Xornada de estudo sobre a Eucaristía

O luns 9 de abril no Seminario Diocesano de Lugo hai unha xornada de estudo sobre a Eucaristía que organiza o Centro Eucarístico Lucense. O relator é José Antonio Castro Lodeiro (Instituto Teolóxico Compostelán) que comezou comentando algunhas referencias da Eucaristía no Antigo Testamento:

  • O éxodo e a Pascua
  • O sacrificio expiatorio
  • O maná do ceo
  • O banquete escatolóxico

A parte final da intervención de José Antonio Castro Lodeiro adícase á alianza sinaítica e á nova Alianza en perspectiva eucarística, con especial atención ao libro de Xeremías.

Pode escoitarse o audio da primeira parte e da segunda parte.

Festa de inverno no Corpiño

Celebración do Corpiño Pequeno o ano pasado

A festa de inverno (Corpiño Pequeno) celébrase o luns 9 de abril, en lugar da súa data habitual do 25 de marzo. O cambio débese a que o día 25 foi Domingo de Ramos.

Hai misa solemne ao mediodía, á que seguirá a procesión coa imaxe da Virxe do Corpiño, que sairá sen coroa, porque así permanecerá desde que lle foi retirada nun recente acto ata o 24 de xuño, final do seu Ano Santo. 

En lugar da coroa habitual, tanto o Neno como a Nai, portarán senllas diademas de flores, realizadas en metal dourado. A diadema do Neno Xesús é de rosas, pero con espinas. Estas recórdannos a coroa de espinas que levará nos últimos momentos a súa vida na terra. A diadema da Nai, está realizada de azucenas. Na tradición bíblica a azucena é símbolo de elección. Tal foi o privilexio da Virxe María -a elixida do Señor- entre as mulleres de Israel. As azucenas, son ademais símbolo da virxinidade de María. A azucena é pudorosa e casta e é símbolo de pureza, inocencia, maxestade e gloria. A simboloxía da azucena distingue e adorna á Nai de Cristo, á Virxe María.

Pola tarde, as eucaristías do luns 9 de abril serán cada hora a partir das 17:00 h. Ademais, hai confesións toda a xornada. Un grupo de gaiteiros da zona pon a animación musical.

Sentados a comer na mesma mesa…

Os elementos que compoñen unha FESTA son fundamentalmente tres: 1) A afirmación de que a vida ten sentido. 2) A comida compartida. 3) Un aspecto lúdico. Isto nos nosos pobos exprésase coa Misa Solemne, a comida cos familiares e amigos, e a verbena cos xogos, barracas, gaiteiros, orquestra…

Nos banquetes de FESTA a comida non é á carta, senón a mesma para todos para expresar simbolicamente a COMÚN-UNIÓN dos asistentes de cara a un mesmo futuro compartido.

Hoxe é frecuente atoparnos que  cando se fai un banquete unha persoa di que ela é da dieta macrobiótica, outro que é vexetariano, outro que é musulmán ou xudeu e non come porco, outro que é vegano, outro que non hai comida tan saborosa como a das diversas partes do porco, etc. Cando se xuntan así varias persoas é imposible facer un menú para todos. Por outra parte se ti invitas a un destes á túa casa debes adaptarte ao seu modo de comer para ser un bo anfitrión, pero cando te invitan debes compartir alegremente a súa dieta sá e equilibrada… sen que haxa a debida correspondencia.

Nun campamento, que tivemos hai anos, un rapaz comentoume que na súa casa a nai facía catro comidas diferentes segundo os gustos dos membros da familia. A miña resposta foi dicirlle que non tiñan perdón de Deus e que eran uns abusóns e explotadores da súa nai.

Todo isto manifesta que estamos perdendo o sentido do comunitario e os valores do compartir, tamén o respecto ao irmán que nos acolle. Polo contrario asistimos á exaltación do individualismo, mesmo dos caprichos individuais. Así faise case imposible poder facer un banquete no “doce fogar” e non queda máis remedio que invitalos a un restaurante e que cada quen coma o que queira!. A dúbida que me queda é se procedería dicirlles que teñen un límite de gasto “per cápita”.

En certa ocasión, estando ceando cuns amigos, chegou unha persoa á casa e invitámola a comer do que tiñamos. Axiña me pregunta: “Antón, non terás por aí unha lata? É que o queixo non me gusta”. A resposta saíume inmediata: “Cando te inviten a comer nunha casa, comes do que hai. Se queres comer o que che gusta, vas a un restaurante e págalo”.  Menos mal que o queixo non lle gustaba!!

Ante esta problemática sobre a comida son de gran sabiduría RACIONAL, ÉTICA e ESPIRITUAL as palabras do Mestre de Nazaret cando di:

“E convocando á xente dicíalles: Escoitádeme todos e procurade entender. Nada do que hai fora do home pode manchalo ao entrar nel; pero o que sae do home, iso si que o mancha.

E cando entrou na casa, despois de deixa-la xente, os discípulos preguntáronlle polo significado daquilo. Díxolles: E logo vós tampouco sodes capaces de entender? Non comprendedes que todo o que vén de fóra e entra no home non o pode manchar, porque non penetra no seu corazón, senón no seu ventre e de alí vai para o escusado?.

Así declaraba puros tódolos alimentos. E continuou: O que sae de dentro, iso si que o mancha; porque de dentro, do corazón do home, xorden os malos pensamentos, as fornicacións, os roubos, os asasinatos, os adulterios, as cobizas, as maldades, os fraudes, os desenfreos, as envexas, as blasfemias, a soberbia, os desatinos. Todas eses males saen de dentro e manchan ao home.” (Mc. 7,14-23)

Estas palabras non precisan ningún comentario explicativo.

Cando falamos de comer e de comida temos que ter claras as finalidades fundamentais que ten:

-A primeira é VIVIR. Nese sentido vemos que moitas veces hai que comer o que non gusta ou non apetece nada, ou hai que quedar con sensación de fame ou facer esforzos por comer porque un está desganado…

-A segunda, e non menos importante, é CON-VIVIR, vivir con outras persoas, vivir en fraternidade cos que nos rodean, pois cando se come en solidariedade o pouco chega a máis e alimenta moito mellor, como se ten experimentado en moitas ocasións.

Nesta realidade coma noutras é necesario mirar e escoitar o clamor dos empobrecidos, famentos e oprimidos; é necesario acoller e asumir a obriga de solidariedade, que temos con eles. Dende aí xurde claramente a postura a tomar ante a comida, que debe ser o compartir solidario.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Concédeselles ás Cáritas galegas a Medalla do Parlamento de Galicia

 

Ginés Plaza, director de Cáritas Lugo, recolle a Medalla do Parlamento

A Medalla do Parlamento de Galicia deste ano 2018 recoñece o traballo das Cáritas Diocesanas da Comunidade, ademais de Aldeas Infantiles SOS Galicia e a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI). A decisión foi adoptada pola Mesa da Cámara e recoñece publicamente o labor das entidades e organizacións que traballan no ámbito social.

Cáritas Diocesanas de Galicia está integrada polas cinco Cáritas das dioceses de Santiago de Compostela, Tui-Vigo, Lugo, Ourense e Mondoñedo-Ferrol.

Cáritas conta en Galicia con 462 puntos de atención nos que colaboran 4.800 voluntarios, que cada ano prestan axuda ás persoas máis vulnerables.

A entrega da Medalla do Parlamento de Galicia celebrouse no Pazo do Hórreo o 6 de abril, aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía de Galicia.

Pascua de Resurrección

Desde os tempos máis antigos a liturxia do día de Pascua (a noite santa da Vixilia e a do Domingo de Resurrección) comeza coas palabras: «Resurrexi et adhuc tecum sum» -resucitei e sempre estou contigo-; a liturxia ve niso as primeiras palabras do Fillo dirixidas ao Pai logo da resurrección, ao retornar da noite da morte ao mundo dos viventes. A man do Pai sostívoo tamén nesta noite, e así El puido resucitar.

Polo Bautismo, a nosa vida pertence a Cristo, non xa a nós mesmos. E precisamente por iso, xa non estamos sos, nin sequera na morte, senón con Aquel que vive sempre. Acompañados por Cristo, acollidos por el no seu amor, somos liberados do medo. Nós estamos implicados; inseridos neste gran acontecemento. A resurrección de Xesús dinos que é posible a superación da morte, a súa eliminación real e non simplemente conceptual. E isto, é hoxe como sempre, a aspiración e o fin esencial da procura do ser humano.

Dinos igualmente que a barreira da morte non é superable mediante refinados métodos clínicos, coa técnica e a ciencia, senón que se produce mediante a forza creadora da palabra e do amor. Só estes poderes son o suficientemente fortes como para transformar tan profundamente a estrutura da materia. Por iso, na realidade deste acontecemento inclúese tamén unha evocación extraordinaria, unha misión e unha concepción do mundo e da existencia humana.

Quen lea o Novo Testamento poderá comprobar sen gran esforzo que, en canto á resurrección de Xesús, existen dous tipos de tradicións: unha confesional e outra narrativa. Ambas confesan e afirman o núcleo da fe cristiá pero a narrativa acentúa o desexo de saber como ocorreu todo. Pero aí vese, ante todo, que a fe na resurrección de Xesús é unha confesión da existencia real de Deus, da súa creación, do si incondicional co que El mira á creación, á materia. A palabra de Deus chega verdadeiramente ata o interior do corpo, o seu poder non termina ao bordo da materia: abrángueo todo.

En definitiva, crer na resurrección é crer no poder real de Deus que é esperanza e alegría e que por iso, capacítanos para cantar, aleluia!, no medio dun mundo sobre o que está a certeza da pesada sombra da morte.

A fe na resurrección iluminou moitos últimos instantes e suavizou innumerables despedidas. Foi o último soporte amable ao que se millóns de seres humanos agarraron antes de dicir o seu último adeus a todo o que amaran nesta terra. Xa só por iso, aínda aqueles que non teñen o don da fe, deberían recoñecer que merece a pena falar ben dela.

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

A %d blogueros les gusta esto: