Encontro Mundial das Familias

Do 21 ao 28 de agosto, a Delegación de Pastoral Familiar da Diocese de Lugo, xunto coas Delegacións de Apostolado Segrar e Pastoral Familiar da Arquidiocese de Santiago organizan a asistencia ao Encontro Mundial das Familias 2018 en Dublín.

Os días previos ao Encontro aprovéitanse para coñecer Limerick e Kilkenny. Ademais, a véspera do regreso visitarase Irlanda do Norte (Belfast). Entre os días 24 e 26 de agosto, particípase no Encontro Mundial das Familias.

[Última das catequeses preparatorias]

[Programa]

«Eu son o teu Pai!»

Se cadra nunca viches a saga Star Wars, pero si oíches nalgún anuncio ou viches nalgunha imaxe esta icónica, e xa lendaria, frase do cine. No episodio V, O imperio contraataca, Darth Vader, caracterizado polo son do seu respirador artificial, nunha batalla decisiva con Luke Skywalker, decide facerlle a confesión máis importante da súa vida (que ata podería ser o comezo da súa inacabada conversión): «Eu son o teu pai».

Trasladémonos por un instante á pasaxe de Lc 15. Si, o fillo pródigo. Na parábola, Xesús fálanos dun fillo -o menor- que decide malgastar a parte da herdanza que lle corresponde. Malgastada a fortuna e malvivindo mentres coida porcos, opta por regresar a casa do seu pai que é, en realidade, tamén a súa casa. O discurso que prepara só ten a pretensión de ter un lugar onde comer, vivir e durmir; traballar como outro xornaleiro calquera.

Pero entón entra en escena o pai. O máis importante deste personaxe é xustamente iso: que é pai! O texto di: «cando aínda estaba lonxe, viuno o seu pai». Alí estaba el, esperando ao seu fillo. Un pai que ama desexa volver reencontrarse co seu fillo; con máis razón cando o fillo decide marchar da casa!

Cinco verbos: «viuno e conmovéronselle as entranas; e, ás presas, botóuselle ao pescozo e cubriuno de bicos». En 5 verbos descríbesenos a acción amorosa deste pai. Unha acción que nace dun desexo: o regreso do seu fillo. E aquí está, volveu!

O máis curioso deste momento é que, mentres o fillo está empeñado en ser un xornaleiro, o pai, para falar del, chámao “fillo”. Quizais a frase de Darth Vader, malia ser o malo, é moi certa. É o seu pai e el sempre será o seu fillo. É o teu pai e ti sempre serás o seu fillo. Deus é o noso Pai e nunca cansará de chamarnos fillos, de esperarnos, de correr cara a nós e cubrirnos de bicos. E entón volveremos descubrir este abrazo paterno que nos protexe e dános vida. «Este fillo meu estaba morto e reviviu».

«A comunicación [entre pai e fillo] é ás veces difícil, a confianza diminúe e a relación coa figura paterna pode volverse problemática; e entón tamén se fai problemático imaxinar a Deus como un pai, ao non ter modelos axeitados de referencia. Para quen ten a experiencia dun pai demasiado autoritario e inflexible, ou indiferente e pouco afectuoso, ou ata ausente, non é doado pensar con serenidade en Deus como Pai e abandonarse a El con confianza» (Benedicto XVI, Audiencia xeral, 30-I-2013).

Que Deus é Pai é a primeira afirmación que facemos no Credo e é posible grazas a que Xesús pediunos que, cando oremos, digamos: “Pai noso”. Polo bautismo somos fillos de Deus; redescubrámolo como Pai, aprendamos a amar como fillos. El sostén, acompaña e guía as nosas accións, e, ademais, somos partícipes dunha herdanza: a vida eterna. «Quen non procurará non perder tal Pai?» (Santa Teresa).

Nicolás Susena

Vicario parroquial da Milagrosa (Lugo)

Multifestival Laudato Si

 

O Multifestival Laudato Si é unha iniciativa xurdida fai tres anos, da colaboración do cantante arxentino, fincado en España, Marcelo Olima e o párroco de Adra (Almería), o padre Antonio Cobo. Desde o pasado ano, o festival dura todo unha fin de semana con presenza de artistas internacionais. Terá lugar do 23 ao 26 de agosto, en Adra (Almería), con charlas, obradoiros para músicos e evanxelizadores, oracións, celebracións e un gran concerto cada noite nas praias. Entre outros moitos artistas, estará a lucense Rosa Cruz, que terá as seguintes disertacións o venres 24 no Centro Cultural:

  • ás 11h: “Diferenza entre Ministerio de música e coro parroquial e a súa función”.
  • ás 17h: “A espiritualidade do músico”

Anxos Custodios

Algúns Anxos son destinados por Deus para garda e custodia dos homes. A Igrexa non definiu expresamente esta doutrina como de fe, pero dedúcese claramente dos datos que nos proporciona a Sagrada Escritura. Todos e cada un dos homes, bautizados ou non, teñen o seu correspondente Anxo da Garda. A explicación deste feito achámola en Santo Tomás de Aquino’, que di: “O home atópase na vida presente como nun camiño que o leva ao ceo. Neste camiño combáteno moitos inimigos tanto interiores como exteriores. Por iso, así como aos que van por lugares inseguros proporciónaselles escolta, así tamén a cada home mentres se dirixe á gloria, dáselle un Anxo Custodio, de tal maneira que ningún Anxo se encarga de custodiar a dous ou máis persoas. Aínda que, doutra banda, é moi posible que alguén teña dous ou máis Anxos da Garda, a saber, un por ser persoa particular e outro ou outros por desempeñar cargos públicos na Igrexa ou na sociedade”. (Santo Tomé de Aquino, I.q. 113, a. 4. Suma Teológica bilingüe, Madrid, BAC, T. III, p. 949.)

O Anxo Custodio témolo desde o nacemento e non antes. Non é, pois, preciso esperar ao bautismo para gozar do privilexio do Anxo persoal, porque os beneficios que se conceden ao home en canto é cristián comezan cando se bautiza; pero os que se lle confiren en atención á súa natureza racional recíbeos no momento de nacer. Mentres o neno está no ventre da súa nai, o Anxo desta coida dos dous.

A garda e compañía do Anxo Custodio prolóngase ata que a alma chega ao seu destino eterno, ou sexa, ao ceo ou ao inferno. No Purgatorio continúa aínda, segundo a opinión máis probable, a custodia do Anxo, non para protexer á alma, senón para consolala, iluminala e anunciarlle a súa próxima liberación daquel cárcere de purificación. No paraíso cesará propiamente a custodia da alma, pero o noso Anxo seguirá eternamente reinando connosco en calidade de Anxo correinante.

Os Anxos da Garda non sofren polos males físicos dos seus custodiados, porque saben que as adversidades, cando se padecen con resignación, convértense en bendicións de Deus que contribúen ao ben das persoas virtuosas. Non sofren tampouco os Anxos polos pecados que cometen os seus protexidos, porque Deus permíteos para sacar deles un proveito espiritual maior polo arrepentimento e a penitencia posterior. Non sofren, en fin, os Anxos pola condenación dos que gardan, porque non teñen culpa ningunha da condenación desas almas.

Cada unha das nacións, pobos, dioceses, ordes relixiosas, conventos e parroquias teñen o seu propio Anxo. Esta é unha doutrina comunmente aceptada. Crese que o Anxo Custodio da Igrexa é San Miguel.

Manuel López Paradela: Guía Práctica de Almas Espirituales

Nomeamentos nas Delegacións e Secretariados diocesanos

A Diocese de Lugo fai públicos os nomeamentos, desde o 31 de xullo de 2018 e por un período de 3 anos, nas Delegacións e Secretariados:

Delegación de Acción Caritativa e Social

Antón Negro Expósito

Delegación de Apostolado Segrar

Jesús Ángel Fernández Aira

Delegación de Catequese

José Luis Vázquez Coego

Delegación do Clero

Miguel Asorey Otero

Delegación de Ensino

Manuel Areán Fernández

Delegación de Mocidade

José Antonio Adrio Carballude

Delegación de Liturxia

José Antonio Ferreiro Varela

Delegación de Medios de Comunicación

María José Campo López-Barcia

Delegación de Misións

Jesús Manuel Santiago Vázquez

Delegación de Pastoral da Saúde

Jorge Vázquez Freire

Delegación de Pastoral Familiar

Rodrigo Rúa Iglesias

Delegación de Pastoral Universitaria

David Varela Vázquez

Delegación de Pastoral Vocacional

Marcos Torres Gómez

Delegación de Patrimonio de Bens Inmobles

Miguel Gómez Vázquez

Delegación de Patrimonio Histórico-Artístico

César Carnero Rodríguez

Delegación de Santuarios e Peregrinacións

José Criado Sánchez

Delegación para a Vida Consagrada

P. Alberto de Oliveira Silva

Secretariado do Camiño de Santiago

Director: Francisco Moreiras Calvo

Secretariado de Pastoral Penal

Director: José Río Ramilo

A %d blogueros les gusta esto: