Cursos de Cáritas

ENCONTROS DE MULLERES

Inicia a súa andadura o Taller de Punto de Cruz, un espazo de aprendizaxe e encontro entre mulleres, no que poder aprender dun modo dinámico e participativo a arte do punto de cruz, e ao mesmo tempo compartir xunto á agulla e o dedal a súa vida e experiencias.

Tamén se pon en marcha o Club de Lectura de mulleres. É un espazo de encontro que permite aos participantes, evadirse por un tempo de conflitos e dores, concienciarse, interrogarse, e ser instrumentos de apoio e encontro.

LINGUA ESPAÑOLA

O programa de Cáritas de acollida a persoas inmigrantes imparte as Clases de Lingua Española encamiñadas a apoiar a todas aquelas persoas estranxeiras que desexan acceder á nacionalidade española e superar o Exame de Español DELE A2. Facilitase ao alumnado a xestión e o desprazamento en grupo a Santiago de Compostela para a realización do exame.

Ademais, este ano organízase unha Aula de Iniciación e unha Aula de Perfeccionamento.

INFORMÁTICA

Tras finalizar o Taller de Informática Básica para a Búsqueda de Emprego realizado en Monforte de Lemos, agora iníciase en Lugo un Curso presencial de Iniciación á Informática. A formación ten lugar os luns pola mañá, de 10.30 a 12.30 na Aula de Informática, favorecendo que as persoas migrantes poida desenvolver ou perfeccionar as habilidades necesarias para o correcto manexo dun ordenador persoal, así como o manexo en redes sociais, xestións coa administración en liña.

Xubileus no santuario do Corpiño

Prosegue a celebración de xubileus no Ano Santo Mariano adicado á Benaventurada Virxe do Corpiño.

Na véspera da solemnidade de San Xosé, o domingo 18 de marzo ás 12:00 horas, o santuario do Corpiño acolle o Xubileu dedicado aos pais.

E o 19 de marzo será cando os seminaristas de Lugo gañen o xubileu.

A fe dun pobo

Para axudarnos a comprender e vivir mellor esta forma de “piedade popular” que é a celebración da nosa Semana Santa, pode ser útil escoitar de novo ao Papa Francisco, que, a este respecto, insiste en lembrarnos que o Evanxeo ha de encarnarse sempre nun pobo e nunha terra, nunha cultura; de feito, en moitas terras e en moitas culturas. Porque a cultura non se reduce a folclore; senón que abarca a totalidade da vida dun pobo, a súa forma de relacionarse con todas as cousas, cos homes e con Deus. A dinámica propia da Encarnación é a inculturación no Pobo de Deus nun tempo e nun lugar determinado.

Subliña así Francisco, en continuidade co Vaticano II, o protagonismo do Pobo de Deus, da experiencia vivida de todos os seus membros, dunha fe aberta ao mundo enteiro e a todas as culturas.

Neste horizonte habemos de entender tamén nós esa gran expresión de “relixiosidade” popular que é a tradición lucense da Semana Santa. Non se trata simplemente dun conxunto de exercicios piadosos, complementarios aos grandes xestos litúrxicos de realización da fe, senón dunha forma de vivir o propio ser cristián en todas as súas dimensións, privadas e públicas, e de manifestar o propio amor polo Evanxeo.

Valoremos, pois, as celebracións da nosa Semana Santa como a expresión vital dun Pobo cunha identidade precisa e concreta, que non se celebra a si mesmo, senón que ten no seu centro e no seu corazón ao Señor Xesús e a fe nel, cuxos pasos no camiño da Paixón honra, medita e pon ante os ollos de toda a nosa cidade: a súa entrega na Última Cea, o seu sacrificio na cruz, a Caridade do seu Corazón, acompañado sempre pola Santísima Virxe María, a súa Nai, unida a El tamén nas maiores dores, a soidade e a angustia, ata o día da Resurrección gloriosa.

O conxunto de actos e procesións que nos propoñen estes días as nosas Confrarías ten un gran valor. Son xestos cargados de forza misioneira, que significan unha presenza propositiva da fe, da experiencia e da cultura cristiá na nosa cidade.

Que o Señor lles premie a súa obra a todos os que nos transmitiron a vida da Igrexa e, en particular, a aqueles que fan posible esta expresión da nosa “piedade popular” lucense. E a nós nos dea saber vivir na fe unha Semana Santa máis, unidos como Pobo de Deus, para que a nosa presenza sexa na nosa terra manifestación visible e palpable de vida boa, dunha humanidade que a fidelidade ao Evanxeo renova permanentemente en todas as súas dimensións: intelixencia, sensibilidade e corazón.

Alfonso Carrasco Rouco,

Bispo de Lugo

[Ver texto en castelán]

Xaxún comunitario na Parroquia San Antonio de Padua, Lugo

Na Parroquia San Antonio de Padua, Lugo, pregúntanse: Cantos pratos están baleiros ao noso ao redor e non o sabemos?

Pois ben, baixo o lema “Cando xaxuedes buscade o máis doce que hai en vós” o venres 16 de marzo ás 20:30h hai unha xornada de xaxún na devandita Parroquia.

Unha finalidade é a de descubrir e sentir o verdadeiro sentido deste acto; e atopar o camiño máis doce para volver ao Señor.

Asemblea da Adoración Nocturna Feminina

O vindeiro sábado 17, celebrará a Asemblea Anual Diocesana a Adoración Nocturna Feminina. Será no salón de actos da parroquia de S. Froilán, ás catro e media da tarde.

Na orde do día inclúese a lectura da Memoria Anual, un informe sobre a Asemblea Nacional celebrada en Zaragoza e outro informe sobre a situación actual da Adoración Nocturna Feminina na Diocese de Lugo.

Tamén se procederá á elección dalgúns cargos para o Consello Diocesano. Ao final da Asemblea celebrarase unha Eucaristía, na que se impoñerán distintivos a algúns membros pertencentes á Asociación.

A Adoración Nocturna Feminina estableceuse en Lugo no ano 1961 e conta na actualidade con nove quendas na capital e unha sección en Lalín, que este ano celebrará os seus vinte e cinco anos de existencia.

A %d blogueros les gusta esto: