IV Certame Literario de Poesía Eucarística

O Centro Eucarístico Lucense convoca o IV Certame Literario de Poesía Eucarística. A temática das obras presentadas debe ser eucarística, preferiblemente vencellada coa adoración eucarística en Lugo. Poden presentarse ao Certame todas aquelas poesías escritas en castelán ou en galego que constitúan un único poema ou varios cunha extensión máxima de 300 versos.

Antes do 25 de maio as obras poderán entregarse en persoa ou enviarse por correo ao Centro Eucarístico Lucense (LEC), Praza de Santa María 1, 27001 Lugo mencionando no sobre “Certame Literario”.

[Bases]

Carta dos bispos de Galicia sobre a ensinanza relixiosa

Queridos pais/nais

Unha vez máis os bispos de Galicia dirixímonos a vós para falarvos da importancia da educación relixiosa dos vosos fillos.

Seguramente, nestes días, estades recibindo dos centros educativos, unha solicitude para realizar a petición para que poidan recibir a formación relixiosa. Queremos recordarvos que a formación relixiosa é:

Unha necesidade. O ensino relixioso contribúe ao desenvolvemento integral da persoa. A finalidade máis profunda da educación é potenciar todas as dimensións da vida, tamén a relixiosa que é parte esencial de toda persoa e da nosa cultura. Nunha sociedade onde o relixioso é, ás veces, criticado ou desprezado, pedímosvos que non vos deixedes levar por unha mal chamada modernidade que pretende desterrar a relixión da vida, da sociedade e dos centros educativos e procuredes proporcionar aos vosos fillos unhas actitudes e valores indispensables para levar unha vida con sentido nunha sociedade, ás veces, tan carente de valores persoais, sociais e relixiosos.

Sen dúbida queredes que os vosos fillos progresen no coñecemento de matemáticas, sociais ou literatura. Pero non permitades que crezan sen unha cultura impregnada de cristianismo e formación relixiosa católica.

Un dereito. O saber relixioso non pode quedar á marxe dos procesos educativos. A presenza da relixión no marco escolar non é unha concesión que un goberno permite segundo a súa ideoloxía ou un privilexio que reclaman as Confesións Relixiosas. É un dereito fundamental que os pais tedes recoñecido e garantido pola Constitución, as leis educativas, e implantado en toda Europa.

Na educación dos vosos fillos sodes vós, e só vós, os que tedes ese dereito. Todo goberno que se proclame democrático e as institucións educativas, sociais e sindicais deben respectar o dereito a que os vosos fillos sexan educados segundo as vosas conviccións relixiosas e morais. Non existe ningunha razón de aconfesionalidade ou dun mal chamado progresismo que poida privarvos dese dereito que tedes como pais.

Non permitades que sexan outros os que marquen a educación dos vosos fillos. Ese é un dereito voso.

Unha responsabilidade. Hoxe queremos facervos unha chamada á vosa responsabilidade educativa. Non permanezades indiferentes ante o dereito e o deber de solicitar o ensino relixioso nos centros educativos. Recordade o compromiso cristián que asumistes no seu bautismo. Supoñería unha contradición pedir, na parroquia, os sacramentos e desprezar despois o ensino relixioso nos colexios.

A fe e a mensaxe do Evanxeo non son inimigos da felicidade persoal nin do ben da sociedade. Os cristiáns cremos que en Xesucristo e a súa Palabra atopamos aqueles valores que poden darnos o pleno sentido da vida, do mundo e da historia. O ensino relixioso pretende, en diálogo coas demais materias, ofrecer a resposta cristiá ás grandes preguntas da vida para atopar nela a luz que lles ilumine en todos os momentos da súa vida.

Solicitade, de forma consciente, libre e responsable o ensino relixioso para os vosos fillos.

Co noso agradecemento e apoio aos sacerdotes, aos pais e profesores que entregades xenerosamente o mellor de vós na importante tarefa da educación, bendicímosvos con afecto no Señor e encomendámosvos nas nosas oracións.

 

Julián, Arcebispo de Santiago. Luis, Bispo de Tui-Vigo. Alfonso, Bispo de Lugo. José Leonardo, Bispo de Ourense. Luis Ángel cmf, Bispo de Mondoñedo-Ferrol. Jesús, Bispo Auxiliar de Santiago.

Festa de San Xoán de Ávila

O 10 de maio celébrase na Diocese de Lugo o día do patrono do clero, San Xoán de Ávila, cos seguintes actos:

11:30 horas – Salón de actos do Seminario:

  • Oración
  • Conferencia: ¿Cómo preparar la homilía? “Los Santos Padres nos ayudan” a cargo do Director do Secretariado da Comisión Episcopal do Clero Juan Carlos Mateos González

13 horas – Eucaristía na Capela Maior do Seminario

14 horas – Xantar no Seminario Diocesano.

Santos da porta do lado

O papa Francisco acaba de publicar o seu último documento. Trátase da exhortación apostólica Gaudete et exsultate (Alegrádevos e reloucade), que trata, como di o subtítulo, sobre a chamada á santidade no mundo actual.

É sabido que os documentos pontificios titúlanse coas dúas ou tres primeiras palabras do texto. Neste caso, trátase dunha cita do Evanxeo de Mateo (5, 12).

Nestas palabras iniciais, xunto co subtítulo xa mencionado, temos a clave de todo o documento: unha vez máis o papa Francisco fainos unha proposta de vivir a fe con alegría, invítanos a buscar a santidade, sen medo e como algo normal e lóxico por parte dos que seguimos a Xesucristo, o absolutamente santo.

Gaudete et exsultate está na liña das anteriores exhortacións do papa Francisco. Vemos como, outra vez, aparece no título a palabra “alegría”, do mesmo xeito que en Evangelii gaudium (A alegría do Evanxeo) e Amoris laetitia (A alegría do amor).

Aínda que, neste caso, a exhortación non é postsinodal, senón simplemente “para facer resoar unha vez máis o chamado á santidade, procurando encarnalo no contexto actual, cos seus riscos, desafíos e oportunidades. Porque a cada un de nós o Señor elixiunos «para que fósemos santos e irreprochables ante el polo amor» (Ef 1,4)” (Nº 2).

No texto poderemos atopar algunhas das expresións propias da linguaxe bergogliana. A unha delas xa nos ten moi habituado, pois con frecuencia recórdanos que Deus sempre nos “primerea2, isto é, que Deus sae ao noso encontro moito antes de nós busquémolo a el. Deus sempre toma a iniciativa.

Pero nesta ocasión quería fixarme noutra expresión que tamén é clave neste documento, “santos da porta do lado”, que foi a que escollín para o título deste artigo.

Cando pensamos na santidade, sempre consideramos que é algo reservado para persoas con capacidades especiais e non para o común dos mortais. Hai xente que pensa que isto da santidade é só para os curas e as monxas. E outros cren que para ser santos hai que ser pouco menos que ermitáns e estar todo o día dentro dunha capela rezando painosos e avemarías.

Pois non, non é así: a Gaudete et exsultate vainos aclarar que as cousas non son así e que o santo pode estar moi preto de nós.

A chamada á santidade é para todos, non é necesario facer nada especial nin tampouco nos fai ser uns bichos estraños. Aínda que pareza un trabalinguas, o único que se nos pide é facer ben o que temos que facer en cada momento. O Papa dio coas seguintes palabras:

“Gústame ver a santidade no pobo de Deus paciente: aos pais que crían con tanto amor aos seus fillos, neses homes e mulleres que traballan para levar o pan á súa casa, nos enfermos, nas relixiosas anciás que seguen sorrindo. […]. Esa é moitas veces a santidade «da porta do lado», daqueles que viven preto de nós e son un reflexo da presenza de Deus”. (Nº 7)

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

Texto orixinal

Xubileu das Nais no Corpiño

O domingo 6 de maio, tivo lugar no Santuario do Corpiño a celebración do día da Nai e o Xubileu das Nais.

Ás 11:50 h chegaban os peregrinos que realizaron o Camiño dos pastorciños á Carballeira do Santuario, onde se impartiu a bendición aos devotos, para seguidamente iniciar a peregrinación cara á Porta Santa.

Ás 12:05 h, comezaba a Eucaristía por todas as nais, con especial mención por parte do Reitor ás nais falecidas dos presentes. Ao finalizar a Eucaristía obsequiouse cunha flor a cada nai.

Ao longo do día, fregueses de diferentes puntos de Galicia, visitaron o Santuario: particulares desde Carballo, Vigo e autobuses desde Sanxenxo foron algúns dos moitos que o 6 de maio participaron nalgunha Eucaristía, aproveitando para gañar o xubileu e levarse o certificado do peregrino.

O próximo xubileu adicado a unha colectividade será o domingo 13 de maio: Xubileu das Confrarías e Irmandades.

A %d blogueros les gusta esto: