Vixilia de oración polos damnificados da guerra en Siria

 

O vindeiro venres día 1 de decembro ás 20h, a Asociación Xuvenil Ateibo organiza unha vixilia de oración, enmarcada dentro do Proxecto Suriya, para ter presentes ás persoas que están a sufrir os efectos da guerra en Siria.

O proxecto Suriya está impulsado pola “Confederación de Centros Juveniles Don Bosco de España” e o “Movimiento Juvenil Salesiano” e supón un compromiso dos centros xuvenís salesianos de toda España, federados e non federados cos centros xuvenís salesianos de Siria (en Damasco e Alepo).

Desde os centros xuvenís salesianos de España apóiase, en irmandade, aos centros xuvenís que os salesianos e salesianas teñen en Siria. Non se trata dunha iniciativa puntual senón dun proxecto a curto, medio e longo prazo, con diferentes actividades, unha das cales é esta vixilia. Pódese atopar máis información en: www.facebook.com/Proyecto-Suriya@ProyectoSuriya

Esta vixilia realízase de maneira simultánea en diferentes presenzas e obras salesianas (Centros Xuvenís, Grupos de Fe, o IEF,  comunidades cristiás, casas, etc.), en irmandade tamén coa Familia Salesiana en Siria, durante a tarde/noite do próximo día 2 de decembro (en Lugo 1 de decembro ás 20:00 h).

Exercicios espirituais organizados por Apostolado Segrar

Ás portas de Advento, no Seminario Diocesano de Lugo, haberá do 1 ao 3 de decembro, uns exercicios espirituais dirixidos por D. Óscar Bartolomé, salesiano, director do colexio Divina Pastora de Lugo. O tema a tratar será “Chamados a vivir o evanxeo da alegría”. Invítase a participar a toda persoa con inquietudes sobre a súa vida, laicos de parroquias, membros de asociacións e movementos, en definitiva, quen considere que forma parte dunha fraternidade universal.

Horario:

Venres, 1 decembro

  • 19.00 Oración de inicio

  • 19:15 Charla: Chamados. A alegría de ser chamados á vida, a alegría de ser cristiáns. Non fuches ti quen me escolleu, fun eu quen chamei

Sábado, 2 decembro

  • 10:00 Oración ao comezo da xornada

  • 10:15 Charla: A miña vida. A alegría de sabernos amados e perdoados por Deus Pai coa nosa historia. Hoxe teño que hospedarme na túa casa

  • 12:00 Eucaristía

  • 16:30 Charla: Coa samaritana revisamos o pozo da nosa vida para descubrir que con Deus somos máis felices.

  • 18:30 Charla: Benaventuranzas. O evanxeo, unha proposta de felicidade.

  • 20:30 Oración: Agradecer a Deus o seu amor e a súa misericordia na nosa vida

Domingo, 3 decembro

  • 10:00 Oración ao comezo da xornada

  • 10:15 Charla: Mensaxeiros do Deus da Vida e da alegría do evanxeo. A alegría do anuncio.

  • 13:00 Eucaristía

Encontro diocesano ao inicio do Ano Litúrxico

O 4 de decembro terá lugar o Encontro diocesano ao comezo do Ano Litúrxico en Silleda-Corpiño. O encontro desenvolverase do seguinte xeito:

  • 11:00. Acollida, oración e desenvolvemento do tema: “Parroquia, familia que inicia na fe”.

Relator: Alberto Leiva Torreiro. Párroco de San Antonio de Padua de Lugo

Lugar: Salón parroquial, casa rectoral de Silleda

  • 12:30. Descanso

  • 13:00. Celebración penitencial na igrexa parroquial de Silleda

  • 14:15. Comida fraternal.

  • 17:00. Eucaristía no Santuario do Corpiño

É unha boa ocasión para atoparse, reflexionar e orar xuntos no Ano Santo Xubilar Mariano do Corpiño. O feito de atoparse sacerdotes e fieis co Bispo, que presidirá o encontro, fai ben, porque axuda a vivir e sentir como Igrexa e coa Igrexa.

A comida será nun restaurante de Silleda e o prezo do menú é de 15 euros; tamén desde Lugo ponse un servizo de autobús, o seu prezo é de dez euros, con saída ás 09:30 da mañá desde a Praza de Bretaña e regreso ao final do encontro.

É necesario apuntarse para a comida e o autobús antes do 1 de decembro (Parroquia da Milagrosa, 982 214 265)

Protagonismo dos pobres na súa liberación

No artigo anterior, “Pobreza herdada”, lembraba ao Papa Francisco chamando a unir as Xornadas Pontificias nun “Día Mundial dos Pobres” (19-XI-2017), na liña do que ben dicía León Bloy: “a máis tremenda das maldades é a de oprimir aos febles, aos que non poden defenderse”

O compromiso cos pobres, presente na historia da Igrexa, hoxe debe asumir a súa liberación segundo di San Xoán XXIII en Mater et Magistra: “Estamos convencidos, sen embargo, de que os autores principais do desenvolvemento económico, da elevación cultural e do progreso social do campo deben ser os mesmos interesados”. (nº 144).

Cando esta se publicou o cardeal Herrera Oria escribiulle ao Papa dicíndolle que había un erro de tradución, pero o Papa respondeulle que non había erro de tradución, en tal caso sería un erro do Papa (iso lle oín varias veces ao seu amigo persoal Julián G. del Castillo).

Fai anos un mozo, amigo persoal meu, preguntoulle a Jon Sobrino nun coloquio se el estaba de acordo con que os pobres son os protagonistas da súa liberación como dicía o Papa. Contestoulle que “os pobres e máis outros”, que se pode traducir como que os pobres precisan líderes, guieiros… como sosteñen moitos dirixentes e intelectuais.

Defender o protagonismo dos empobrecidos na súa liberación é ensinanza oficial na Doutrina da Igrexa. Ollemos esta clara clave para analizar  todas as realidades económicas dos Estados e Institucións Sociais: “Hai que avaliar as decisións (de política económica) á luz do que fan POR os pobres, do que fan Aos pobres e do que posibilitan que os pobres fagan POR SI mesmos. O criterio moral fundamental para tódalas decisións, políticas e institucións económicas é o seguinte: As mesmas deben estar ó servizo de todos e especialmente ao servizo dos pobres”. (Bispos USA, Xustiza Económica para Todos, nº 24). Lembremos que non é o mesmo permitir ca POSIBILITAR.

Este protagonismo está recoñecido en moitos lugares, por exemplo, nos estatutos da 1ª Internacional: “Considerando que a emancipación dos traballadores ten de ser obra dos traballadores mesmos” (Xenebra, setembro de 1866).

A pobreza non é só material, senón tamén cultural e de illamento das persoas. Por iso a historia do Movemento Obreiro lémbranos o seu berro: “Contra a ignorancia, libros!, e contra a miseria, Asociación!”. Traballar seriamente nestes dous ámbitos é a acción máis importante que podemos realizar para a liberación dos empobrecidos.

A formación, “a elevación cultural” da que falaba Xoán XXIII, é básica nos procesos de liberación humana. Poden axudar a entendelo as palabras de García Lorca na inauguración da biblioteca do seu pobo Fuente Vaqueros-Granada, que comeza coas palabras de Xesús:

“NON SÓ DE PAN VIVE O HOME. Eu, se tivese fame e estivese desvalido na rúa non pediría un pan; senón que pediría MEDIO PAN E UN LIBRO… Ben está que tódolos homes coman, pero que tódolos homes saiban. Que gocen tódolos froitos do espírito humano porque o contrario é convertelos en máquinas ao servizo do Estado, é convertelos en escravos dunha terrible organización social…”. (setembro 1931)

A importancia da Asociación está contida na proposta de Vida Comunitaria que fai a Igrexa, porque cremos nun Deus Trinitario, Comunitario, e somos sociais por natureza. Por iso é de todo lóxico que manifestacións dos obreiros fosen baixo a pancarta: “Asociación ou morte!” (exemplo: Barcelona 3-VII-1855). Nos inicios do Movemento Obreiro tiñan claro que a forza dos pobres é a solidariedade, e a Asociación debe ser a canle organizada da solidariedade.

Para compartir cos empobrecidos o seu proceso de liberación, obriga de xustiza, é necesario atoparse vitalmente e desde a Fe con eles como dicía o Papa Francisco na convocatoria para dita Xornada: “Se realmente queremos atopar a Cristo, é necesario que toquemos o seu corpo no corpo chagado dos pobres, como confirmación da comuñón sacramental recibida na Eucaristía…” (nº 3)

Todos deben recoñecer este protagonismo dos pobres na súa liberación, e especialmente os que traballamos entre eles e con eles, se non queremos facelos dependentes e colonizados. É sabio Bieito XVI ao dicir: “Así como a subsidiariedade (protagonismo da persoa e grupos pequenos) sen a solidariedade desemboca no particularismo social, tamén é certo que a solidariedade sen a subsidiariedade acabaría no asistencialismo que humilla ao necesitado”. (Cáritas in Veritate 58)

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Campaña “Ninguén sen fogar”

se

En 2017 celébranse 25 anos de campaña nos que se aposta de cheo pola dignidade e dereitos de miles de persoas en situación de sen fogar, rostros concretos que nos interpelan e mobilizan para seguir adiante.

 Ano tras ano reclámase maior protección social, acceso á saúde, a unha vivenda digna e axeitada, á visibilidade, ao recoñecemento da dignidade e os dereitos das persoas en situación de sen fogar, sempre cunha mensaxe propositiva e posibilitadora que coloca ás persoas no centro da acción e de calquera política das administracións.

 Na atención ás persoas sen fogar ampliamos cada vez máis a participación dos afectados nos proxectos destinados a eles e, o que é máis importante, no seu propio proceso de recuperación persoal, cidadanía e acceso a dereitos.

 Aínda queda moito por facer. Aproximadamente 40.000 persoas viven en situación de sen fogar en España, dato que crece exponencialmente se falamos de persoas que residen nunha vivenda insegura (3,6 millóns de persoas) ou inaxeitada (5 millóns de persoas).

 Cáritas segue insistindo en que “Ninguén Sen Fogar” pode e debe ser unha realidade, e para iso é imprescindible o compromiso común que promove a campaña este ano: Somos persoas. Temos dereitos.

[Materiais]

A %d blogueros les gusta esto: