Actos de Nadal

Belén da Catedral

Catedral de Lugo

O señor Bispo Mons. Alfonso Carrasco Rouco, bendice o belén o venres 22 ás 20h e preside a Misa da Vixilia de medianoite (día 24) e a Eucaristía de Nadal (día 25 ás 13h).

A Fonsagrada

Recollida de xoguetes na Parroquia, de martes a venres a partir das 5 da tarde

Meira

Belén vivente o 25 de decembro e o 6 de xaneiro ás 13h

Pol

Na Parroquia Santa María de Luaces, Eucaristía de Nadal e Belén vivente o 24 de decembro ás 17 h.

Cáritas interparroquial de Melide

  • Captación de fondos en empresas e reparto de bolsa de alimentos

Cáritas interparroquial de Monforte

  • Árbore solidaria do 21 ao 24 de decembro. Poden adquirirse estrelas e lazos

  • Recollida de alimentos en establecementos das rúas Doctor Casares, Coruña e Calvo Sotelo

Parroquia de San Antonio de Padua (Lugo)

Día 22: Reparto de bolsa do Nadal

Día 23: “Doce Nadal” Vida Ascendente. Sorteo de tres cestas de Nadal

Parroquia do Sagrado Corazón (Lugo)

  • Recollida de alimentos en supermercados das rúas Montero Ríos (ata o día 23) e Rafael de Vega (ata o día 22)

Parroquias de San Froilán e do Bo Pastor

  • Reparto de bolsa de Nadal

Parroquia A Milagrosa

  • Reparto de bolsa de Nadal o día 22

  • Recollida de xoguetes entre o 26 de decembro e o 2 de xaneiro; xoguetes que se repartirán o 5 de xaneiro ás 11h

Concertos de Nadal

Na igrexa de Santiago a Nova o sábado, día 23, trala Misa das 20 h. o Orfeón Lucense agradece o afecto recibido ao longo do ano, cada vez que cantan. Con esta actuación agárdase que revivan en todos os corazóns as cancións de sempre xunto a pezas novas, e tamén algunha de José Castiñeira, o fundador, que non se volveu cantar en décadas e que agora volve brillar, coma un tesouro.

Tamén interveñen o Coro de Nenos da Parroquia de Santiago a Nova, Nacho Samena ao piano e Aquilino Jacob á guitarra.

Para o día 22 de decembro está programado un Festival de Nadal na igrexa de Vilar, Ribas de Miño, O Páramo, do que quedará constancia nunha montaxe audiovisual. Como a que xa se elaborou sobre a preparación do belén que hai na mencionada igrexa. Este nacemento pode visitarse o día 22 a partir das 16:30h

Mañás de Nadal organizadas por Ateibo

A Asociación Xuvenil Ateibo organiza no Colexio salesiano Divina Pastora (pza. da Milagrosa, n.º 10, Lugo) as Mañás de Nadal 2017. Nenos de 3 a 12 anos poderán participar nas actividades de tempo libre que se programan entre o 26 e o 29 de decembro e tamén na primeira semana de xaneiro (martes a venres). O horario é de 10 a 13:30h e hai servizo de gardería de 9 a 14h.

Máis información: cxateibo@yahoo.es

Ateibo é unha Asociación Xuvenil que pretende educar no tempo de lecer con animadores voluntarios. A misión destas persoas e proporcionar un acompañamento persoal con cada un dos destinatarios e reflectir o movemento xuvenil salesiano.

Outra actividade da comunidade salesiana que neste caso xa levou a cabo foi a Operación Quilo, achegando 1000 kgs. de alimentos para os máis necesitados. Ver web do Colexio.

Bo Nadal!

 

É unha gran sorte a que temos os cristiáns ao saber o que vale de verdade e quen é o fundamento de todo: Xesucristo, o Deus feito home para que nós podamos participar da súa divinidade. Non hai nada máis grande que isto, aínda que en momentos de debilidade fagámonos ilusións coa lotaría.

Todo o demais pasará e acabarase, aínda que nos toque unha morea de millóns de euros na lotaría. E se non se acaban os euros, o que si é seguro é que nós acabarémonos. Falta fai que Deus nos recolla cando se acaben os nosos días.

Vivimos no mundo e non podemos permanecer alleos ás cousas do mundo. Pero os cristiáns podemos mirar todas estas realidades mundanas ou sociais co prisma da fe. Todo se verá distinto e gañaremos en felicidade.

O misterio da encarnación do Fillo de Deus está por riba do que vou cear en Noiteboa, ou de se vou estar só ou acompañado, e tamén por riba do que teñamos vivido ou sufrido durante este ano.

O 24 á noite e os días seguintes celebramos que somos fillos queridos dun Deus que se achegou a nós para dárnolo todo. Así que, con máis ou menos alegría exterior, coa nosa pobreza como os pastores, coas nosas riquezas como os magos, acerquémonos ao portal de Belén para estar co Neno Xesús. Feliz Nadal.

Miguel Ángel Álvarez

Imaxe: Autor do texto

Tomado de falandobaixino.es

Cea de Noiteboa no Corpiño

Neste ano Santo Mariano, no medio de tantos preparativos para a Coroación da Benaventurada Virxe María do Corpiño, non esquecen a ninguén, e moito menos en Noiteboa, que resulta ás veces triste por mor da soidade ou ben por falta de recursos. Por iso prepárase unha cea solidaria o día 24 ás 20:00 h. na casa reitoral para todas aquelas persoas que non teñen con quen pasar un día tan significativo. A idea é que este ano sexa o punto de partida para que todos poidan gozar da calor da compañía, que logren gozar e valorar o que de verdade celebramos.

Para apuntarse á cea hai de prazo ata o día 21 no correo electrónico santuario@ocorpino.es ou ben na sancristía.

A %d blogueros les gusta esto: