Clausura dos Encontros de Pais

 

Desde o pasado mes de novembro o Centro de Orientación Familiar Diocesano organizou en Lugo e Lalín uns Encontros de Pais. Neles, especialistas do Instituto da Familia de Ourense axudaban a reflexionar sobre a familia e as emocións, a proxectar a vida familiar dun modo intelixente.

En Lalín a conclusión desta primeira edición será o día 19 de abril, mentres que en Lugo concluíron o pasado día 10, e tres persoas que asistiron comentan como foi a experiencia:

Cristina, nai dunha nena, coñeceu os Encontros de Pais a través da catequese fa filla. Cumpríronse as expectativas que tiña pois resultou unha actividade amena, cuns relatores que eran concisos e poñían exemplos claros aplicables á familia que un está creando. Resultou unha boa axuda en como orientarse con respecto aos fillos.

A Natalia, nai dun neno, chegoulle a publicidade dos Encontros e coñecía a outra persoa que tamén estaba interesada en asistir. Entre os temas que lle pareceron máis interesantes está o da xestión dos enfados, de adultos e de nenos, e ver como a escoita é unha maneira de comunicación.

Para José Luis, pai de dous nenos, os fillos non veñen cun manual e hai moito que pensar pero nos Encontros de Pais apréndese paciencia, corrixir evitando o “non” ou “porque o digo eu”.

Cursiño de Pastoral da Saúde

En España, a Campaña do Enfermo, acollendo a invitación do recente Sínodo da Familia, centrarase no Acompañamento á familia na enfermidade. Pois, cando unha persoa enferma, enferma toda a familia. Con esta idea prepárase o XL Curso Rexional de Pastoral da Saúde de Galicia, en Lugo os días 21 e 22 de abril.

Programa

Sábado, 21

10:00 Acollida e entrega do material.

11:00 Oración inicial e presentación do Cursiño.

11:30 Conferencia a cargo de D. Jesús Martínez Carracedo, Ecónomo da Diocese de Tui-Vigo e Párroco do Sagrado Corazón de Vigo: “O acompañamento á familia na enfermidade”.

13:00 Conferencia a cargo de D. José María Hevia Álvarez, sacerdote e ex-Rector e ex-profesor do Seminario de Oviedo: “Acompañamento da familia na enfermidade á luz da Amoris Laetitiae”.

14:15 Comida.

16:30 Conferencia a cargo de D. Franklin Fuentes, relixioso Camilo, Teólogo, Máster en Counselling e Máster en Intervención en Dó: “O coidado da familia e o enfermo na escritura”

18:00 Descanso

18:30 Visita á Catedral de Lugo e Museo Diocesano

20:00 Oración na Catedral.

20:30 Regreso ao Hotel

21:00 Cea.

22:00 Velada a cargo da Compañía de Teatro do Hospital de Lugo

Domingo, 22

9:00 Almorzo

10:00 Mesa redonda / Panel de experiencias de distintos ámbitos e realidades no acompañamento á familia na dor, na enfermidade e no sufrimento.

Participantes:

  • Manuel Regal, Delegado de Pastoral Rural de Mondoñedo- Ferrol e voluntario de Proxecto Home.

  • Ana María García Heras Martín, Secretaria do SIPS Galicia, Delegada de Pastoral da Saúde de Mondoñedo-Ferrol e Persoa Idónea no Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol.

  • Sonia Abeledo Sánchez, Educadora Social, Auxiliar de enfermería no HULA e membro do Centro de Orientación Familiar Diocesano de Lugo.

  • Sor Julia del Barrio, Filla da Caridade do Centro de San Vicente de Paul.

  • José Miguel Vázquez López (Mercedario), Capelán do Hospital de Monforte

  • Mónica Yáñez Devesa, Secretaria Xeral de Cáritas Lugo.

Descanso

13:00 Eucaristía dominical na Parroquia de San Xoán de Pena (Nadela)

Xubileu do deporte no Santuario do Corpiño

O domingo, 15 de abril celebrouse no Santuario do Corpiño o Xubileu do deporte e a vida saudable.

Sobre as 11:40 h o Reitor do Santuario impartía a bendición aos devotos na carballeira do Santuario, coincidindo coa chegada dos peregrinos que realizaban o Camiño dos pastorciños.

A procesión cara á Porta Santa tivo un peculiar detalle: algúns integrantes do equipo de ciclismo Rodamontes Lalín Bike Club realizárona en bicicleta.

Ás 12:00 h, comezaba a Eucaristía, que contou a Coral Voces Amigas de Moraña; nas Ofrendas o tres veces campión de España de bádminton, Rodrigo Sanjurjo, ofreceu a súa raqueta á Benaventurada Virxe María do Corpiño.

O que se traía entre mans

Sempre fun un neno moi curioso, que me fixo en todo e non me soe escapárseme ningún detalle, por ínfimo que sexa. Por iso, tantas veces na celebración da Misa, mentres servía ao altar, a miña mirada volvíase cara ás miñas mans. Si, as miñas mans. E rezaba: «Señor, que as miñas mans un día poidan tamén tomar o pan e, polas túas palabras, transformalo no teu Corpo». E agora chegou ese momento.

Un dos xestos que se realiza na ordenación é a unción das mans, na cal o Bispo derrama o santo crisma, aceite perfumado que desprende o bo aroma de Cristo. Todo isto é o selo concreto que fixo das miñas mans, mans de Cristo, mans destinadas ao pobo, mans que tocarán ao home e entregaranlle os dons da salvación. Isto é o que Deus fixo comigo: pensaba que era eu o quen o vía, pero en realidade é El quen me atopou primeiro (Cf. Is 64,4).

Isto é unha obra que non se queda en min, por iso entendín que «El me chamou pola súa graza» (Gal 1,15) para chegar a todos aqueles cos que irei atopándome polo camiño, cos que me sentarei na Mesa Eucarística, aos que agregarei á familia de Deus… porque ao final, non pode entenderse un sacerdote sen a Igrexa como tampouco se pode entender sen Cristo.

Ante a inmensidade do misterio só podo quedarme «pequeno», como quen se sente agradecido, non por un momento, senón coa vida mesma. O feito de ser sacerdote significa que as miñas accións han de ser de Cristo, non predicarme a min mesmo, entón «El ten que crecer, e eu teño que minguar» (Xn 3,30).

Nicolás Susena

Sacerdote

Imaxe: Cathopic

Próximos xubileus no Corpiño

O 15 de abril será o Xubileu do deporte e a vida saudable, cunha programación que seguirá o esquena dos anteriores xubileus (se o permite o tempo):

  • Ás 11:00 h, Saída cara á igrexa de San Pedro de Losón para realizar desde alí ata o Santuario o Camiño dos pastorciños, os que o desexen (1 km de distancia)
  • Ás 11:35 h, coincidindo coa chegada dos peregrinos que realizan o Camiño dos pastorciños, o Reitor do Santuario impartirá a bendición a todos os peregrinos e devotos na Carballeira do Santuario
  • Ás 11:40 h, comezo da peregrinación cara á Porta Santa (100 m)
  • Ás 11:50 h, chegada á Porta Santa.
  • Ás 12:00 h, Eucaristía polas persoas que se dedican ao deporte, a cal amenizará a Coral Voces Amigas de Moraña, que van cantarlle á Virxe. Calquera agrupación musical ou solista, poñéndose en contacto co Santuario, poderán ir cantarlle á Virxe neste ano tan especial.

Ao terminar a Eucartistía impartirase a bendición a todos os presentes.

Os seguintes xubileus serán:

  •  Domingo 22 de abril: Xubileu das amas de casa e as súas asociacións
  •  Sábado 28: Asemblea-Xubileu dos catequistas
  •  Domingo 29: Xubileu dos enfermos e persoal sanitario
A %d blogueros les gusta esto: