24 horas para o Señor

O vindeiro venres 9 de marzo iníciase a xornada de “24 Horas para o Señor”, promovida polo Pontificio Consello para a promoción da nova evanxelización.

Inspirándose nas palabras do Salmo 130, 4: “En Ti está o perdón”, facilítase a posibilidade de adoración nocturna do Santísimo, así como a confesión sacramental.

Esta iniciativa xurdiu en Roma fai cinco anos, e estendeuse a nivel mundial, unindo e espiritualmente ao Sucesor de Pedro coas Igrexas repartidas polos cinco continentes, co fin de ofrecer a todos a oportunidade de vivir a experiencia persoal da infinita misericordia de Deus.

O obxectivo é ofrecer a todos, especialmente a aqueles que aínda senten certa incomodidade ante a idea de entrar nunha igrexa, o abrazo misericordioso de Deus; unha ocasión para regresar ao Pai, que vai máis aló dos tempos e modos habitualmente coñecidos.

Hai a proposta de vivir “24 horas para o Señor” tamén nos cárceres. Neste sentido, foron avisados os capeláns para que tamén se sumen a vivir esta experiencia.

Imaxe: portada do subsidio pastoral do Consello para a promoción da nova evanxelización, Ed. San Pablo

 

Ciclo de conferencias “Occidente ante o século XXI”

O ciclo de conferencias “Occidente ante o século XXI” leva como título nesta 16ª edición “Compromiso laical para unha Igrexa de futuro”. Comeza o 7 de marzo ás 20h no salón de actos da Deputación con Sebastián Mora Rosado. A intervención de Sebastián Mora, que foi Secretario Xeral de Cáritas ata decembro de 2017, leva como título “Unha fe comprometida: memoria, presenza e profecía”.

O luns 12 de marzo ás 20h no salón de actos da Deputación Provincial será o catedrático de Dereito Romano, Federico Fernández Buján, quen interveña falando do “Proceso contra Xesús. Análise histórica, escriturística e xurídica”.

O mércores 14 de marzo conclúe este ciclo o Delegado de Apostolado Segrar da Diocese de Lugo, Alfredo Losada Suárez, que presentará os “retos do laicado nunha Igrexa comprometida”

Esta edición número 16 de “Occidente ante o século XXI. Incertezas e problemas do noso tempo” está organizada pola Xunta de Confrarías de Semana Santa de Lugo e a Delegación de Misións.

Celebracións con motivo do I Centenario de Marías dos Sagrarios

Con motivo de conmemorarse o I Centenario de Marías dos Sagrarios e Discípulos de San Xoán en Lugo, o 2 de marzo ás 19h no Seminario presentouse o libro do poeta Lucrecio Serrano De rodillas Señor ante el Sagrario o Evangelio de Juan. Lucrecio contou como naceu o libro: visitando “Las Edades del Hombre” atopouse cun grupo de monxas que, no medio do movemento propio das exposicións, elas estaban ante unha custodia, adorando ao Santísimo. Cando volveu a Albacete, Lucrecio púxose a escribir ante o sagrario os poemas dos que o central é “Yo soy la resurrección y la vida”, non só polo lugar que ocupa senón tamén por tratar un dos universais humanos, a morte. O poema comeza así: Dime, Señor, que yo he venido  / repujado de Ti / a este mundo de orillas y mitades, / que, cuando la palabra / no tenía su traje de palabra, / Tú ponías las voces en mis labios, / que de Ti llevo como estigma cierto / tu huella y mi conciencia,/ que en mí creaste, porque Tú querías,  / estas ansias divinas por buscarte.

E seguindo coa celebración do centenario, o 4 de marzo na Catedral ás 18h houbo oración de acción de grazas e ás 19h celebración da Eucaristía, presidida por Indalecio Gómez Varela.

Canto vales?

Esta pregunta poida que estea ou non na nosa cabeza, ou que nos preocupe o valor que nos outorgan os demais, non sei, pero hoxe axudoume un texto dun libro chamado Biblia, polo final, xunto aos Evanxeos, un deles, Mateo 21, 33-43.45-46, narraba unha parábola que Xesús conta sobre uns labradores e un señor dunha casa que lles deixa a estes labradores a leira, a casa, todo para que traballen e para que lle dean un tanto cando obteñan froito. Resulta que o señor da leira, o dono de todo, enviou a uns empregados a cobrar a parte que lle corresponde, como o aluguer, e resulta que os labradores deciden matalos para non pagar. O señor envía máis empregados e fanlles o mesmo, mátanos e o señor este decide enviar ao seu fillo para que cobre o aluguer. O señor pensa que respectarán ao fillo.

Chegada esta parte eu pensaba: Se matan aos primeiros xa non hai que andar con tonterías, que sexan detidos e listo. Ou no peor dos casos acábase con eles e xa está. Por que tanta insistencia por parte do señor este en enviar empregados que morren e agora ao seu fillo? A resposta non está en fixarnos no desgraciados que son eses labradores, non está en fixarnos nas mortes. Fixémonos no valor que lles dá o señor a eses labradores que non se rende e envía ao seu fillo. Desde logo que tamén acaban coa vida do fillo. É certo que os labradores teñen un valor equivalente á vida dos empregados e fillo a quen mataron, pero tamén poderíaselles dar un pouco da súa propia medicina?

Que distinto o noso criterio do de Deus. Decatémonos de que o señor ese da historia é o Pai e o fillo é O FILLO. Ese é o teu valor, a súa vida, o seu sangue, El é o teu valor, iso vales. Digas o que digas, fagas o que fagas, terás que dar conta ante a sociedade e as súas leis, pero o teu valor… é o que é.

José Antonio Adrio Carballude

Delegado de Mocidade e Pastoral Universitaria

I Centenario de Unión Eucarística Reparadora – Marías dos Sagrarios

Con motivo de conmemorarse o I Centenario da Unión Eucarística Reparadora en Lugo, o 2 de marzo ás 19h no Seminario preséntase o libro do poeta Lucrecio Serrano Pedroche De rodillas Señor ante el Sagrario o Evangelio de Juan.

E o 4 de marzo haberá varios actos na Catedral para celebrar o centenario:

  • ás 18h haberá oración de acción de grazas

  • ás 19h celebración da Eucaristía.

Marías dos Sagrarios de Lugo celebran, o primeiro domingo de cada mes, un acto eucarístico (vésperas) na Catedral ás 5 da tarde e unha charla de formación o terceiro venres de mes na igrexa de Santiago A Nova.

A %d blogueros les gusta esto: