é fundamental para entender a condición humana, a práctica relixiosa e a identidade cristiá. Os interrogantes que se nos suscitan desde a razón son moitos. E aquí algúns, que suxiro para continuar a reflexión: Ata cando se poderá manter un sistema económico baseado soamente no crecemento e na especulación que facilita os fluxos financeiros pero pon trabas á circulación de persoas? Ten futuro un mundo que esquilma os recursos naturais dos máis pobres, que xera  miseria e que en consecuencia produce tráxicas secuelas no planeta terra? É posible que os países ricos do norte poidan seguir explotando aos máis pobres, reforzando sistemas autoritarios no sur e alimentando os conflitos bélicos coa venda de armas para manter o seu propio estatus? Estas cuestións requiren unha mirada profunda á luz da fe fronte a formulacións simplistas. Son un verdadeiro “signo dos tempos” e sen dúbida, a cara máis humana da globalización. Estes son os grandes desafíos: coidar e protexer a casa común, tomar conciencia de que pertencemos a unha soa familia humana e procurar unha aproximación integral, máis aló de remendos, para combater a pobreza, para devolver a dignidade aos descartados e para unha fonda conversión ecolóxica.

José Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

A %d blogueros les gusta esto: