Xubileu dos traballadores do campo no Corpiño

O Santuario do Corpiño celebrou o 20 de maio o Xubileu dos traballadores do campo, e a Festa de San Cidre, patrón dos labradores.

Sobre as 11:45 h atopábanse na Carballeira do Santuario o Reitor e os fregueses cos peregrinos que chegaban de realizar o Camiño dos pastorciños, para impartir a bendición e iniciar a procesión cara á Porta Santa, acompañada pola música do Grupo de Gaitas Vainela, de Salgueiros, Vila de Cruces.

Ás 12:00 h empezaba a Santa Misa, que contou co coro Voces da Terra como acompañamiento musical, na cal tívose presentes a todas as persoas que se dedican aos traballadores agrícolas, recordouse especialmente aos falecidos en traballos do campo.

Ao finalizar tivo lugar a procesión, nesta ocasión, coa imaxe de San Cidre Labrador, portada por unha das carrozas que os veciños da Parroquia adornaron con produtos típicos do campo.

Na Eucaristía das 18:00 h (imaxe inferior), o Delegado Episcopal de Pastoral da Saúde, Jorge Vázquez Freire, expuxo o relatorio-catequese “María, consolo na enfermidade”.

Virxe María, Nai da Igrexa

O papa Francisco, a través dun Decreto da Congregación para o Culto Divino, estableceu que se celebre o luns seguinte a Pentecoste a memoria da “Virxe María, Nai da Igrexa”. Este ano é o 22 de maio.

O Decreto está asinado o 11 de febreiro de 2018, memoria da benaventurada Virxe María de Lourdes, e fíxose público o sábado 3 de marzo.

Segundo sinala o Decreto, “o Sumo Pontífice Francisco, considera atentamente que a promoción desta devoción pode incrementar o sentido materno da Igrexa nos pastores, nos relixiosos e nos fieis, así como a xenuina piedade mariana. Esta celebración axudaranos a lembrar que o crecemento da vida cristiá, debe fundamentarse no misterio da Cruz, na ofrenda de Cristo no banquete eucarístico, e na Virxe oferente, Nai do Redentor e dos redimidos”.

[Documentación]

Xornadas de Apostolado Segrar

Con motivo do Día da Acción Católica e o Apostolado Segrar que se celebra esta semana, as principais actividades que na Diocese de Lugo organiza a Delegación de Apostolado Segrar, en colaboración coa Delegación de Misións, son:

Venres 18 de maio, ás 20:00 h., no salón de actos do Seminario de Lugo, charla titulada “Ao servizo do mundo coa forza do Espírito”, que impartirá o Delegado de pastoral rural da Diocese de Mondoñedo-Ferrol, Manuel Regal.

Sábado 19 de maio: ASEMBLEA DIOCESANA DE LAICOS, á que acudirán segrares de toda a Diocese: fregueses de parroquias, mestres, catequistas, membros de asociacións e movementos, voluntarios de Cáritas, confrades… O lugar é o Colexio Divina Pastoral de Lugo (Salesianos), co seguinte horario:

17:30 h. Asemblea Diocesana de Laicos (haberá atención a nenos).

20:15 h. Vixilia de Pentecoste

Domingo 20 de maio, Eucaristía de Pentecoste, que presidirá D. Alfonso Carrasco, ás 13:00 h., na Catedral de Lugo.

[Materiais da Conferencia Episcopal]

A hora dos laicos

Afronto este tema desde a normativa e a ensinanza da Igrexa, non desde opinións persoais. Todo sociólogo sabe que todo grupo humano ten normas de comportamento explícitas ou implícitas. Eu son dos que as prefiren escritas, explícitas, porque así todos poden remitirse directamente a elas. Unha asociación cultural ou deportiva ten estatutos e regulamento de réxime interno. Así na Igrexa tamén existen normas que se recollen no Código de Dereito Canónico, que no nº 215 afirma:

Os fieis teñen dereito a fundar e dirixir libremente asociacións para fins de caridade ou piedade, ou para fomentar a vocación cristiá no mundo; e tamén para reunirse para procurar en común eses mesmos fins”. Isto é de gran importancia para os laicos e a eles correspóndelles practicalo con responsabilidade e autonomía.

En 1991 a Conferencia Episcopal Española publicou o documento Os Cristiáns laicos, Igrexa no Mundo (C.L.I.M.) e de aí quero resaltar esta afirmación:

Polo Bautismo os laicos son feitos fillos de Deus, membros de Cristo e do seu corpo que é a Igrexa; son consagrados coma templos do Espírito e participan da mesma misión de Xesucristo. Ao seu modo participan da triple función de Cristo, profética, sacerdotal e real, o que subliña a súa condición eclesial, a súa pertenza á Igrexa. Por iso, a “enteira Igrexa”, e cada unha das nosas Igrexas particulares non está plenamente constituída se, xunto aos bispos, sacerdotes e relixiosos, non existe un laicado adulto e corresponsable”. (nº 24)

Ante esta afirmación tan clara podemos preguntarnos: Está así constituída a nosa Igrexa? Hai ese laicado adulto e corresponsable? Queremos realmente que o haxa?

Convén recordar que na Conferencia Episcopal non se aproba e fai público ningún documento se non ten polo menos dous terzos de votos afirmativos dos seus membros. Por iso todo documento publicado ten o respaldo entre o 67 % e o 100 % dos bispos: unha clara maioría ou, no mellor dos casos, a unanimidade ou case unanimidade. Normalmente estase no segundo caso.

Pero é que ademais o documento remata cunha conclusión que a máis de un pode sorprender. Calquera pode comprobar que conclúe coas seguintes palabras: “A nova evanxelización farase, sobre todo, polos laicos, ou non se fará”. (nº 148).

Dito doutra maneira, se o peso e estilo de evanxelización non o levan os laicos nas nosas comunidades, non se está evanxelizando esta xeración. Ou, acaso non di iso o texto? Se revisamos a nosa situación ante esas afirmacións vemos que estamos moi lonxe do que a Conferencia Episcopal proclama. Quen subscribe de feito que a nova evanxelización farase polos laicos ou non se fará? Máis ben seguimos pensando que a evanxelización é cousa de bispos, cregos, relixiosos e monxas.

Ninguén a principios do século XX imaxinaba que na Igrexa española se puidese escribir o que se escribe a finais do século no C.L.I.M. en 1991. Mesmo hoxe nos resulta sorprendente a rotundidade das afirmacións que fan os bispos do noso país. Isto só ten a explicación se se cre que o Espírito Santo guía á Igrexa no seu maxisterio, aínda que logo moitos non lle fagamos caso na nosa vida cotiá.

Pero se miramos á Igrexa Católica no mundo temos datos que confirman este protagonismo dos laicos na evanxelización, pois en 1999 había 80.662 misioneiros laicos, 172.331 no 2003 e 368.520 no 2016, un incremento de 287.858 en 17 anos. En catequistas pásase de 2.449.659 en 1999 a 3.264.768 en 2016, cunha subida de 815.109.

No mesmo código de Dereito Canónico afírmase no nº  517.2:

Se, pola escasez de sacerdotes, o Bispo diocesano considera que ha de encomendarse unha participación no exercicio da cura pastoral da parroquia a un diácono ou a outra persoa que non ten o carácter sacerdotal, ou a unha comunidade, designará a un sacerdote que, dotado das potestades propias do párroco, dirixa a actividade pastoral”.  Non son experto en dereito pero, non significa iso que un home ou muller laicos poden rexer unha parroquia? Creo que así hai que entendelo, sabendo que non poden exercer o ministerio do perdón, da Eucaristía… propios do ministerio sacerdotal.

Por iso penso que o que corresponde é aceptar estas ensinanzas e vivir conforme a elas. Que todos asumamos a corresponsabilidade que nos corresponda, e que non nos escudemos detrás dos fallos dos outros!

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Xornada das Comunicacións Sociais: “Fake news” e xornalismo de paz

O domingo 13 de maio, celébrase a LII Xornada Mundial das Comunicacións Sociais baixo o lema, “«A verdade faravos libres» (Xn 8, 32). Fake news e xornalismo de paz”.

Inspirándose nunha oración franciscana, o Papa propón que nos dirixamos á Verdade en persoa da seguinte maneira:

Señor, fainos instrumentos da túa paz.

Fainos recoñecer o mal que se insinúa nunha comunicación que non crea comuñón.

Fainos capaces de quitar o veleno dos nosos xuízos.

Axúdanos a falar dos outros como de irmáns e irmás.

Ti es fiel e digno de confianza; fai que as nosas palabras sexan sementes de ben para o mundo:

onde hai ruído, fai que practiquemos a escoita;

onde hai confusión, fai que inspiremos harmonía;

onde hai ambigüidade, fai que levemos claridade;

onde hai exclusión, fai que levemos o compartir;

onde hai sensacionalismo, fai que usemos a sobriedade;

onde hai superficialidade, fai que haxa interrogantes verdadeiros;

onde hai prejuicio, fai que inspiremos confianza;

onde hai agresividade, fai que levemos respecto;

onde hai falsidade, fai que levemos verdade.

Amén.

Francisco

A %d blogueros les gusta esto: