Celebración no Corpiño da Xornada da Vida Consagrada

O sábado 3 de febreiro terá lugar no Corpiño a Xornada da Vida Consagrada. Ata o santuario mariano acudirán membros das congregacións relixiosas da Diocese para celebrar o seu día á vez que gañan o xubileu. Ás 10 da mañá sae un autobús diante do Seminario de Lugo para ir ao Corpiño, onde ás 12 h se celebrará unha Eucaristía presidida polo bispo Mons. Alfonso Carrasco Rouco. Ás cinco da tarde o autobús regresa ao punto de partida.

Os consagrados son testemuño vivo de que o amor de Deus chega a todo recuncho da terra e do corazón humano, ás periferias xeográficas e existenciais. A vida consagrada é a resposta do encontro persoal con Deus, que se fai envío e anuncio. Esta Xornada debe ser unha ocasión para promover o coñecemento e a estima da vida consagrada como forma de vida que asume e encarna o encontro co amor de Deus e cos irmáns, manifestado na entrega profética desde cada carisma fundacional.

Nesta Xornada Mundial da Vida Consagrada dáse grazas a Deus por todas as persoas de especial consagración, que desde as diversas vocacións e formas de vida e servizo son presenza elocuente do amor de Deus no mundo.

[Materiais da Conferencia Episcopal]

Xornada de Portas Abertas do Seminario Menor

O venres 2 de febreiro, a partir das 18 h, o Seminario Menor Diocesano celebra a I Xornada de Portas Abertas deste curso. Está dirixida ás familias e aos rapaces interesados no coñecemento do Seminario Menor, así como a calquera outra persoa desexosa de achegarse a esta realidade diocesana. Será un momento para dar a coñecer a proposta educativa, as instalacións, o funcionamento ordinario da vida académica e comunitaria, algunhas das actividades e proxectos que se realizan ao longo do curso…

A Xornada comezará cunha presentación na Aula Magna (acceso dende o vestíbulo principal) e logo unha visita ás instalacións do Seminario Menor, con algunhas paradas en sitios puntuais para a explicación dalgunhas das actividades e dos ritmos de funcionamiento do Centro. A asistencia é libre, e non é necesario confirmala previamente. Rematará a Xornada en torno ás 19:30 h.

Con esta I Xornada de Portas Abertas deste curso, o Seminario quere achegarse ás familias que están pensando no Centro de ensino para os seus fillos no próximo curso ou máis adiante no tempo, permitindo un coñecemento de primeira man do lugar e do proxecto educativo.

O bispo Fernando de Vellosillo: a educación na cidade de Lugo

Nestes días nos que está de actualidade unha nova revisión da lei educativa e da materia de relixión, cabe lembrar a un bispo da Diocese de Lugo que, fai máis de 400 anos, daba os primeiros pasos para unha educación gratuíta para todos na cidade das murallas: Fernando de Vellosillo Barrio. Bispo de Lugo entre 1567 e 1587, estivo presente no Concilio de Trento e foi conselleiro dun dos monarcas máis poderosos da historia, Felipe II; a súa chegada a Lugo supoñerá un punto de inflexión na evolución da cidade.

Aínda que é recordado pola permuta do terreo no que hoxe temos o Concello (1570) ou pola icónica construción da Torre do Reloxo da Catedral (1575), foi outro o aspecto no que Fernando de Vellosillo puxo máis fincapé: a mellora da sociedade. Desde o seu desexo de que Lugo tivese un médico ou un boticario, foi na educación e alfabetización onde marcou un antes e un despois. En 1569, e en vista da situación que había na cidade, fundou xunto co cabido da Catedral unha escola para nenos pobres, en concreto o 16 de maio de 1569, expoñía: «trescentos ducados dámolos para que se compre deles pan de renda, a cal sexa para un mestre que aprenda a ler e escribir aos nenos desta cidade». Esta fundación tamén a realizou para a súa localidade natal, Ayllón (Segovia), sendo o xerme dun dos tesouros da nosa sociedade actual: a educación para todos, non só para uns escollidos.

As melloras na educación alcanzaron as cotas máis elevadas e case utópicas nunha poboación que naqueles momentos non chegaba a mil habitantes. Fernando de Vellosillo, seguindo as directrices de Trento, fundou un seminario o día 26 de xullo de 1575; foron os cóengos Luis de Ruesta e Diego Ares de Armesto os seus primeiros administradores e iniciou un proxecto que tomará corpo anos máis tarde co bispo vasco Lorenzo de Otaduy. O prestixio, e o que supuxo este Seminario para Lugo, é dabondo coñecido por todos pero abonda recordar nomes como Xoán Montes ou Francisco Vázquez Saco para comprender a magnitude cultural desta institución para a nosa cidade.

O acceso á universidade, que por fortuna estandarizouse nos nosos tempos, era no século XVI case impensable para moitos e foi, de novo, o bispo Fernando de Vellosillo Barrio o que en 1580 deu un paso de xigante fundando o colexio de Lugo ou de San Jerónimo na prestixiosa universidade de Alcalá de Henares, berce neses tempos de Lope de Vega ou Francisco de Quevedo. O documento da súa fundación podémolo atopar na Biblioteca Nacional de España e entre as súas condicións estaba a de dar cabida a persoas de Lugo.

Non fai falta viaxar 400 anos no tempo, na actualidade tamén podemos ver esa relación entre relixión, cultura e sociedade; recentemente a casa de poxas Christie´s (Nova York) vendeu a obra de arte co valor máis elevado da historia: 450 millóns de dólares por un cadro de evidente temática relixiosa, o Salvatore Mundi de Leonardo da Vinci. Un símbolo do noso tempo e que demostra a idoneidade dunha materia dun carácter tan transversal como é a de relixión, que contribúe á formación integral do alumno e motiva neste o aprecio por nosa propia cultura.

Marcos G. Calles Lombao

Doutorando en Historia da Arte na U.S.C.

Xubileu dos medios de comunicación no Corpiño

O último domingo de xaneiro, celebrouse no Santuario do Corpiño o Xubileu dos medios de comunicación. Os peregrinos que realizaron o Camiño dos pastorciños reuníanse na Carballeira do Santuario (onde recibiron a bendición) ás 11:40h, co Reitor do Santuario e un gran número de devotos chegados de diversos lugares (Pontevedra, Bueu, Cangas).

Ás 12:00 h, tivo lugar a Eucaristía dedicada a todos os medios de comunicación. Ao terminar impartiuse a bendición a todos os presentes.

A vindeira fin de semana non haberá un Xubileu senón dous:

  • O sábado 3 de febreiro, ás 12:00 h. celebrarase o Xubileu das comunidades relixiosas de vida activa e contemplativa. Neste caso, ao ser sábado non se realiza o Camiño dos Pastorciños, pero si recíbese aos devotos na Carballeira do Santuario ás 11:35 h, onde se impartirá a bendición. Ás 12:00 h, dará comezo a Eucaristía presidida polo Bispo da Diocese, Mons. Alfonso Carrasco Rouco.
  • O domingo 4 de febreiro, realizarase o Xubileu provida, embarazadas e persoas en procura de maternidade.

Actos ecuménicos en Monforte e Lugo

 

Acto celebrado en Lugo o 28 de xaneiro

O sábado 27 de xaneiro, ás 19:00 h, celebración ecuménica na igrexa parroquial da Régoa, de Monforte de Lemos, das comunidades evanxélica, ortodoxa e católica.

Domingo 28 de xaneiro, ás 17:30 h, celebración ecuménica na igrexa evanxélica Boas Noticias, na r/ Emilia Pardo Bazán 4-6 (a carón da capela de San Roque), con intervención de evanxélicos, ortodoxos e católicos. Ao final, fíxose público o seguinte Manifesto dos cristiáns de Lugo:

Dános un corazón

Os cristiáns de Lugo queremos expresamente manifestar, unidos en Xesucristo, que estamos en comuñón con tantas institucións e persoas que denuncian o tráfico ilegal de persoas e a existencia de persoas escravas.

Queremos responder, de forma decidida e consciente, ante as situacións en que se vulneran dereitos humanos de miles de persoas, como o comportamento de Xesús coas persoas que lle saían ao encontro.

Ante tantas persoas explotadas sexual e laboralmente, que viven moi preto de nós; ante persoas que están dentro do círculo da drogadicción ou do xogo, queremos situarnos en defensa dos máis débiles, acollelos e axudalos para que teñan unha vida digna.

A quen se lucran e benefician destas condutas inhumanas, chamámolos á conversión dos seus corazóns.

Para rematar, tamén queremos comprometernos a liberarnos das nosas pequenas e grandes miserias, do noso egoísmo e materialismo. Sentímonos en sintonía co pobo de Israel; co consolo do Señor, coa axuda dos outros, o Señor vén liberarnos.

A %d blogueros les gusta esto: