Música na Catedral de Lugo


Solo Voces No ano 1992 presentábase Solo Voces ao público e 25 anos despois celebra este aniversario cunha interpretación do mellor do seu repertorio. Será nun acto organizado polo grupo vocal e coa colaboración da Catedral de Lugo, onde será o concerto o domingo 19 de novembro ás 20:45h. Ademais de Solo Voces, dirixido por Fernando Gómez Jácome, escoitaranse as voces de Luis Varela Castiñeira, David Varela Vázquez e Daniel Gil González e os instrumentos de José Ignacio Castro Lozano (sacabuxa e frauta tenor) e de Andrés Díaz Pazos (baixón, baixonciño alto e frautas).

 Programa:

  • Asperges me, de Melchor López Jiménez

  • Sancta María succurre miseris, de Tomás Luis de Victoria

  • Magnificat

  • Motetes de advento, de Diego de las Muelas

  • Crudelis Herodes, de José Pacheco

  • Adjuva nos, de José Mª Álvarez

  • Circumdederunt me gemitus mortis, de Cristóbal de Morales

  • Sicut cervus, de Palestrina

  • Benedictus Dominus Deus meus, de Manuel Méndez

  • Beati omnes qui timent, de Manuel Méndez

As dúas primeiras pezas e as dúas últimas son do Arquivo da Catedral de Lugo.

 

Santa Icia

O 22 de novembro ás 8 da tarde, celebración de Santa Icía, patroa dos músicos, con intervención de coros e agrupacións da cidade de Lugo.

Xubileu dos condutores no Corpiño

Continúa a súa andadura o Ano Xubilar Mariano no Santuario da Benaventurada Virxe do Corpiño. O día 19 de novembro será o Xubileu dos condutores.

Ás 12:00 h, Eucaristía por todas as persoas que sexan condutores e por todas as vítimas de accidentes de tráfico e os seus familiares. Ao terminar impartirase a bendición a todos os presentes.

Un día antes, o sábado 18 de novembro ás 18:00 h, visitará o Santuario unha concentración de coches antigos.

Durante a semana segue acudindo moita xente, como é o caso de fregueses ds parroquias de San Francisco Xavier e San Xosé de A Coruña (foto inferior), que están no Corpiño o 16 de novembro.

Xornada de portas abertas do Museo Diocesano Catedralicio

O xoves 16 de novembro, o Museo Diocesano Catedralicio de Lugo (MDC_L) abrirá as súas portas de balde para toda a cidadanía. Ademais, haberá dúas visitas guiadas á exposición permanente a cargo da dirección técnica. Tamén serán gratuítas e terán lugar ás 12.00 e ás 17.00 horas.

Con motivo da celebración do Día do Patrimonio, o devandito día, o MDC_L participa co Consello da Cultura Galega e outras “institucións da memoria” do país na visibilidade do legado dos devanceiros, que nos legaron o patrimonio presente.

Quen non se poida achegar este xoves, o museo pode visitarse de martes a sábado de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. A entrada custa 5 euros para o museo e o claustro (3 euros para mozos, estudantes, grupos… e gratis para os menores de 8 anos); 5 euros para triforio, fachada principal e torres; e 2 euros para o claustro.

Conferencia de José Mª Bastero sobre a Universidade

O Presidente da Asociación de Amigos da Universidade de Navarra, José María Bastero de Eleizalde, impartirá a conferencia titulada “El reto de la Universidad en el siglo XXI” o xoves 16 de novembro ás 20 h. na Biblioteca Pública de Lugo (avda. Ramón Ferreiro).

José María Bastero cursou os estudos de enxeñaría naval na Universidade Politécnica de Madrid, doutorándose nesa mesma Universidade e obtendo posteriormente o título de Enxeñeiro Industrial en 1980. Foi reitor da Universidade de Navarra entre os anos 1996 e 2005.

Presentación dun novo número da revista Lvcensia

O 14 de novembro presentábase no Seminario o número 55 da revista que publica a Biblioteca da devandita institución. Hai 3 traballos relacionados con Meira: un sobre o priorato de Moreira, que dependeu do mosteiro de Meira (por Ana Suárez); a transcrición que Óscar González Murado fai do libro primeiro de bautizados, defuncións e casamentos de Meira e outro estudo sobre as pinturas murais da sala de reliquias de Santa María de Meira, a cargo de Yoani Jartín. Foi precisamente Yoani quen presentou ao público asistente os personaxes que aparecen, a peculiaridade das pinturas, e o recente traballo de restauración das mesmas.

 Tamén hai artigos sobre figuras destacadas na historia: Ramón Mª Aller, Lucas Antonio Ferro Caaveiro, Jesús Rodríguez López.

Puxo o colofón ao acto o Sr. Bispo, Mons. Alfonso Carrasco, quen destacou como Lvcensia reúne a colaboradores senlleiros (entre outros, Adolfo de Abel Vilela, Aurelia Balseiro, Nicandro Ares, de quen aparece un traballo póstumo) e investigadores novos. Este abrir camiños é importante para o futuro da revista.

A %d blogueros les gusta esto: