Conferencia do misioneiro comboniano Miguel Ángel Llamazares

Dentro dos actos da campaña contra a fame de Mans Unidas, o misioneiro comboniano Miguel Ángel Llamazares González impartiu unha conferencia no Salón de Actos da Fundación Abanca de Lugo, o mércores 7 de febreiro. Pasou uns anos em África e máis de 20 anos en Filipinas, onde facía animación misioneira en colexios de Cebú, colaboraba na revista World Mission e foi formador nun Seminario. Algúns dos seus alumnos agora son misioneiros en África e América.

Canto á colaboración con outros pobos, Miguel Ángel Llamazares advertiu sobre os elefantes brancos, que elaboran proxectos de axuda unicamente nos seus despachos e logo resultan insostibles. En cambio o modo de traballar de Mans Unidas, que por exemplo dá protagonismo aos beneficiarios no deseño do proxectos, fai que estes sexan viables.

Recollendo a cita do Papa Francisco de que “os pobres nos evanxelizan”, Miguel Ángel Llamazares enumerou as cousas que aprendeu, en canto que os empobrecidos son mestres en fe, resiliencia, compartir, paciencia, alegría de vivir e creatividade.

Asemblea da Hospitalidade da Nosa Señora de Lourdes

O venres 9 de febreiro ás cinco e media da tarde no Seminario Diocesano de Lugo, terá lugar a Asemblea – Convivencia da Hospitalidade da Nosa Señora de Lourdes da Diocese de Lugo.

Trala oración inicial e saúdo haberá unha reflexión mariana sobre o lema deste ano en Lourdes: “Facede o que El vos diga”, a cargo de Xulio López Valcárcel, Procurador dos tribunais na Coruña, escritor e peregrino da Hospitalidade. Posteriormente daranse informacións tanto do pasado curso como do actual. Ao final escoitaranse suxestións dos asambleístas, para as próximas peregrinacións e boa marcha da Hospitalidade e compartiranse vivencias persoais dos participantes.

Terminada a asemblea participarase na Eucaristía que haberá na Catedral de Lugo, con motivo do décimo aniversario da consagración episcopal de D. Alfonso Carrasco.

Neste día 9 de febreiro ábrese o período de inscrición para a Peregrinación a Lourdes 2018.

Xornada Mundial de Oración contra a trata

O 8 de febreiro, memoria de Santa Xosefina Bakhita, relixiosa sudanesa que padeceu a escravitude, é a Xornada Mundial de Oración e Reflexión contra a trata.

Para este ano 2018, o Papa convoca en torno ás migracións: “Emigrar sen trata”, “Si á liberdade, non á escravitude”.

Resáltase a traxedia humana da trata de persoas itinerantes: os migrantes, os refuxiados e os evacuados. O seu estado vulnerable fainos ser unha presa fácil para o tráfico sexual e laboral.

A Xornada invítanos a que deamos a toda esta realidade unha significativa centralidade nas nosas vidas e nos nosos corazóns, abríndonos á acollida, á esperanza e ao encontro.

Xubileu provida no Corpiño

O domingo 4 de febreiro, celebrouse no Santuario do Corpiño o Xubileu provida, embarazadas e persoas en procura de maternidade.

En torno ás 11:35 h o Reitor do Santuario impartía a Bendición a un gran número de devotos na Carballeira.

Ás 12:00 h comezaba a Eucaristía cunha numerosa cantidade de nenos. Finalizada a Santa Misa os nenos recibiron a Bendición individualmente. Cada neno, tras ser bendicido, puido bicar o manto da Nosa Señora do Corpiño.

Pola tarde, á Eucaristía das 18:00 h acudiron centos de devotos en oito autobuses procedentes de diversos puntos de Galicia.

Xornada da Vida Consagrada: celebración no Corpiño

O sábado 3 de febreiro tivo lugar no Corpiño a celebración da Xornada da Vida Consagrada. Ata o santuario mariano acudiron membros das congregacións relixiosas da Diocese para celebrar o seu día á vez que gañaron o xubileu. Ás 12 h o bispo Mons. Alfonso Carrasco Rouco presidiu a Eucaristía. Acompañábao o Vicario Xeral Mario Vázquez Carballo e varios sacerdotes, entre os cales atopábase o Reitor do Santuario.

[Homilía do Sr. Bispo]  [Álbum de fotos]

 

A %d blogueros les gusta esto: