Ofrenda de Galicia ao Santísimo Sacramento

A cidade de Lugo segue celebrando solemnemente o Corpus coa Oitava. Por iso a Catedral acollerá o domingo 10 de xuño ás 12h unha celebración eucarística presidida polo arcebispo de Santiago, Mons. Julián Barrio. O delegado oferente será o alcalde da cidade de Betanzos, Ramón García Vázquez.

Na parte musical, á entrada tocarase a marcha do Antigo Reino de Galicia para gaita e órgano. Acompañará a celebración o Orfeón lucense, coro oficial da Catedral, que interpretará a Misa Galega de José Castiñeira,  cantos en galego do P. Feijoo e o  “Hic Hoc Misterium”, de José Molejón. Ao final tocarase unha marcha procesional do Corpus para gaita e órgano.

Trala celebración e durante a procesión o Grupo Tradicional Os Xílgaros de Lugo dirixido por Óscar Pérez (gaiteiros) e o grupo de baile tradicional de Espazo Artistico 10, dirixido por Xabier Iglesias, interpretarán danzas en Ofrenda ao Santísimo Sacramento.

III Curso de Música Litúrxica do Corpus Christi

Organizado pola Delegación de Liturxia de Diocese de Lugo e polo Centro Eucarístico Lucense, este curso impártese na cidade de Lugo do 3 ao 8 de xullo de 2018. A intención é contribuír á formación musical e litúrxica daqueles músicos que realizan distisntas funcións no ámbito da música sacra: directores de formacións vocais, organistas, cantores, monitores, etc.

O curso está divido en catro modalidades: órgano, canto, dirección coral e iniciación ao canto litúrxico. Esta última modalidade é nova con respecto a edicións anteriores.

E outra actividade novidosa coa que se desexa conectar o Curso de Música cos cidadáns é a primeira edición da Noite Coral Lucense, un circuíto nocturno de concertos o 7 de xullo polos templos da cidade e un concerto final na Praza de Santa María.

[Inscrición]

A praza de Santa María de Lugo acolle a Solemnidade do Corpus Christi

O domingo 3 de xuño, ás 11 h na praza de Santa María de Lugo, o Bispo da Diocese, Mons. Alfonso Carrasco, presidiu a Solemne Eucaristía de Corpus.
Centos de fieis asistiron a esta celebración, que en Lugo, a cidade do Sacramento, adquire especial relevancia pola permanente exposición do Santísimo no altar maior da súa Catedral de día e de noite, e por contar co privilexio da Indulxencia Plenaria, Cotiá e Perpetua.
Acompañaron a celebración o Orfeón Lucense, o grupo de cámara da Banda Filarmónica de Lugo e a coral Xeral-Calde.
Trala Eucaristía, as autoridades, movementos, asociacións, confrarías, representantes das parroquias, colectivos doutros países con presenza na nosa Diocese e fieis participaron na procesión de Corpus polas rúas da cidade. Tamén asistiron nenos de Primeira Comuñón.
Durante o percorrido o Grupo Tradicional Os Xílgaros de Lugo dirixido por Óscar Pérez e o grupo de baile tradicional de Espazo Artístico 10, dirixido por Xabier Iglesias, interpretaron danzas en Ofrenda ao Santísimo Sacramento ao longo do percorrido da procesión.
Palabras do Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, na homilía: “Na gran Festa do Corpus Christi profesamos solemne e públicamente a nosa fe. A fe dun pobo que camiña unido e que hoxe quere adorar e mostrar a súa alegría, quere confesar públicamente onde está a raíz da súa fe.
“O Santísimo que hoxe sae en procesión polas rúas, que é o misterio da nosa fe, está exposto permanentemente no centro do altar maior da Catedral, que é como dicir que está tamén en en centro da nosa intelixencia e do noso corazón, da nosa comprensión da vida.
“Deus quixo asumir a condición humana, facerse home con todas as consecuencias, transformando a súa carne e sangue en fonte de vida. Esquecer isto sería esquecelo todo. O Señor quíxonos ata morrer por nós e pola nosa salvación pero, ademais, tamén nos alimenta cada día o corazón. Libéranos a alma e a conciencia. A Eucaristía é a expresión do amor que todo o soporta e que non termina nunca. Nela o Señor renova a súa lei: amar ao próximo como El nos amou. E ese amor debe ser testemuñado no medio do mundo.
“Do interior do home saen todas as cousas. Quen renova o seu corazón, quen esperta a liberdade e a conciencia ao amor de Deus fai máis polo ben futuro da sociedade que calquera outro.
“Na festa de Corpus celebramos a alegría da constante presenza de Cristo na nosa vida. O amor é o único alimento que sostén ao home na historia. Este é un día para darlle grazas a Deus e para pedirlle que renove a nosa fe e ilumine os nosos corazóns para imitalo; para confiarlle o noso ben, os nosos seres queridos e o noso pobo”.

“A Igrexa que non fai ruido”

Deste xeito quixo titular o seu Pregón da Caridade, pronunciado este pasado mércores no Círculo das Artes de Lugo, o cedeirense Bieito Rubido, periodista e director do diario ABC. O pregoeiro, ante un salón cheo de oíntes simpatizantes e colaboradores de Cáritas e acompañado polo Bispo da Diocese na tribuna, pronunciou un Pregón fundamentalmente testemuñal e moi ben fundamentado bíblica e teoloxicamente. Con referencias constantes a Xesucristo, coma o Deus dos pobres, e a doctrina recente dos dous Papas vivos, citou tamén á M. Teresa de Calcuta cando uns periodistas lle pediron unha mensaxe para os que se dedican á caridade: “Que vivan ben a Eucaristía”. Afirmaba así, o pregoeiro, que o escurecemento da práctica eucarística ten repercusións na calidade do compromiso caritativo.

Por outra banda, lembrou e citou a súa irmá relixiosa xosefina, misioneira na Amazonia en Perú. Afirmou, con claridade, que Cáritas non é unha ONG, pero si a organización global que máis atención presta no mundo aos necesitados; e engadiu: “é a organización máis seria, eficiente e comprometida cos pobres neste país”. Destacou a importante presenza social de Cáritas en Lugo e en España e o necesario labor realizado cos pobres durante a crise económica.

Afirmou, na liña de Cáritas, a necesidade de estar cerca dos pobres, de acompañalos e de escoitalos, xa que a pobreza é máis que un problema económico porque abrangue dimensións humanas, culturais, sociais e políticas. E, entre outras moitas laudables afirmacións, reinvindicou a necesidade de recuperar a sa tradición do Xoves de Corpus en Lugo como día festivo para celebrar con grandeza unha solemnidade tan significativa para a Cidade do Sacramento. Certamente, se Lugo perde esta identidade, perdería as súas raíces, a súa historia máis fonda para converterse nunha cidade irrelevante, ruidosa e infiel ao ser e a cultura que a constituiu e constitúe como anfitrioa das antigas cidades do Reino de Galicia.

Se Cáritas é a igrexa que non fai ruido, se a Igrexa é Cáritas, se a Eucaristía e a caridade son inseparables, os lucenses debemos recuperar a centralidade da Catedral como expresión e símbolo de verdadeira casa de Deus que é a Igrexa de Xesucristo, como espazo de silencio onde a natureza guiada pola luz e o vento, falan aos adoradores con asombro e tenrura da dor existencial dos irmáns que sofren e que, son hoxe, cristos vivos que evocan as verbas do Señor no Evanxeo: “Tiven fame e déstesme de comer”.

Sempre me pareceu moi relevante que nunha cidade exista a posibilidade de entrar nunha igrexa de portas abertas e mirar devotamente á presenza real de Cristo na Eucaristía. Na nosa Catedral, aí, na Capela Maior, está sempre; El sempre está. Ogallá que nunca os lucenses o deixemos só, nin na Eucaristía, nin nos irmáns necesitados.

 

Mario Vázquez

Vicario Xeral da Diocese de Lugo

A %d blogueros les gusta esto: