O teu compromiso mellora o mundo

Vivimos unha época na que o individualismo vai en aumento, coas súas connotacións negativas, repórtanos soidade, créanos tensión, medo, baleiro, e moitas veces déixanos sen rumbo. Con iso aparecen algúns dos trastornos psicolóxicos máis frecuentes hoxe en día: ansiedade, depresión, etc.

Por iso pregúntovos: Que volve á sociedade cada vez máis individualista?

Lembrades a complicidade que sentiamos con nosos veciños cando compartiamos o traballo, o motivador e satisfactorio que resultaba o traballo en camaradería por moi duro que este fose?

Cando escoitabamos os problemas que tiña algún amigo, lembrades o ben que nos sentiamos cando podiamos solucionarllos e sacalos dun apuro?

Si, estades pensando ben, estouvos a  falar da vosa colaboración, do voso compromiso cos demais. Estouvos a falar do ben que nos sentimos cando somos solidarios. Dise que a solidariedade é a acción de dar, sen recibir nada a cambio, pero eu creo que si nos reporta moito:

  •  Convértenos en seres máis felices, aumentando considerablemente a nosa autoestima.
  •  Fainos sentir ben o feito de saber que estamos realizando unha boa acción.
  •  Aumenta a confianza en nós mesmos porque nos sentimos útiles.
  •  Mellora nosa saúde. Segundo diversos estudos estadounidenses, as persoas solidarias son menos propensas a sufrir estrés ou depresión, a súa presión sanguínea é menor e ata son máis lonxevas que as insensibles ao sufrimento alleo.

Di o dito popular, cheo de sabedoría: «Dá o mellor de ti mesmo e o mellor volverá a ti». As persoas que dan, reciben; e isto é unha realidade. Probablemente a persoa á que axudes non poida devolverche o favor, pero se es unha persoa xenerosa e, nalgún momento necesitas dos demais, eles axudaránche.

Ser solidario non significa soamente facer algo por alguén; hai moitos xeitos de ser solidario, pequenos xestos que non che implican perder moito tempo nin ter que facer un gran desembolso económico, e que sen embar-go para quen os recibe significan moito máis do que pensas.

Por iso gustaríame invitarvos a coñecer todos os programas que se levan a cabo desde Cáritas Diocesana de Lugo:

Programa de acollida e asistencia

  • Cáritas parroquiais e interparroquiais
  • Servizo de roupeiro
  • Programa de familias en desvantaxe
  • Programa de voluntariado
  • Programa de infancia e mocidade
  • Programa maiores e vivir na casa
  • Programa inmigrantes contar connosco
  • Programa de atención a persoas con discapacidade
  • Programa muller, saúde
  • Programa emprego
  • Programa atención a mulleres vítimas de violencia

Unha chea de proxectos solidarios cos que todos podemos contribuír, xa sexa de forma puntual ou continuada, económicamente ou co noso tempo, porque o noso compromiso mellora nosa sociedade:

  • Contribúe económicamente na medida na que poidas, adaptando as túas achegas segundo a túa economía.
  • Ofrece o teu tempo como voluntario nos distintos programas.
  • Doa a roupa, libros e outros enseres que non uses, poderían axudar a outras persoas máis cá ti.
  • Inculca aos teus fillos valores solidarios. Ensínalles co exemplo, seguindo patróns baseados no respecto, a confianza, a sinceridade, a lealtade, etc.
  • Fai unha compra dobre, é dicir, unha para ti e outra para unha persoa ou familia desfavorecida. Que mellor axuda que a propia comida?

Enche o teu día a día de boas accións, porque o teu compromiso mellora o mundo.

BEATRIZ VARELA

PRESIDENTA DE AELU

Charla sobre a necesidade da reinserción dos presos

 O martes 29 de maio no Centro Uxío Novoneyra de Lugo houbo unha charla sobre a reinserción social dos presos. Estivo a cargo do director do Secretariado Diocesano de Pastoral Penal, José Río Ramilo.

 Na exposición inicial desenvolveránse as seguintes ideas: Cómpre unha implicación, non só do penado, senón tamén da sociedade: familiares, veciños, amigos… A reinserción de persoas que teñen conflito coa lei é algo que a sociedade non pode desbotar, pois de non facerse suporía un coste. Igual que non se cuestiona o sistema educativo a pesar de que hai unha porcentaxe de fracaso escolar, tampouco se cuestionará o tratamento penal.

 A comunidade cristiá debe estar en primeira liña á hora de loitar por este ideal. Se vemos á persoa como algo sagrado, non podemos limitarnos a pedir prisión sen máis, pois non podemos perder a ilusión por seguir mellorando tanto no cárcere como á saída da mesma.

Xubileu dos nenos e mozos no Santuario do Corpiño

O domingo, 26 de maio, celebrouse o Xubileu dos nenos e mozos, que coincidiu coa celebración das Fillas de María.

Ao redor das 11:40 h o Reitor saía do Santuario para recibir aos peregrinos que chegaban de realizar o Camiño dos pastorciños acompañado dos nenos que máis tarde recitarían os poemas á Inmaculada, tras prepararse para este día durante un mes.

Na Carballeira do Santuario, agardaba tamén o grupo de gaitas “Os Trasnos de Doade”, que amenizaron a Procesión ata a Porta Santa, unha vez recibida a bendición dos peregrinos.

Sobre as 12 h comezaba a Eucaristía coa participación dos nenos. Ao finalizar a Santa Misa 14 nenos, desde os 4 ata os 11 anos, recitaron os poemas de memoria, entregando cada un, unha flor á Virxe. A continuación tivo lugar a Procesión coa Inmaculada rodeada polos nenos botando pétalos, ao mesmo tempo que desde os balcóns do Santuario, os voluntarios fixeron que fose aínda máis espectacular a Procesión coa choiva de pétalos que crearon.

Ao terminar impartiuse a bendición a todos os presentes. E o reitor, José Criado, obsequiou a cada neno cun detalle. Pola súa parte, o Coro do Santuario agardou ata o final para entoarlle feliz aniversario a un neno que nese día cumpría oito anos.

Unha vez acabada no interior a celebración, o grupo de gaitas novamente tocaba no exterior.

A quen queres máis: ao pai ou á nai?

Estamos demasiado afeitos aos dualismos e a ter que escoller entre dúas opcións: A quen queres máis: ao pai ou á nai? Esta é a pregunta típica que lles facemos aos nenos sen saber o dano que podemos provocar na súa inocencia e bondade. O normal é que contesten que queren aos dous. Pero nós non quedamos satisfeitos e volvemos insistir. Este é só un pequeno exemplo para non ter que comentar aquí outros casos que poidan ferir sensibilidades.

Cando o Evanxeo preséntanos a parábola do pai que lles pide aos seus dous fillos que vaian traballar á viña (un di que vai, pero despois non o fai; e o outro di que non vai, pero ao final é o que se pon ao choio) tamén se nos suscita unha cuestión que, a primeira vista, parece que nos obriga a elixir: “Quen dos dous cumpriu a vontade do seu pai?” Neste caso a resposta é clara. A vontade cumpriuna: o que “fixo”, non o que “dixo”. Xa saben iso de que “obras son amores e non boas razóns”.

Moitos van atopar neste texto evanxélico unha xustificación para a súa forma de pensar e o seu estilo de vida, precisamente por ese dilema do que falaba ao principio. Non vai faltar quen diga que non fai falta rezar (dicir), nin ir a Misa para facer obras boas. Tampouco vai faltar quen diga que os que intentamos rezar e imos a Misa somos os peores porque “dicimos” moito, pero “facemos” pouco ou nada. Se cadra non lles falta razón, pero tampouco ten por que ser así. Non todo ten que ser unha disxuntiva. Precisamente para os cristiáns isto é un reto: que as nosas obras correspóndanse coas nosas palabras. As dúas cousas son posibles. Non é necesario escoller nin pelexarnos porque só unha sexa a importante. Non, as dúas son importantes, como non vai ser importante a coherencia!

Pero… por que imos ter que escoller só unha cousa cando podemos escoller as dúas? Aínda que, no suposto caso de que non nos quede outra solución que escoller entre dúas opcións, terémonos que inclinar polas obras e non polas palabras.

Xa que hoxe imos de ditos e refráns sigo con outro máis: “Non se pode a un tempo repicar e andar na procesión”. É certo. Hai cousas incompatibles, pero outras non o son. Nós, os cristiáns temos a sorte de poder e deber loar a Deus (rezar, falar con Deus, dicir) e facer o ben e a vontade de Deus ao mesmo tempo. Con outras palabras repetíronnos isto mesmo os Papas Xoán Paulo II e Benedicto XVI: “Non teñades medo de Cristo! El non quita nada, e dáo todo”. Cristo non nos impide actuar, máis ben todo o contrario. El sempre nos anima a facer o ben, a actuar con caridade e a ser coherentes. Para iso temos o exemplo da coherencia da súa vida.

Ás veces optamos por escoller para asegurarnos no mínimo. Xa saben, “máis vale paxaro en man que cento voando” ou “quen moito quere agarrar pouco lle dan a apreixar”, non vaia a ser que, se queremos todo, quedemos sen nada.

Termino con outro refrán, “A Deus rogando e co martelo dando”. As dúas cousas son necesarias.

 

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco da Fonsagrada

Falando [Baixiño]

Xubileu dos sacerdotes no Santuario do Corpiño

O xoves, 24 de maio, Festa de Xesucristo Sumo e Eterno Sacerdote, o Santuario do Corpiño recibía a párrocos de toda Galicia para celebrar o Xubileu dos sacerdotes.

Sobre as 11 da mañá empezaban a chegar os primeiros presbíteros, entre eles o Vicario Xeral de Mondoñedo-Ferrol,  Antonio Rodríguez Basanta; delegados episcopais, arciprestes…

Sobre as 12:00 h, impartía a Bendición a todos os devotos e sacerdotes na Carballeira do Santuario, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, bispo de Lugo, Diocese á cal pertence o Santuario; acompañado polo bispo da Diocese de Ourense Mons. José Leonardo Lemos Montanet.

Ás 12:10 h, iniciábase a peregrinación cara á Porta Santa, a través da cal o Bispo de Lugo entrou portando a Santa Cruz.

Ás 12:15 h aprox., comezaba a Eucaristía polos sacerdotes, presidida por D. Alfonso Carrasco Rouco; que fixo fincapé na semellanza dos sacerdotes coa Virxe, por dar o Si que lles pediu o Señor. Ao finalizar impartiuse a Bendición a todos os presentes.

A %d blogueros les gusta esto: