Conferencias sobre música e liturxia

 Na terceira edición do Curso de Música Litúrxica que organizan a Delegación de Liturxia de Diocese de Lugo e o Centro Eucarístico Lucense, incluíronse 3 conferencias:

 O 4 de xullo, o Delegado de Liturxia, José Antonio Ferreiro Varela, falou da música ao servizo da participación activa nas celebracións litúrxicas para dar gloria a Deus e para a santificación das persoas. E explicou que a música non é un elemento engadido sen máis, senón que forma parte integral da acción litúrxica.

 O 5 de xullo o responsable do Departamento de Música do Secretariado da Conferencia Episcopal Española, Óscar Valado Domínguez, falou das características da música litúrxica, como nola presenta o Maxisterio da Igrexa e como se pode poñer en práctica nas parroquias e comunidades atendendo aos grados de participación dos fieis que propón a Instrución Musicam Sacram

E o 6 de xullo, o bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco comezou establecendo o marco que permite comprender a música sacra apelando a Von Balthasar: a arte verdadeira fai posible adiviñar o divino en canto que a arte desexa apropiarse do infinito para traelo ao mundo propio.

 Outro texto de interese é o inicio da I Carta de Xoán (“O que pasou desde o comezo, o que temos oído, o que teñen visto os nosos ollos, o que contemplamos nós e palparon as nosas mans, a saber, a Palabra que é a vida…”) porque tamén vén ser unha declaración programática en favor das posibilidades da arte.

Non é o mesmo dicir “Ten piedade, Señor” que cantalo ben, pois neste último caso resoa máis profundamente a petición, e noutros momentos o que resoe máis será a loanza do pobo, a conmoción…

Para Mons. Alfonso Carrasco, o  “Mesías” de Haendel expresa un gozo que non se pode facer desaparecer (hai guerras, revolucións… pero aí segue esa composición musical marabillando a quen a escoita). Un  exemplo máis, noutro nivel, é “Pescador de hombres”, que se canta con inmensa devoción por todo o mundo.

I Noite Coral. As voces da cidade

Este ano o III Curso de Música Litúrxica do Corpus Christi de Lugo organiza para o 7 de xullo entre as 21h e as 23.30 h. un circuíto nocturno de concertos por templos da cidade, concluíndo cun concerto final na Praza de Santa María.

É un acto programado polo Centro Eucarístico Lucense e a Delegación Diocesana de Liturxia en colaboración co Concello de Lugo.

PARTICIPANTES

– Coral do Hospital Xeral-Calde, Lugo. Fernando G. Jácome, director.

– Gruppo Vocale S. Bernardo, Saronno (Italia). Pietro Tagliaferri, saxofón soprano. Giulio Mercati, director.

– Orfeón Lucense, Lugo. Marcos Fernández Mosquera, director.

– Solo Voces, Lugo. Fernando G. Jácome, director.

– Noemí Mazoy, soprano.

– Grupo de Cámara da Banda Filarmónica, Lugo. Iván Martínez Sabio, director.

Horarios e programa:

Ler máis

Datos da peregrinación diocesana a Lourdes

A peregrinación celebrouse desde o pasado luns día 25 ao venres día 29 de xuño, e nela participaron un total de 505 peregrinos, acompañados de 21 sacerdotes, 5 Seminaristas Maiores e unha gran parte dos compoñentes da Xunta Directiva da Hospitalidade. Os peregrinos participantes son: enfermos, persoal sanitario, hospitalarios e peregrinos, todos eles socios da Hospitalidade diocesana. Viaxaron en nove autobuses.

A peregrinación estivo presidida polo Bispo da Diocese de Lugo, D. Alfonso Carrasco Rouco e o Vicario Xeral, D. José Mario Vázquez Carballo.

Houbo unha nutrida representación infantil e xuvenil: 42 peregrinos. E tamén é de destacar que na noite do mércores día 27 de xuño, os peregrinos da Hospitalidade de Lugo foron os encargados de portar o paso coa imaxe da Virxe de Lourdes.

Presentación do libro Poesía eucarística

O mércores 4 de xullo, ás 20 h na libraría La Voz de la Verdad preséntase o libro Poesía eucarística. Trátase dunha obra na que se recollen os poemas premiados nas tres primeiras convocatorias do certame literario que cada ano organiza o Centro Eucarístico Lucense.

Intervirán, o director do Centro Eucarístico Lucense, José Antonio Ferreiro; a ilustradora, Raquel Magán; a editora, Vanesa Ferreiro e os poetas e membros do xurado Ana Vila e José Carlos Ulloa.

Apúntome a Relixión

A educación relixiosa non se impón, proponse. Como tampouco se impoñen as crenzas nin se deben impoñer os modelos de educación aos propios pais. É a educación relixiosa unha educación transversal de modo que difícilmente se entenden as demais materias sen unha base cultural relixiosa. Non me explico como entender a historia de Europa e de España sen a mención das relixións e da Igrexa Católica. Nin a pintura, nin a arquitectura, nin a escultura, nin a música, nin a arte en xeral. Nin a lingua, nin a literatura, nin a ética, nin a bioética, por sinalar algunhas materias. Cónstame que en literatura, o gran libro dos libros, o número un no mundo, nin se cita; ignórase. Alumnos das nosas facultades non coñecen a Biblia. Nunhas recentes declaracións, o secretario xeral da Federación de Ensino do sindicato Comisións Obreiras, Francisco García, apuntaba e lamentaba o feito de que o número de alumnos inscritos en Relixión na Comunidade de Madrid crecera o 150%. E estes son os defensores das liberdades. A proposta da Igrexa en España e na maioría das escolas públicas dos países europeos regúlase desde a libre opción de pais e alumnos. De aí a demanda constante dun pacto de Estado para a educación en España de modo que a Conferencia Episcopal Española (en diante, CEE) en concurrencia e co acordo do Goberno estatal, sinale os horarios equiparables para a materia en todo o Estado, co fin de compasar o currículo coa necesaria carga horaria para un ensino adecuado da materia, e cumprir, de forma homoxénea, cos contidos curriculares, criterios de avaliación e estándares de aprendizaxe fixados pola CEE. Esta, presentou, xa en abril, a campaña institucional para promover a inscrición dos alumnos na materia. Cada ano, os pais e alumnos, en España, expresan maioritariamente a súa opción pola materia de Relixión. Baixo o lema Apúntome a Relixión, a campaña diríxese por primeira vez aos adolescentes que xa non se inscriben en Relixión ou que nunca se apuntaron a esta materia. A perspectiva utilizada na citada campaña insiste na liberdade para elixir estes estudos, co lema Se o cuestionas todo, cuestiónate por que non ir a Relixión; pero parte da campaña tamén se dirixe cara aos pais, subliñando o seu dereito a elixir o modelo de educación dos seus fillos coa responsabilidade que iso implica (www.meapuntoareligión.com). A posibilidade de elixir ou non a clase de Relixión é un dereito constitucional básico, recollido así mesmo pola declaración universal dos dereitos humanos. A. González-Varas Ibáñez, acaba de publicar La enseñanza de la Religión en Europa. Este libro ten por obxecto a exposición das diferentes modalidades sobre o ensino relixioso nas escolas públicas dos países europeos, así como os criterios que mostraron sobre esta cuestión as organizacións internacionais, ademais de comprobar as expectativas de futuro que ofrecen neste campo. A inmensa maioría dos países do continente explican relixión nas escolas públicas, ben sexa de modo confesional, ou afrontándoo como un feito histórico ou cultural. Non estaría mal que tomasen nota os nosos políticos.

José Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

A %d blogueros les gusta esto: