O día cinco de outubro, seguindo unha venerable tradición, Lugo celebrou e celebra con gran solemnidade as festas de San Froilán. Os que nos consideramos herdeiros da súa gran obra, xa milenaria, sentímonos urxidos a non esquecer nin ignorar a súa vida, senón a fixar os ollos nel, imitador de Cristo e buscador de Deus.
Aínda que soamente sexa por orgullo lugués, lucense e leonés, non está ben que ignoremos o esencial da vida do noso santo. É por iso que, aproveitando as festas na súa honra, destacamos algúns aspectos do seu haxiografía.
En códice escrito no ano 921 Xoán Diácono connta a vida de Froilán. Segundo as crónicas, naceu no lugar chamado “Regueiro dos hortos”, preto da capela do Carme, en cuxos xardíns existe un monolito conmemorativo do seu padronado e nacemento, en forma de mitra episcopal cunha gravación dun báculo e un león e unha inscrición que reza: “neste lugar chamado “Regueiro dos hortos” naceu no ano 833 o Patrón de Lugo san Froilán”.
Na Catedral, moi preto do lugar de nacemento, foi bautizado por pais nobres e piadosos que lle poñen por nome Froilán, antropónimo de orixe germano formado por frauji (señor) e land (terra, patria). A contorna da Catedral na cidade de Lugo viuno nacer e crecer xa que, moi probablemente, foi educado na escola catedralicia. Cando aos 18 anos responde á chamada de Deus para a vida contemplativa, encamíñase cara a Valdecesar (hoxe Valdorria, lugar máxico onde se pode facer unha preciosa ruta á Capela de San Froilán) na provincia de León. Fundador de numerosos mosteiros, o pobo e o rei conseguen que acepte o episcopado de León entre os anos 900 e 905 (data da súa morte). A súa sabedoría, o seu don de profecía e a súa facilidade para a predicación, facían deste santo un personaxe de gran popularidade e con gran número de seguidores. Canonizado por petición popular, chegou a ter culto litúrxico na Igrexa Universal e festa, coa súa oitava, en España.
Na Catedral ten unha preciosa capela restaurada á que tamén se accede agora pola fachada principal a través da Porta Santa, aberta con motivo do Ano da Misericordia. Na cabeceira da capela consérvase, como xoia venerada e estimada, o sepulcro de Santa Froila, a súa nai, e o do recordado bispo franciscano Fr. José Gómez González. Ademais, a Catedral conta cunha apreciada reliquia que se venera nun brazo de prata, moi especialmente o día da festa do Santo e agora exponse no Museo Diocesano.
Pero Lugo non soamente honra ao Santo na Catedral, tamén lle dedicou a Parroquia de San Froilán (alí venérase unha fermosa imaxe do santo esculpida en 1943 por Manuel Miranda de Santiago de Compostela), o Cemiterio da cidade, significativas obras biográficas, as Festas Patronais e romarías, as famosas feiras, o culto que se estende por outros lugares, a arte, a lenda. Pero sobre todo, san Froilán é modelo de amor a Deus, ao Deus único e verdadeiro que non só se deixa amar por quen o busca senón que se deixa ver e faise o encontradizo nos camiños da historia humana en palabra e figura. Desde Froilán e por Froilán, volvemos falar de Deus e lembramos a grandeza deste ser humano que, aos seus dezaoito anos, púxose en camiño cara ás montañas para saír ao encontro do que nos transcende. Este enxeñoso “domador de lobos”, deixouno todo por seguir a Cristo por camiños descoñecidos, conquistou xentes para facer o ben, e isto non o esquece Lugo, o mesmo que León, onde estivo, está e estará sempre presente nas súas realidades eclesiais, culturais e sociais.
Mario Vázquez
Vicario Xeral diócesis de Lugo
Gústame esto:
Gústame Cargando...