Acto pola eliminación da violencia contra a muller na Parroquia da Milagrosa

O luns 20 de novembro na Parroquia da Milagrosa celébrase ás 19.30h unha Eucaristía polas vítimas da violencia machista. E ás 20:15 h, un acto de sensibilización sobre o grave problema da violencia contra a muller, que organizan a parroquia e Cáritas Diocesana (Área de Muller), e colaboran a Asociación contra a violencia de xénero en Lugo Si Hai Saída, a Comisaría provincial da Policia Nacional de Lugo, o Colexio Salesiano Divina Pastora, as Caritas parroquiais e a iniciativa “Acende o teu compromiso” da V edición das 24 horas de Mans Unidas.

A comunidade parroquial da Milagrosa quere honrar na Eucaristía, do mesmo xeito que se fará noutras parroquias da Diocese de Lugo, a memoria das vítimas da violencia machista. Desexa que a comunidade se una a eles pedindo a Deus polas vítimas e pola paz.

Concentración de vehículos antigos e Xubileu dos condutores no Corpiño

O domingo 19 de novembro celebrouse no Santuario do Corpiño o Xubileu dos condutores. Ás 11:40 h, iniciaba a peregrinación cara á Porta Santa un gran grupo de fieis chegados de diversas zonas:  Vigo, Tui, Redondela, Marín, Cangas… Chegaron distintos tipos de vehículos, desde taxis ata camións, para recibir a bendición no Ano Santo Mariano.

O día anterior, o sábado 18 de novembro, o Santuario do Corpiño recibira unha visita especial: unha concentración de vehículos antigos organizado pola Escudería de Clásicos “O Toxo” de Lalín. Sobre as 17:30h da tarde empezaba a ruxir o exterior do Santuario co son dos motores, ata cubrir o longo do aparcadoiro. Ás 18:00 h, tivo lugar a Eucaristía na que se fixo unha mención especial á Escudería. Ao finalizar, impartiuse a bendición a todos os vehículos antigos.

Pobreza herdada!!!

A algúns sorprendeulles o Informe FOESSA de Cáritas do 7 de abril de 2016 por afirmar que a pobreza se está herdando, xa que o 80 % de nenos pobres serano tamén de adultos, cousa polo demais totalmente lóxica, xa que a riqueza tamén se está herdando con “tódalas da lei”, e non se prevé que iso deixe de acontecer no futuro inmediato. Se a riqueza se herda con tódalas garantías do dereito, é de supoñer que aos pobres non lles queda outra alternativa que herdar tamén a pobreza, que xeralmente irá en aumento.

Que a riqueza se concentra nunha minoría, que cada vez ten máis parte da renda mundial, á vez que ós pobres lles toca cada vez menos desa renda, é algo constatado en moitos estudios económicos. A modo de exemplo no libro La secesión de los ricos de A. Ariño e J. Romero afírmase:

“O ingreso medio do 10 % máis rico da poboación mundial é aproximadamente nove veces o do 10 % máis pobre, mentres que era de sete veces fai vinte e cinco anos”. (p. 31)

“No 2013 os que posuían menos de 10.000 dólares eran o 68,4 % da poboación mundial e en 2015 son o 71 %, repartíndose un mesmo volume de riqueza: o 3 %. Idéntica porción da tarta para un maior número de persoas, posto que en datos absolutos pásase de 3.207 millóns a 3.386. Á súa vez, o 0,7 % máis rico en 2013 (32 millóns) posuía o 41 % da riqueza e en 2015 (34 millóns) dispón do 45,2 %”. (p. 54)

Neste contexto hai que entender que o Papa Francisco convoque aos católicos e á toda a humanidade á loita contra a pobreza. Con esta finalidade fixo un chamamento á “I XORNADA MUNDIAL DOS POBRES”, este pasado 19 de novembro. Para dar impulso á xornada publicou o 13 de xuño de 2017, Memoria de San Antonio de Padua, unha mensaxe. S. Antonio é un santo franciscano que combateu a usura e a explotación dos pobres e os franciscanos pronto puxeron en marcha institucións de crédito ao servizo dos pobres, os Montes de Piedade.

O Papa é consciente da realidade antes descrita ao afirmar: “Hoxe en día, desafortunadamente, mentres emerxe cada vez máis a riqueza descarada que se acumula nas mans duns poucos privilexiados, con frecuencia acompañada da ilegalidade e a explotación ofensiva da dignidade humana, escandaliza a propagación da pobreza en grandes sectores da sociedade enteira…” (nº 5)

Na súa mensaxe fai referencia ao exemplo dos apóstolos que elixen os diáconos para atender aos pobres, e a que ninguén pasaba necesidade entre os primeiros cristiáns (Feit. 6,3 e 2,45). Apela ao exemplo de Francisco de Asís de estar entre os pobres. Igualmente na mensaxe lembra que o Noso Pai é a oración dos pobres: “…O Pai Noso é unha oración que se di en plural: o pan que se pide é «noso», e isto implica comuñón, preocupación e responsabilidade común. Nesta oración todos recoñecemos a necesidade de superar calquera forma de egoísmo para entrar na alegría da mutua aceptación” (nº 8)

Na vida sociopolítica é frecuente atopar actuacións feitas en favor dos pobres pero sen contar con eles, por iso escribe Francisco: “Non pensemos só nos pobres coma os destinatarios dunha boa obra de voluntariado para facer unha vez á semana… deberían introducirnos a un verdadeiro encontro cos pobres e dar lugar a un compartir que se convirta nun estilo de vida…” (nº 3).

A loita cos pobres pola súa promoción para ser efectiva require escoitar o seu berro, comprometerse efectivamente con eles xerando un desenvolvemento real a fin de xerar un cambio histórico, como lembra o Pontífice.

O Papa Francisco quere que esta Xornada teña unha vinculación directa coas outras Xornadas Pontificias: “Quixera que, ás outras Xornadas Mundiais establecidas polos meus predecesores, que son xa unha tradición na vida das nosas comunidades, se engada esta, que aporta un elemento delicadamente evanxélico e que completa a todas no seu conxunto, é dicir, a predilección de Xesús polos pobres.” (nº 6).

Se os cristiáns non vivimos con máis seriedade a solidariedade cos pobres, a culpa non está no Maxisterio por non urxir a este compromiso, se non na nosa fraxilidade, comodidade ou egoísmo.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Xornada Mundial dos Pobres

O 19 de novembro celébrase a I Xornada Mundial dos Pobres, que ten como obxectivos:

Decatarse da presenza dos pobres que están ao noso carón. Máis que ser os excluídos, son o testemuño da proximidade do Reino de Deus que nos interpela.

Coñecer a pobreza para tratar de atopar modos de compartir; e crear relacións.

Favorecer unha cultura que considere os bens materiais como “dons” que se deben redistribuir e así poder exercer a xustiza económica. O cristián non pode quedar calado ás inxustizas do mundo, ante o consumismo, a explotación dos recursos naturais; ante decisións económicas que escravizan os pobos.

[Materiais sobre a Xornada]

O Comedor San Froilán é unha das institucións que se ocupa na Diocese do sustento alimenticio e de dar unha cobertura asistencial, atendendo as necesidades básicas e contribuíndo a que os empobrecidos superen a súa situación.

Durante o pasado ano ofrecéronse 35.000 comidas, o 60% delas foron servidas a domicilio a familias necesitadas.

Do Comedor San Froilán faise cargo unha fundación da Diocese e a xestión cotiá (de luns a domingo) lévana as Fillas da Caridade. Non se conta con financiamento público, senón cos recursos propios da fundación e a solidariedade de empresas e particulares. Unha forma de colaboración dos particulares é o apoio como voluntarios: xa hai 25 pero non viría mal que se sumase alguén máis.

Novenas da Virxe da Milagrosa na cidade de Lugo

Na Parroquia da Milagrosa celébrase a Novena en honra da patroa co seguinte horario: Rezo do Rosario ás 19h (domingos ás 18h); Eucaristía ás 19:30h (domingos ás 18:30h); confesións antes da Misa, exposición do Santísimo despois dela.

  • Domingo 19 de novembro. Día da Catequese. “Ide e anunciade o evanxeo”.

    Preséntase a María toda a tarefa da catequese

  • Luns 20. Día da Muller.

    Preséntanse a María as vítimas da violencia machista

  • Martes 21. Día do maior e do enfermo.

    Preséntanse a María as persoas maiores e os enfermos. Rézase por eles e con eles para combater a soidade e o sofrimento.

  • Mércores 22. Días das vocacións.“A mies é abundante, os traballadores son poucos”

    Preséntanse a María os nosos seminaristas e que nos conceda a graza de novas vocacións.

  • Xoves 23. Día de Cáritas. “Amade o próximo como a un mesmo”

    Preséntanse a María os nosos irmáns necesitados.

  • Venres 24. Día da mocidade.

    Preséntase a María a nosa mocidade, esperanza da Igrexa e do mundo.

  • Sábado 25. Día da familia.

    Preséntase a María a realidade das nosas familias.

  • Domingo 26. Día da Eucaristía.

    Preséntase a María a nosa parroquia e as necesidades da Diocese.

  • Día 27. Día da Milagrosa.

    Preséntase a María o noso recoñecemento e acción de grazas.

Pola súa parte, a Parroquia de San Froilán, (Lugo), comeza unha solemne Novena en honra da Virxe da Medalla Milagrosa. A partir das 19:15 h comézase co Rosario e exercicio pidadoso da Novena, para seguir ás 19:30h coa celebración eucarística. Preside Alejandro Pin Díaz. O día 27, festa da Virxe da Medalla Milagrosa, hai Misa Solemne ás 11 da mañá.

A %d blogueros les gusta esto: