Pastoral do Bispo con motivo do Corpus

Benqueridos irmáns,

Un ano mais o ciclo da nosa liturxia convídanos a celebrar solemnemente a festa do Corpus Christi, que é tamén o Día Nacional da Caridade, e a recoñecer así con gratitude a Presenza real de Cristo nas nosas vidas.

Na Sagrada Forma, que neste día adoramos publicamente, faise presente o Señor Xesús como alimento da nosa condición de Fillos de Deus, que nos permite vivir na unidade con El e como irmáns entre nos. Festexamos así á luz do sol o misterio do que fala aquela veliña que está acendida todos os días ao lado do Sagrario nas nosas parroquias, a Presenza salvadora de Cristo baixo as especies de pan e de viño, como amor divino que ilumina e guía o noso diario vivir fraternal.

Neste Día estamos especialmente invitados a deixar que a caridade impregne e dea forma ás nosas relacións e a toda a nosa vida, nas familias e nas aldeas, vilas ou cidades. As nosas Cáritas -e todas as outras actividades caritativas das nosas parroquias­- axúdannos a gardar viva en nós esta conciencia, a saber que Cristo está presente en cada irmán, e en primeiro lugar en quen máis necesita de nós, por ser pobre, perseguido ou refuxiado, por estar enfermo, por sentirse abandonado ou só, por ter problemas, ás veces causados polo propio pecado. Adorando ao Santísimo Sacramento, a entrega do Señor pola nosa salvación, teremos sempre certeza de que servir ás persoas que sofren é servir ao mesmo Cristo.

Podemos recordar a este respecto unhas palabras do Papa Paulo VI, de quen se vai recoñecer oficialmente a santidade o próximo 2 de outubro, pronunciadas na Santa Misa do 23 de agosto de 1968 no Congreso Eucarístico de Bogotá:

“Viñemos a Bogotá para render honra a Xesús no seu misterio eucarístico …, chegando tamén agora ata aquí para celebrar a presenza do Señor entre nós, no medio da Igrexa e do mundo, nas vosas persoas. Sodes vós un signo, unha imaxe, un misterio da presenza de Cristo. O sacramento da Eucaristía ofrécenos a súa escondida presenza, viva e real; vós sodes tamén un sacramento, é dicir, unha imaxe sagrada do Señor no mundo, un reflexo que representa e non esconde o seu rostro humano e divino. … Toda a tradición da Igrexa recoñece nos Pobres o Sacramento de Cristo, non certamente idéntico á realidade da Eucaristía, pero si en perfecta correspondencia analóxica e mística con ela. Polo demais Xesús mesmo díxonolo nunha páxina solemne do evanxeo… (Cf. Mt 25, 35 ss)”.

O lema das Cáritas Españolas para este Día Nacional da Caridade é, “O teu compromiso mellora o mundo”. Quere ser expresión daquela mesma caridade que todo o soporta e que non acaba nunca, coa que o Señor se entregou por nós e que nos comunica sempre na Eucaristía. Nela Xesús Sacramentado renova sempre o mandato de continuar a súa misión, ir a predicar a Boa Nova da Salvación con palabras e con feitos a todas as xentes, con especial atención aos máis pobres.

Na festividade de Corpus celebramos a alegría da constante presenza de Cristo na nosa historia, da súa cercanía agarimosa. Que este sexa un día para darlle as grazas, para pedirlle que renove a nosa fe e nos dea saber imitalo na vida, para confiarlle o noso ben, o dos nosos seres queridos e o do noso pobo.

Que neste día de Corpus o Señor bendiga a cada un, as nosas casas e familias!

Feliz festa do Corpus Christi!

VII Encontro Eucarístico Lucense – Corpus Christi

Xoves 31 maioXOVES DO CORPUS CHRISTI

Antas de Ulla. Parroquia de San Xoán

20:00 Eucaristía e Adoración do Santísimo

Lugo, S. I. Catedral Basílica

20:00 Xoves Eucarístico. Eucaristía e procesión

Venres 1 xuño

Lugo, S. I. Catedral Basílica

20:45 Primeiro Concerto do V Festival Internacional de Órgano. Adoro te devote, Hans Ole Thers (Dinamarca), órgano

Sábado 2 xuño

Lugo, S. I. Catedral Basílica . Capela de San Froilán

12:30 V Concurso fotográfico e IV Certame literario: entrega de premios e inauguración da exposición fotográfica

20:00 Novena na honra do Santísimo Sacramento. Ata o domingo 10 de xuño. Predica D. Alfonso Gutiérrez Estudillo, Delegado Episcopal de Cáritas da Diocese de Cádiz-Ceuta

Domingo 3 xuño – CORPUS CHRISTI

LUGO. Praza de Santa María

11:00 Eucaristía e procesión. Actuará o Grupo de Cámara da Banda Filarmónica de Lugo, o Orfeón Lucense e a Coral do Hospital Xeral-Calde

Luns 4 xuño

Lugo, Parroquia Santiago A Nova

20:45 Segundo Concerto do V Festival Internacional de Órgano: Lauda Sion Salvatorem.

Lukas Gothszalk (Alemaña), trompeta. Johannes Skudlik (Alemaña), órgano

Mércores 6 xuño

LUGO. S. I. Catedral Basilica

20:45 Terceiro Concerto do V Festival Internacional de Órgano: Sacris Solemnis. Jan Vermeire (Bélxica), órgano. Giulio Mercati (Italia), órgano

Xoves 7 xuño

LUGO. S. I. Catedral Basílica

Xornada de adoración ao Santísimo. Todo o día

18:30 Reflexión. “Gaudete et exsultate. Alegraos y regocijaos. Presentación de algunos textos de la Exhortación Apostólica del Papa Francisco sobre la llamada a la santidad en el mundo actual”. D. Miguel A. Álvarez Pérez, Ecónomo Diocesano e Párroco de A Fonsagrada

20:00 Xoves Eucarístico. Eucaristía e procesión

LUGO. Capela Maior do Seminario Diocesano

21:00 Cuarto Concerto do V Festival Internacional de Órgano.

Lidia Basterretxea Vila (Bilbao), Soprano, Claude Hauri (Suiza), Violoncello, Giulio Mercati (Italia), harmonium Dupont.

Sábado 9 xuño

Lugo, S. I. Catedral Basílica. Claustro

18:30 Summa Poética. Recital poético-eucarístico

Lugo, S. I. Catedral Basílica

20:00 Vésperas Solemnes da Oitava do Corpus Christi

Domingo 10 xuño

LUGO. S. I. Catedral Basílica

12:00 OFRENDA DE GALICIA AO SANTÍSIMO SACRAMENTO

Preside o Excmo. e Rvdmo. Arcebispo de Santiago de Compostela. Presenta a Ofrenda o Ilmo. Sr. Alcalde de Betanzos

Luns 11 xuño

LUGO, Lugo, S. I. Catedral Basílica

20:45 Quinto Concerto do V Festival Internacional de Órgano: Pange Lingua.

Coro Solo Voces (Lugo), Inge Beck (Dinamarca), órgano

Pregón da Caridade

 O mércores 30 de maio, o director do xornal ABC, Bieito Rubido Ramonde, foi o encargado de pronunciar o PREGÓN DA CARIDADE. E, entre outras cousas dixo o seguinte:

Cáritas é un dos mellores rostros da Igrexa Católica porque desde a discreción absoluta procura que a súa man esquerda non saiba o que fai a dereita. E atende a millóns de persoas que necesitan axuda. Sen ir máis lonxe, na Diocese de Lugo máis de 7.000 persoas foron atendidas ao longo do último ano por Cáritas. E faino respondendo a esa mensaxe orixinal daquel galileo que predicaba o amor ao próximo”.

Cando moitas veces hai a polémica da presenza e o protagonismo da Igrexa na vida pública, hai que ter en conta que non hai máis afán de protagonismo que exercer o amor. E iso é o que fan 78.000 voluntarios todos os días de forma anónima, dando resposta así ao que neste momento da vida de España podemos chamar a xeografía da pobreza”.

 Outros actos organizados por Cáritas Lugo con motivo do Día da Caridade:

– XOVES 31 DE MAIO –

  • De 10:30 h da mañá ata as 13:30 do mediodía, haberá en Lugo e Monforte, mesas para recoller donativos, atendidas por persoas voluntarias.

  • Ás 18 h, no salón de actos do Seminario acto da campaña educativa no que se entregarán agasallos aos nenos/as participantes no Programa de Infancia.

  • Ás 19 h, realización de actividades para os nenos/as, organizadas polo Servizo de Infancia e Xuventude de Cáritas Diocesana de Lugo.

– DOMINGO 3 DE XUÑO Dende as 10:30 da mañá ata as 14:00 horas, haberá en Sarria, Melide, Silleda e Lalín mesas para recoller donativos, atendidas por persoas voluntarias. Colectas nas misas de toda a Igrexa Diocesana.

Premiados no V Concurso de fotografía sobre Eucaristía e patrimonio relixioso

O pasado 26 de maio, o xurado do V Concurso de Fotografía “Eucaristía e Patrimonio Relixioso en Lugo” acordaron por unanimidade conceder os seguintes premios:

 Eucaristía:

1º Premio: 750 euros e trofeo Ana Criado Sánchez

Pola obra titulada “Agnus Dei” (imaxe superior)

2º Premio: 400 euros e trofeo Luis R.

Pola obra titulada “A Milagrosa”

 Patrimonio relixioso cristián:

1º Premio: 750 euros e trofeo a Óscar Abelleira Ferreirós

Pola obra titulada: “A espera” (imaxe inferior)

2º Premio: 400 euros e trofeo a Paula Sierra Bonet

Pola obra titulada: “Catedral de Mondoñedo”

Os premios entregaranse o sábado, 2 de xuño ás 12.30 h na capela de san Froilán da Catedral de Lugo. As fotografías premiadas, así como unha selección de todas as recibidas, expoñeranse ata o 15 de xullo.

Este concurso convocado polo Centro Eucarístico Lucense pretende ser unha invitación aos artistas, profesionais ou afeccionados á fotografía, a fixarse no rico patrimonio cristián e eucarístico da nosa terra. Os organizadores agradecen a gran acollida prestada a esta iniciativa.

Déixate mirar por Xesucristo

Sen case decatarme, xa pasou o mes de maio. Alguén sabe como facer para que o tempo pase máis amodo?

Quen, seguramente, están moi ilusionados con que pase o tempo rápido e chegue xa o día de Corpus son os nenos da parroquia, que o domingo comulgarán por primeira vez. Non sei se eles son conscientes do que iso supón. Non sei se os veciños que preparan a festa dese día son conscientes de que todo se debe a que o noso Deus quixo estar entre nós na Eucaristía. Porque iso é a festa do Corpus Christi: honrar a presenza real de Xesucristo na Eucaristía.

Estamos ante un misterio grande, é verdade. As ideas poden ser cuestionadas, pero non así as experiencias. Tampouco é necesario desprenderse da razón cando nos poñemos ante Deus; xa que sería unha gran contradición, pois o mesmo Deus foi o que nos deu a razón e a intelixencia, tamén para que nos axudase a coñecelo. Cando nos poñemos ante Deus temos que facelo con moita confianza, pero para nada é contraria á razón. De Xesucristo podémonos fiar: é o amigo que nunca falla.

O día de Corpus, Xesucristo sae na Eucaristía polas rúas dos nosos pobos e cidades. O mesmo que, todos os días do ano, no silencio e nas moitas horas de soidade no Sagrario, fai de corazón para que o mundo teña vida, e vida abundante.

Quizais non ten moito sentido que este día saiamos a velo cando todo o ano o temos esquecido. Corremos o perigo de non saber recoñecelo. En calquera caso, na procesión do domingo de Corpus, fai a proba de mirar a Xesucristo e de deixarte mirar por el. Fálalle de ti e deixa que el che fale no mais fondo do teu ser. Non teñas medo do que Xesucristo poida dicirche ou pedir, pois será todo para o teu ben e nada que non poidas facer.

Se tes problemas de entendemento con el, fálalle unha vez desde a sinxeleza e a sinceridade, xa sabes que falando enténdese a xente.

Desde aquí tamén vos pido oracións polos nenos que celebran a Primeira Comuñón. Tamén polos seus pais e irmáns. Rezade para que neste día poidan atoparse con Xesucristo e non se quede todo en superficial capa de verniz que só brille ese día. Estes nenos non o van a ter doado. Lamento ser pesimista, pero non o van a ter fácil. Xa sei que me dirán que non lles vai faltar a axuda de Deus, pero tamén é verdade que a axuda de Deus adoita vir por medio das persoas que están ao noso carón: familia, profesores, amigos, veciños… Deus non falla, pero os seus mediadores si que podemos fallar.

Miguel Ángel Pérez

Párroco da Fonsagrada

Texto orixinal

 

A %d blogueros les gusta esto: