Aprendendo do feito catalán

Antón Negro

O ser humano caracterízase porque pode aprender do que lle pasa. Todo acontecemento vivido, tamén o sucedido en Cataluña, pode ser fonte de múltiples ensinanzas para acollelas e facer con elas experiencia de vida; é máis, co paso do tempo aínda unha persoa pode seguir sacando novas ensinanzas para a vida persoal e a vida social nas súas diversas expresións. A pesar de que algúns din que hai que ter vivido certas realidades para poder falar delas, é certo que se pode escarmentar en cabeza allea, é dicir, que se pode aprender do que vemos que lles pasa a outras persoas, tamén a través dos libros e doutros medios de información e formación.

Nesta reflexión resúmense as seguintes ensinanzas:

1) Na vida persoal e asociada OS SENTIMENTOS E EMOCIÓNS NON DEBEN SER O CRITERIO ÚLTIMO PARA TOMAR DECISIÓNS. É verdade que na prensa rosa e nos programas de corazón e cotilleo suxírese que se debe actuar por sentimentos e emocións. É máis, os sociólogos e profesionais dos estudos de Opinión Pública coas súas investigacións sobre “se me sinto só catalán, máis catalán ca español, igual catalán ca español, etc.” tamén colaboran a esa maneira de tomar decisións en base á emocionalidade.

Nembargantes non me cabe dúbida que o criterio fundamental para tomar decisións persoais e comunitarias ten que ser O QUE ESTÁ BEN, O QUE É XUSTO, O QUE É VERDADEIRO, O QUE É MÁIS SOLIDARIO… As emocións e sentimentos hai que saber gobernalos e dirixilos cara ao ben… Un pode sentir moitas cousas, pero debe actuar con xustiza e ética.

2) É de gran importancia NON CONFUNDIR A UTOPÍA COA REALIDADE, os soños coas realidades. Na vida necesitamos utopía, metas a acadar, ideal de vida… unha gran esperanza que nos alente nos traballos cotiáns e nos dea forzas para afrontar os obstáculos e dificultades da vida, que ademais teñen que superar o exame da ética e da xustiza. Pero igualmente necesitamos ter unha boa análise e coñecemento da realidade, se non queremos estrelarnos, e coñecer, tamén, o que outros decidirán ante os diversos acontecementos que se poñan en marcha.

3) Ninguén debe ignorar que OS COMPORTAMENTOS TEÑEN CONSECUENCIAS. Cando falo con algúns profesores de Ensino Secundario coméntanme a dificultade de facerlles entender aos adolescentes que as accións humanas teñen consecuencias, e que teñen que prevelas con anterioridade. No caso dos adultos, que non o saiban ou non o entendan, é aínda máis grave.

4) Debemos ser conscientes de que TODOS OS POBOS SON PLURAIS. Dicir que os cataláns, galegos, andaluces… queren “isto” ou “aquilo” nunca adoita ser certo, pois a experiencia móstranos que queren cousas distintas e mesmo contraditorias. Ademais esa pluralidade dáse nas diversas institucións sociais, incluída a familia e o matrimonio. As decisións humanas (políticas, económicas, culturais…) deben promover o Ben Común e non o interese egoísta e corporativo.

5) En diversas nacións do planeta AS REXIÓNS QUE RECLAMAN CON MÁIS FORZA A INDEPENDENCIA SON AS MÁIS RICAS. Tal como dicía a vella canción española: “Todos queremos más, y más y mucho más…”. Non deixa de ser curioso como a oligarquía económica catalá alentou e financiou o independentismo coa finalidade de sacar eles máis vantaxes dentro de España… pero ao ver que a independencia pode ser real, a fuxida de empresas e capitais faise case estampida.

En contraposición, alégrame que haxa unha institución que propoña continuamente camiñar cara á pobreza e nela hai bastantes que intentan vivir o voto de pobreza con máis ou menos dificultades. A virtude da pobreza manifesta que Deus é o Noso Pai e que debemos vivir en fraternidade.

6) Un cristián debe entender, con máis razón se desempeña cargos de responsabilidade, que A SALVACIÓN NON VÉN polos nacionalismos-independentismos, nin por levantar fronteiras e muros, SENÓN POR derrubar muros, tender pontes… e sobre isto o Papa Francisco realizou moitas accións. Tamén a Opción Preferente polos Pobres e o Destino Universal dos Bens teñen esixencias claras nestas cuestións.

Tamén sería boa ocasión para aprender algo de constitucionalismo e Constitución, Estado de Dereito e xerarquía normativa, tratados internacionais e dereito internacional. Igualmente sobre outras temáticas como a nación e a política vividas como secta relixioso-mística, o poder da ideoloxía e da economía, entender como grupos políticos irreconciliables entre si poden unirse contra outros cos que teñen moitas máis cousas en común… pero excede as posibilidades deste artigo.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Presentación da biografía de Luigi Giussani

O  9 de decembro o salón de actos do Seminario Diocesano acollía a presentación do libro Luigi Giussani, su vida que ten como autor Alberto Savorana. Trátase da primeira biografía do fundador do movemento eclesial Comuñón e Liberación.

No acto, presidido por Mons. Alfonso Carrasco Rouco, interviu o membro de Comuñón e Liberación, Claudio Bottini, presentado por Luis Varela Castiñeira.

 Claudio Bottini presentou algúns dos aspectos que máis lle impactaran da figura de Luigi Giussani, como o feito de advertir aos seus alumnos que ía facilitarlles un método para xulgar o que el mesmo (Giussani) lles dixera.  E que desexaba transmitirlles máis ben unha experiencia de había 2000 anos. “Esta tarde -comentou Claudio Bottini- é un exemplo desta oportunidade, porque o cristianismo transmítese de persoa a persoa, de alegría a alegría, de caridade a caridade”.

Homenaxe ao sacerdote Jesús Redondo Candal

A Asociación Alén da Reinserción e o Secretariado Diocesano de Pastoral Penal organizou unha homenaxe a Jesús Redondo Candal, que ata o seu falecemento hai 8 anos, fora capelán da prisión de Bonxe. Tivo lugar no ámbito da celebración do Día do Voluntariado e con motivo do 30 aniversario da entrada dos primeiros voluntarios no devandito centro penitenciario.

Os actos comezaron o sábado 9 de decembro ás 10 da mañá cunha camiñada que partiu de Albeiros e chegou a Outeiro de Rei. Aí fíxose ás 13:30h o acto central: o funcionario José Peña Lage depositou unhas flores na tumba de Jesús Redondo e José Río Ramilo dirixiu unha oración e tivo unha lembranza de aspectos da vida do capelán que o precedeu.

Celebración da Inmaculada Concepción

Vixilia da Inmaculada

O 7 de decembro na igrexa da Milagrosa (Lugo) terá lugar ás 19:30h a Vixilia da Inmaculada, que estará presidida polo Bispo, Mons. Alfonso Carrasco. É un acto organizado pola devandita Parroquia e a Delegación Diocesana de Pastoral Familiar.

Inmaculada Concepción da Benaventurada Virxe María

Na Catedral de Lugo, a celebración do propio día da Inmaculada (8 de decembro) será ás 13h cunha Eucaristía presidida polo Bispo, Mons. Alfonso Carrasco.

Deus non é un sentimento

Antes de nada quero aclarar que os sentimentos non son malos. Sabemos ben que os sentimentos, entendidos como un estado de ánimo ou disposición emocional cara a unha cousa, un feito ou unha persoa, son propios e exclusivos do ser humano.

Pero isto mesmo non impide que nos traizoen  os sentimentos de cando en vez e distorsionen abundantemente a realidade. O de “ollos que non ven, corazón que non sente” só serve para anestesiarnos por un tempo, pero non cambia a realidade. Sabémolo ben: as cousas non deixan de existir porque nós non as vexamos ou non as sintamos ou, simplemente, non as coñezamos. Cantas realidades hai que eu non coñezo!.

Pasando ao campo da relixión e a fe atopámonos con máis do mesmo. Con frecuencia escoitamos o de “só vou a misa cando me apetece”, “Deus para min non existe”, “Non creo que Deus exista”, “Deus é só un sentimento no meu interior”.

O razoamento é claro: a existencia de Deus (precisamente Deus) non está suxeita ás crenzas ou sentimentos das persoas, como tampouco o está calquera das outras realidades do universo.

Con frecuencia acudo a estas as palabras de Benedicto XVI na encíclica Deus caritas est: “Non se comeza a ser cristián por unha decisión ética ou unha gran idea, senón polo encontro cun acontecemento, cunha Persoa, que dá novo horizonte á vida e, con iso, unha orientación decisiva”.

Certamente, por moi bonito ou melancólico que puidese parecer, Deus non é un sentimento, unha idea ou unha decisión ética. Un deus así non achegaría nada á nosa vida nin, moito menos, poderíanos salvar ou darnos a vida eterna.

Deus é un ser persoal e deuse a coñecer plena e definitivamente no acontecemento da encarnación do seu fillo Xesucristo. O acontecemento de Xesucristo non é un día si e outro non. Non depende da situación na que nós esteamos. Se fose así, sería un deus moi débil ao que non poderiamos chamar deus. Non nos serviría de moito un deus que tivese condicionada a súa existencia e as súas capacidades polos nosos sentimentos, aínda que estes sempre fosen bos.

É verdade que non sempre estamos na mellor disposición para as cousas de Deus (nin as do mundo). A todos pódenos ás veces o cansazo, a apatía, os problemas, etc. Pero non lle podemos botar a culpa a Deus de que nós non sexamos capaces de coñecelo ou de velo con máis claridade. Deus está onde ten que estar, revelouse totalmente e respecta absolutamente a nosa liberdade, tamén cando nos equivocamos.

O anterior non quere dicir que o Deus de Xesucristo se desentenda de nós. Coñécenos perfectamente, está pendente de nós e impórtanlle as cousas da nosa vida. Abonda que nos acheguemos aos Evanxeos para ver que é así. Sabe o que necesitamos moito antes de que llo pidamos.

Estamos ante un Deus que é pai e que coida con amor entrañable dos seus fillos. Non é un Deus ausente ou impasible.

Nas nosas mans está, en boa medida, parte da solución á súa, ás veces, aparente ausencia: buscar a Deus onde se lle poida atopar, ou deixarnos atopar por Deus, porque El sempre nos busca.

 

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Cura de A Fonsagrada

Imaxe: cathopic

A %d blogueros les gusta esto: