Presentación da Semana Santa de Lugo

Na capela de san Froilán da Catedral de Lugo, presentáronse na mañá do 14 de marzo o programa e o cartel da Semana Santa deste ano.

O coordenador da Xunta de Confrarías de Lugo, Ramón Basanta, presentou unha novidade: o Martes Santo na procesión do Bo Xesús e do Nazareno: á altura do convento franciscano, producirase o “Encontro de Maria con Xesús camiño ao Calvario”. En fraternal colaboración coa Confraría do Desencravo do Señor e das Maiores Dores de María Santísima, as portas do Convento Franciscano abriranse para que a Virxe das Dores (na súa Cuarta Dor) atópese co seu Fillo camiño ao Calvario. O exército de Terra entoará un cántico propio para este emotivo acto.

Para a concelleira de Cultura, Carmen Basadre, pensar na Semana Santa é pensar na nosa historia, nas nosas vivencias. Temos que sentirnos orgullosos dos aspectos polos que a Semana Santa de Lugo é única: o Santísimo Sacramento sae a procesionar, o paso da Virxe da Esperanza está acompañada da Armada Española, a imaxe da Virxe do Rosario patroa de Lugo únese coa do seu Fillo Resucitado.

O responsable da área de Promoción do Territorio e Turismo da Deputación Provincial, Eduardo Vidal, congratulouse da participación das institucións e de que este ano se coloquen en varios lugares lonas co cartel da Semana Santa. Todo isto fará que a Semana Santa sexa máis visible, máis querida e que se valore o traballo dos organizadores. Finalizou desexando que o bo tempo climatolóxico acompañe ás distintas celebracións.

O Vicario Xeral da Diocese, Mario Vázquez Carballo manifestou que cando contemplamos a beleza das imaxes estamos contemplando a beleza da fe fundamentada na verdade e no ben. Son 3 valores inseparables que a Igrexa sempre impulsou. Cómpre vivir isto, porque se fallan os fundamentos, o demais pode quedar nuns ramalletes externos importantes pero se non hai expresión interna dos fundamentos da fe, o demais sería difícil que puidese subsistir.

[Ver programa]

Conferencia de Federico Fernández Buján sobre o proceso contra Xesús

O luns 12 de marzo ás 20h no salón de actos da Deputación Provincial o catedrático de Dereito Romano, Federico Fernández Buján, falou do “Proceso contra Xesús. Análise histórica, escriturística e xurídica”, comentando varias veces ao longo da súa intervención a figura de Pilato:

Os evanxelistas preocúpanse moito de situar a cronoloxía de Cristo e a Igrexa que é sabia, no credo fai recitar o nome dun personaxe histórico, que é Poncio Pilato. Repetímolo tanto de memoria que non nos preguntamos que fai Pilato no credo. Sobre a importancia de Pilato na época de Cristo hai que dicir que o alcalde do municipio máis perdido na xeografía máis perdida tería máis ou menos a mesma importancia no Imperio Romano que Pilato. Ou sexa que prácticamente é un ninguén. A Igrexa fainos dicir o seu nome porque para que un personaxe histórico sexa recoñecido como tal hai que situalo nunhas coordenas espacio-temporais. Se o credo dixese que Cristo padeceu e morreu baixo o poder de Tiberio, non quedaría ben situado no tempo. Isto é así porque Tiberio pasou como emperador romano máis anos que Pilato como procurador de Xudea. Tampouco se situaría a Cristo no espazo tan bem porque Tiberio gobernaba todo o mundo e Pilato un lugar máis concreto.

Pilato di que non é responsable do sangue deste xusto. Iso chámase prevaricación. Nunca un prevaricador di que é un prevaricador (que fai algo sabendo que non o ten que facer). Pilato, entre a súa conciencia e o poder, escolleu isto último. Temeu que se chegaba a Roma que non condenou a morte a alguén que se proclama rei (algo que iría contra o poder central) sería destituído. Unha consecuencia disto pode dicirse que o xuízo a Xesús foi o máis inicuo de todos cantos xuízos queda constancia na historia.

 O acto enmarcábase no ciclo de conferencias que nas semanas previas á Semana Santa organizan a Xunta de Confrarías de Semana Santa de Lugo e a Delegación de Misións.

Terá razón económica o Ofertorio?

 

Cando unha persoa estuda libros de economía é frecuente que atope a afirmación de que as fontes da riqueza son tres: a) A TERRA ou os recursos naturais do subsolo, do solo e da atmosfera. b) O CAPITAL na súa dobre referencia de físico e financeiro (máquinas, tecnoloxía e diñeiro…). c) O TRABALLO ao que mesmo ás veces se lle chama capital humano.

Pero cando un católico vai á Misa atópase que no Ofertorio o cura, ao presentar o Pan e o Viño, non di que son froito da Terra, do Capital e do Traballo, senón que son “froito da TERRA e do TRABALLO DOS HOMES”, e aí se queda.

A persoa humana diferenciase dos outros seres da creación porque pensa (filosofa) e comparte o seu pensamento cos demais para enriquecemento mutuo. Así pensando no dito anteriormente vexo que hai diferenzas importantes, comezando por ver que non é o mesmo, a nivel de implicacións sociopolíticas, falar de capital humano ca de traballo, que é unha calidade básica das persoas. Iso parece evidente!, pois na primeira expresión “humano” é un adxectivo que acompaña ao substantivo “capital”, que é o considerado valioso. Así vemos que con isto se está rebaixando a dignidade das persoas.

Pero o capital do que falan os manuais económicos que é en realidade? Como xurdiu? Que finalidade ten? Cal é a súa base?

Na súa orixe o capital-diñeiro non é máis ca un medio para facilitar o troco, o intercambio. É máis, empeza sendo un MATERIAL VALIOSO (ouro, prata…). Quen organiza a produción quédase cunha parte proporcional, algo ou moito maior á dos outros traballadores, igualmente sucede con quen facilita-organiza o troco.

Ese metal para facilitar o troco axiña levará a imaxe do poderoso (emperador) para que se vexa onde está o poder… máis tarde é UN PAPEL  que nun principio ten o respaldo en ouro do Banco Central do país (aínda lembro “El Banco de España pagará al portador…”). Pronto desaparece ese cambio en ouro e ven ser só un papel ao que lle prestamos confianza, fe… Como para dicir que a xente non se move pola fe!, como ás veces din “os que se chaman materialistas do diñeiro”.

Hoxe o diñeiro pasou a ser de PLÁSTICO, ou máis ben inmaterial, unha anotación informática nunha banca electrónica, ou na “NUBE”, que non sabemos onde reside e incluso moedas virtuais coma o bitcoin. Dependen da fe que se lles teña e por iso son tan volátiles…

Pero volvendo á empresa temos que o capital na súa dobre dimensión de fixo e circulante, ou financeiro e produtivo (máquinas e tecnoloxía) non é máis ca o traballo das persoas acumulado ao longo do tempo. Traballo non pagado ós traballadores pola súa actividade, ou traballo engadido ao traballo dos inventores do pasado que permite facer máquinas máis eficientes co elo que se engade ao elo da cadea dos seus predecesores…

Na era económica post-informática, economía dixital, moitos produtos pódense vender a millóns de persoas, seguir sendo dono deles e seguir vendéndoos a millóns de persoas… Son froito da cooperación histórica de multitudes de persoas e hai que poñelos ao servizo da sociedade!.

Non esquezamos que a capitalización dunha empresa é froito do traballo de tódalas persoas (e dos seus antepasados), que exercen a súa actividade na empresa (compra, produción, venta…). Por tanto, debería repartirse entre todos tendo en conta as necesidades de reinvestimento e de colaboración ao ben común. Se esquecemos iso colaboramos á degradación das persoas e ao espolio dos pobres. Afianzamos, como dicía Pío XI, o Imperialismo Internacional do Diñeiro e a Ditadura Económica (Quadragésimo Anno 105-109).

Traio aquí estas sabias palabras da Doutrina Social da Igrexa na gran encíclica Laborem Exercens (1981), que invito ler con calma. De moitos textos interesantes, por espazo, quédome con este:

 “Entón débese constatar aquí que o conxunto de medios é froito do patrimonio histórico do traballo humano. Tódolos medios de produción, desde os máis primitivos ata os ultramodernos, foron elaborados gradualmente polo home: pola experiencia e a intelixencia do home. Deste modo, xurdiron no só os instrumentos máis sinxelos que serven para o cultivo da terra, senón tamén – cun progreso adecuado da ciencia e da técnica – os máis modernos e complexos: as máquinas, as fábricas, os laboratorios e as computadoras. Así, todo o que serve ao traballo, todo o que constitúe – no estado actual da técnica – o seu «instrumento» cada vez máis perfeccionado, é froito do traballo (…) Convén subliñar e pór de relevo a primacía do home no proceso de produción, a primacía do home respecto das cousas.” (nº 12)

Se vivimos o traballo deste xeito, transformador da natureza e colaboración entre as persoas do pasado e do presente, servirá cos seus froitos á vida, á liberación e á humanización. Dalgunha maneira, como se di no Ofertorio, “serán Pan de Vida e Bebida de Salvación”.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Actos finais da Novena da Graza

Dentro dos actos finais da Novena da Graza que se está desenvolvendo na Parroquia San Francisco Xavier de Lugo, o sábado 10 de marzo é o día adicado á Virxe. Desde fai 57 anos vén realizándose a Procesión dos Fachos. Realizarase o 10 de marzo, saíndo ás 20:30 h desde a igrexa parroquial en Roi Xordo, 6. Transcorrerá polas rúas Trebo, Armórica, rolda Fingoi, Erín e Roi Xordo; e concluirá ás 22: 00 h

Nas súas viaxes de misión, San Francisco Xavier transmitiu aos novos cristiáns o seu amor á Virxe María, ensinándolles oracións sobre ela. Levaba sempre consigo un rosario. E nas súas cartas hai frecuentes referencias á Virxe María.

Día 11: procesión desde o Barrio de Montirón ás 9,30h da mañá.

Día 12: Darase a venerar a reliquia do santo nas misas.

V Concurso de Fotografía “Eucaristía e Patrimonio Relixioso en Lugo”

O Centro Eucarístico Lucense organiza o V Concurso de Fotografía “Eucaristía e Patrimonio Relixioso en Lugo” coa pretensión de contribuír á promoción da fe na Eucaristía e tamén recoñecer a riqueza do patrimonio artístico existente na Diocese e na provincia de Lugo.

Cada participantes poderá presentar un máximo de 4 obras (cor ou b/n) figurando en cada unha o tema no que participa (Eucaristía ou Patrimonio relixioso cristián). As obras, montadas en paspartú (40×50) serán entregadas antes do 25 de maio no seguinte enderezo: Centro Eucarístico Lucense, pza. de Santa María, s/n Lugo.

[Ver bases completas]

A %d blogueros les gusta esto: