Inmaculada Vázquez Fernández: Gracias, hijo: un mundo mejor es posible

Acto de presentación do libro no Instituto Masculino (12/04/2018)

Do libro Gracias hijo: un mundo mejor es posible, poden destacarse uns eixes teolóxicos e unha gran riqueza de valores ético-morais.

Xa no primeiro poema: y tus brazos me acogieron

tu amor me envolvió

y la felicidad llenó

todos mis rincones de mi pequeño ser

para siempre…

 

Aquí está revelando un concepto de Deus manifestado no seu Fillo Xesucristo. Un Deus tenro, un Deus pai-nai, un Deus cercano, cariñoso, bondadoso.

Lendo o libro observaráse un gran eixe de relación materno-filial. Cun gran valor de xenerosidade, de amor, e todo realizado cunha gran alegría. Este estilo de vida e de plantexamento educativo vai repercutir no mociño Gerald, sendo ese rapaz cariñoso, bo, listo e responsable. Por isto, a nai Conchi-Inma descúbreo todo como o gran regalo que Deus lle deu.

Tamén cando fala da Tita Flori xorde a gran actitude de crenza e dunha vida máis alá da morte.

Outro gran eixe teolóxico é a gran dimensión comunitaria cos amigos-amigas e a familia propia, que sempre está moi valorada. Así, a gran actitude maternal de entrega de cara ao seu fillo Gerald, síguea disfrutando en cada momento da vida.

Outro eixe teolóxico é o acompañamento, o ánimo, o cariño, que xorde por todas as páxinas da obra. Sempre despois de calquera actuación do seu fillo a frase que sempre soa: ¡Muy bien, cariño, lo has hecho muy bien!

Outro gran valor ético-moral que descubrimos é que Conchi e Gerald loitan pola dignidade da súa gran familia de Filipinas. Conchi sempre cre que un mundo mellor é posible. Sobresae o valor de facer o ben, neste caso a tantos nenos e nenas.

Outro valor a destacar é compartir o tempo, a vida, nos distintos aspectos. Así atopámonos na primeira parte do libro coa descrición dun fermoso cadro que simboliza unha flor e no tallo vese unha frase: O esencial é invisible aos ollos, soio se pode ver co corazón.

Tamén descubrimos unha clara transmisión de valores ao seu fillo Gerald analizando as etapas do Camiño de Santiago, por exemplo baixando do Cebreiro a Triacastela e noutras etapas escoitamos varias veces ao seu fillo, «Mami, yo te ayudo. Dame la mano». É dicir, ofrécese sempre colaboración, descúbrese unha preocupación polos demais.

Dille a nai ó fillo: Qué belo é compartir, Gerald! Comparte sempre a túa vida, o que es, o que teñas. É o que che fará feliz.

Plantéxase unha educación austera, facéndolle ver a Gerald que o esforzo é necesario. E a constancia é a que nos fai conseguir o verdadeiramente importante nesta vida.

Unha gran conclusión que podemos sacar nesta obra é que o regalo máis grande que Deus puxo na vida de Conchi é Gerald. Di: para ser feliz só necesitas un puñado de persoas ás que amas e te aman, polas que farías calquera cousa e que farían calquera cousa por ti.

Tamén neste segundo libro o logotipo Mensaxeiros da Paz dalle un prestixio á obra dende a bondade do Padre Ángel.

Como conclusión final, dicir que nai e fillo saben que un mundo mellor é posible. Por isto remata a obra cos agradecementos ás diversas persoas que colaboran para facer posible isto.

Luis Manuel Rodríguez Pérez

Ordenación sacerdotal de Nicolás Susena Presas

O vindeiro sábado 14 de abril, ás 17:00 horas, na Catedral de Lugo, o diácono Nicolás Susena Presas será ordenado presbítero por D. Alfonso Carrasco Rouco, Bispo de Lugo. Con tal motivo, invítase a todos os diocesanos a participar nesta celebración solemne, coa que o Señor segue manifestando a súa solicitude pola súa Igrexa ao enviarlle novos sacerdotes.

Nicolás Susena Presas (Lalín, 1992) é o maior de dous irmáns. Estudou primaria, secundaria e bacharelato no seu pobo natal. Obtivo o grado en Estudos Eclesiásticos na Universidade San Dámaso, Madrid. E actualmente realiza un máster en Ciencias do matrimonio e a familia no Instituto Juan Pablo II (Madrid), á vez que se especializa en teoloxía moral na Universidade San Dámaso.

A súa colaboración pastoral na súa actual etapa de diaconado realízaa na Parroquia da Milagrosa, na cidade de Lugo, á vez que estuda en Madrid e colabora tamén na Parroquia madrileña de San Juan Crisóstomo.


A súa vocación naceu desde moi pequeno. A súa familia foi o lugar propicio onde esa vocación foi xurdindo. Así, con tan só 4 ou 5 anos, recorda que responde á pregunta de que será de maior dicindo que el desexa ser sacerdote.

Estuda ata os 18 anos no colexio Xesús Golmar, de Lalín, e no instituto Ramón Mª Aller Ulloa, da mesma localidade. A súa vocación segue crecendo tamén a raíz de ver ao que foi o seu párroco, Manuel Salgado, celebrando a Eucaristía. E non pasa desapercibido o feito de que lle fai feliz axudar en Misa sendo monago. O seu grupo de amigos na parroquia de Lalín son un gran apoio no seu camiño de fe e na súa vocación.

Con 17 anos, Nicolás terminaba segundo de bacharelato á vez que colaboraba nunha asociación e era árbitro de fútbol. Pensou estudar enxeñaría informática en Madrid. Naquel momento, en febreiro de 2010, ten un encontro con Xesús, que lle provoca unha mirada á súa historia persoal e á vocación que tantas veces manifestara. É naquel momento cando decide entrar no Seminario.

En setembro de 2010 entra no Seminario da súa Diocese, Lugo. Alí formarase durante seis anos. Terminado o seu grado en Estudos Eclesíasticos co seu exame final en Madrid, é enviado na súa etapa pastoral á Parroquia da Milagrosa á vez que se despraza a Madrid para iniciar os seus estudos no master de Ciencias do matrimonio e a familia, no Instituto Juan Pablo II, na súa sede de Madrid.

O 4 de xuño de 2017 é ordenado diácono na Parroquia da Milagrosa polo bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco. Uns meses despois, en outubro, ademais de proseguir co master e a súa colaboración na Milagrosa, comeza a súa especialidade en teoloxía moral na Universidade San Dámaso de Madrid, colaborando á vez na Parroquia madrileña de San Juan Crisóstomo.

A ordenación sacerdotal de Nicolás, que terá lugar o sábado 14 de abril ás 5 da tarde na Catedral, ten como elementos centrais a imposición de mans do Bispo e a pregaria de ordenación. Con outros xestos como a imposición de mans de todos os sacerdotes que participen na celebración, ou o abrazo do Bispo e os sacerdotes ao diácono, maniféstase a súa recepción no presbiterio diocesano.

É un acontecemento extraordinario para toda a Igrexa, un agasallo para a Diocese de Lugo, e é por iso que se pide aos fieis e sacerdotes que participen en maior número posible, para manifestar a súa acollida ao novo sacerdote.

Paz a vosoutros

“Paz a vosoutros”. Con estas palabras saúda Xesucristo resucitado aos apóstolos cando se fai presente no medio deles. Son palabras que escoitamos con frecuencia durante o tempo pascual.

Fáltache paz? Non tes acougo? Tes demasiadas preocupacións? Non dormes nin descansas de noite? Considéraste bazofia? Estás canso de tanta discusión? Vives alterado? Non. Non che estou ofrecendo unhas píldoras máxicas. Simplemente vouche falar do Príncipe da Paz: Xesucristo.

Todo o mundo quere vivir en paz e a falta dela é unha preocupación grande. Pero a realidade é teimuda e vémonos rodeados de violencia por todas partes, moitas veces ata dentro de nós mesmos. Basta con ver as sesións dos distintos parlamentos, os debates nos medios de comunicación, as publicacións e comentarios nas redes sociais, os faladoiros en televisión e radio…

A falta de paz non só vén polas guerras feitas con armas, senón tamén polas que se fan coas palabras e os sentimentos. Se cadra as guerras entre países ou rexións veñen provocadas pola falta de paz interior de millóns e millóns de persoas, cuxo lugar foi ocupado pola ira e o xuízo sen clemencia cara aos demais. Por iso mesmo, hoxe en día seguimos necesitando que Xesucristo resucitado se faga presente no medio de nós un día si e outro tamén e transmítanos a súa paz, a paz de Deus, a auténtica, a de verdade, non só a de palabra.

A paz de Cristo resucitado é o mellor saúdo que podemos recibir dun Deus que o deu todo, ata a última pinga de sangue, pola nosa salvación. Xesucristo non vén só a salvar a nosa vida unha vez que morremos. Xesucristo xa quere que vivamos agora, esta vida, como resucitados, como persoas novas. Para iso, para vivir, para vivir nunha paz auténtica necesitamos a Cristo no medio das nosas comunidades parroquiais e no medio da sociedade. Fagamos a proba! Non temos nada que perder.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

[Texto orixinal]

Festa de inverno do Corpiño e próximos xubileus

O 9 de abril concluía a Novena coa Festa de inverno da Benaventurada Virxe María do Corpiño, no día da solemnidade da Anunciación do Señor.
A pesar do mal tempo e de ser un día laborable, non faltaron devotos a todas as misas que se sucederon ao longo do día, desde as 9 h ata as 18 h. Chegaron autobuses de diversas zonas de Galicia.
Especial afluencia de fregueses tiveron a Misa dos enfermos ás 11 h e a Santa Misa Solemne ás 12 h. Ao remate desta última, e tras esperar uns minutos para que o tempo dese unha tregua, fíxose e procesión coa imaxe da Virxe descoroada. Era a primeira vez neste ano que saía en procesión a Virxe, acompañada por un grupo de gaiteiros da zona. Ao acabar a procesión, homenaxeárona cun baile tradicional.

Proximos xubileus

O 15 de abril ás 12h terá lugar no santuario do Corpiño o Xubileu do deporte e vida saudable. É un xubileu para todos os deportistas e persoas relacionadas co deporte e a vida saudable.

O domingo seguinte, 22 de abril, será o Xubileu das amas de casa e das súas asociacións.

Presentación do libro “Gracias hijo: un mundo mejor es posible” de Inmaculada Vázquez

O xoves 12 de abril ás 20h no Salón de Actos do IES Lucus Agusti de Lugo preséntase o libro Gracias hijo: un mundo mejor es posible de Inmaculada Vázquez. A autora conta as vivencias da súa vida e do seu fillo Gerald, neno de orixe filipino adoptado en 2010. A súa nai incúlcalle valores de xustiza social, paz, solidariedade.

Acompaña ao libro un CD con obras musicais de agrupacións nas que toca Gerald:

  • 4 cancións do coro infantil do Conservatorio de Música de Lugo

  • unha obra interpretada pola Banda infantil do mesmo Conservatorio

  • unha composición musical (Lvcvs) de Manuel María Veiga interpretada pola Banda Sons e Soños de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei

  • nana do grupo Tango en Xaneiro

  • dous temas musicais interpretados por Gerald a clarinete e a piano.

Estes dous últimos temas poderán escoitarse en directo no acto de presentación do libro, que contará tamén coas seguintes intervencións:

  • Xosé Luís Vázquez Somoza, prologuista do libro

  • Luís Manuel Rodríguez Pérez, vicario de coordinación pastoral da Diocese

  • Mago David

  • Inmaculada Vázquez, autora

Este novo traballo vén da necesidade de Gerald e a súa nai de poder seguir colaborando cos centros de axuda á infancia en Filipinas, pois do primeiro libro Gracias hijo: Diario de una adopción esgotáronse as súas dúas edicións.

O libro pode adquirirse (15 €) nas librarías La Voz de la Verdad, Biblos e Alecrín en Lugo e Libraría Bande en Pobra de San Xulián.

Ao evento está invitado o Presidente de Mensajeros de la Paz, o Padre Angel, que desde a segunda edición do primeiro libro colabora coa escritora. Esta presentación faise no marco da celebración do 175 aniversario do Instituto Lucus Augusti.

No programa “El Espejo” pode escoitarse unha entrevista a Inmaculada Vázquez (a partir do minuto 7:45)

A %d blogueros les gusta esto: