Curso de intelixencia emocional para pais e docentes

O días 10 e 11 de novembro nas aulas do Seminario de Lugo, o doutor en Filosofía Xosé Manuel Domínguez Prieto, dirixe un Curso de intelixencia emocional destinado a profesorado de Educación Infantil, Primaria, Secundaria, FP e orientadores. Tamén a pais con fillos de entre 1 e 18 anos.

Contidos

1. O mundo afectivo: principais afectos e o seu significado

2. Que é ‘Intelixencia emocional’

3. Camiños para a habilidade emocional intrapersoal

a. Autocoñecemento emocional

b. Expresión de sentimentos

c. Interpretación emocional

d. Conciencia dos sentimentos do outro: empatía

e. Controlar e xestionar sentimentos

f. Vivir en clave positiva

4. Habilidades sociais básicas: intelixencia emocional

interpersoal

a. Estilos comunicativos e asertividade

b. Como escoitar. A empatía

c. Resolución de conflitos

d. Desculparse

e. Eloxiar

Obradoiros: recoñecemento e verbalización emocional, sistemas de regulación emocional, escoita, asertividade, resolución de conflitos, empatía, agradecemento.

Horario: o venres de 18 a 21 h e o sábado de 9.15 a 13.45 e de 15.15 a 19.45.

É unha actividade homologada pola Consellería de Cultura, Educación e Orientación Universitaria da Xunta.

Camiño contemplativo organizado por Apostolado Segrar

O venres 10 de novembro ás 18 h a Delegación de Apostolado Segrar organiza un Camiño contemplativo ao que se invita a participar tanto a cristiáns como a persoas alonxadas da Igrexa.

Un dos de obxectivos da devandita Delegación para este curso 2017/2018, é ofrecer espazos de oración, que mostren unha Igrexa aberta e en saída.

Desenvolvemento do Camiño contemplativo:

– primeiro momento: ás 18:00 horas na igrexa de Santiago A Nova, de Lugo, onde unha animadora facilitará unhas pautas para meditar durante o traxecto.

– segundo momento: camíñase desde a igrexa da Nova ata as proximidades da igrexa do Bo Pastor.

– terceiro momento: no lugar indicado, haberá un espazo para compartir a experiencia de oración e meditación.

Anímase a todas as persoas con inquietudes espirituais, a compartir este espazo humanizador. E se alguén non puidese camiñar moito, sería levada en coche.

Encontros de Pais

O Centro de Orientación Familiar Diocesano organiza en Lugo e Lalín entre novembro e abril uns Encontros de Pais, cos que brinda un espazo de formación e reflexión sobre a familia e as emocións. Nestes encontros invítase a proxectar a vida familiar dun modo intelixente. Cada sesión está dirixida polo Instituto da Familia de Ourense.

                                      Lugo

7 de novembro de 2017       12 de decembro de 2017

9 de xaneiro de 2018            6 de febreiro de 2018

6 de marzo de 2018              10 de abril de 2018

CONTACTO: CPR Plurilingue Divino Mestre   Rúa Portugal, 45  Lugo

Telf.: 982 21 68 44     cpr.divino.maestro.lugo@edu.xunta.es      + info

                                         Lalín

16 de novembro de 2017       21 de decembro de 2017

18 de xaneiro de 2018           15 de febreiro de 2018

15 de marzo de 2018             19 de abril de 2018

CONTACTO: Local Parroquial   Entrechán, Edificio Río   Rúa B, Número 40  Lalín

Telf.: 986 96 87 04     encuentrodepadreslalin@gmail.com   + info

Horario de 19:30 a 21:00. Aberto a calquera persoa que desexe participar

Exitoso Xubileu no Corpiño das vítimas de rexeitamento social

O primeiro domingo de novembro celebrouse no Santuario do Corpiño o Xubileu
das Vítimas que sofren Rexeitamento Social. A pesar do frío, a cantidade de fieis
da Virxe non diminuíu senón que aumenta cada día. Chegaron de varios autobuses de Moraña, Vigo, Poio e Combarro entre outros.
Ás 12:00 h, tivo lugar a Eucaristía por todas as persoas que sofren rexeitamento social e
polas persoas e asociacións que contribúen á súa inserción na sociedade. Ao terminar
impartiuse a bendición a todos os presentes.
O éxito tanto dos xubileus como do Camiño dos Pastorciños (todos os domingos ás 11:00 h e 17:00 h) é moito
maior do que se esperaba no seu inicio; tendo tal aceptación que cada día únense
máis devotos de diversos lugares.
O próximo Xubileo, o 19 de novembro, dedícase aos condutores.
Ás 12:00 h, Eucaristía por todas as persoas que sexan condutores e por todas as
vítimas de accidentes de tráfico e os seus familiares. Ao terminar impartirase a bendición
a todos os presentes.
Un día antes do próximo Xubileu, o sábado 18 de novembro ás 18:00 h, visita o Santuario
unha concentración de coches antigos.

Pastoral de defuntos e “o punto limpo”

Se cadra vistes o outro día o programa de humor Land Rober na TVG. En clave de humor falouse dos funerais civís e dixo que era como levar o defunto “ao punto limpo” e deixalo alí.

Quero aclarar que non teño nada en contra dos funerais civís. Considero que son un acto de profunda coherencia para quen non cre en Deus. Máis aló da simple broma, non se pode comparar unhas exequias civís coa actividade dun “punto limpo”. O non crente non perde a súa dignidade de persoa nin deixa de ser querido polos seus, só faltaría. Ademais, no fondo, neste tipo de actos percíbese o desexo de eternidade e de que a morte non sexa o final absoluto: faise mención ás virtudes do defunto e maniféstase o desexo de que non morra para sempre.

Xa sei que este tema non é para facer bromas. Unha vez pasada a graza inicial non puiden sacar esta comparación da cabeza. Non polos funerais civís, que xa o aclarei antes, senón porque as confusións en materia de fe e costumes dos que nos chamamos cristiáns, ou solicitamos exequias eclesiásticas para os nosos defuntos, poden levarnos a facer cousas estrañas que non teñen demasiado sentido.

O 90% das veces que os fieis acoden aos curas, sobre todo nas zonas rurais da nosa Diocese, é por asuntos de pastoral de defuntos. Para os funerais de enterro xa nos chaman os da funeraria. Despois está a gran odisea de encargar misas por defuntos e atopar o día e a hora en que poidan vir todos (curmáns, sobriños e demais familia) ao aniversario, sen madrugar moito e volver ás súas casas antes de que sexa de noite.

Para cumprir con todo isto é no que gastamos a maior parte do noso tempo os sacerdotes ou, polo menos, as mellores horas do día e da fin de semana. Tampouco é un problema gastar o tempo, para isto estamos, para servir aos fieis, rezar con eles e por eles.

O problema é o que nos toca ver moitas veces e que nos produce bastante tristeza. Vemos a familias enteiras que descoñecen o que é rezar por un defunto, encomendalo a Deus, celebrar a Misa por el, etc. Persoas que nunca pensaron no que supón que Cristo resucite e que antes morrese na Cruz, para o perdón dos nosos pecados e poder ter unha opción (ou moitas) de salvarnos.

Se non cultivamos a nosa fe e a nosa vida espiritual, o cemiterio fácilmente convértese nun “punto limpo”. Cando un electrodoméstico deixa de funcionar ou  quedou obsoleto levámolo ao “punto limpo” para que desapareza, porque é un final sen retorno.

Para os cristiáns o cemiterio e a sepultura son signos de esperanza na resurrección. Lonxe de ser o final, son o comezo de algo absolutamente novo, a Vida Eterna.

Para rematar permítanme dous pequenos consellos máis. Non fagan as cousas por facer, ou por quedar ben, ou “polo que dirán”. Por favor, non fagan un simple “paripé”. Se teñen dúbidas ou non saben ben como facer, o sinxelo é a mellor opción. Non é necesario mobilizar a todo o mundo para rezar pola persoa que se nos foi. E segundo, por favor, non obriguen ao seu neto ou sobrino, que ten unha ideas totalmente contrarias á fe da Igrexa a ir ao funeral ou aniversario do avó. E, moito menos, non o fagan sentar no primeiro banco. Así nos evitamos pasalo mal todos, tamén o cura.

Lembren: “o máis importante nesta vida é que o máis importante sexa o máis importante”. (Stephen Covey). “Aos mortos non lles importa como son os seus funerais. As exequias suntuosas serven para satisfacer a vaidade dos vivos.” (Eurípides).

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco da Fonsagrada

Imaxe: Cathopic

A %d blogueros les gusta esto: