Volve estar sobre a mesa o tema da eutanasia, ou da morte digna, en linguaxe eufemística. De cando en vez, alguén encárgase de sacar este tema á palestra pública e política, para que a xente se manifeste a favor do mesmo e así un día dar punto final ao ancián ou ao enfermo, sen que supoña un trauma para ninguén e sexa aceptado por todo o mundo como algo normal dunha sociedade moderna.
Entendo que produza pánico a dor e o sufrimento. A min, o primeiro. Persoalmente, recoñezo que me aterroriza pensar que, por un simple accidente de tráfico, un poida quedar parapléxico ou tetrapléxico. Dáme moito máis medo cá mesma morte. Podo entender que unha persoa, desesperada pola dor, desexe morrer para non seguir sufrindo. O que non podo entender é que, cando estamos perfectamente sans, queiramos morrer, ou que esteamos dispostos a facilitar a morte a outros cando nolo pidan.
Pero outra cousa, é o que se desprende de todos os argumentos que nos expoñen para facernos ver que a eutanasia é un gran avance e o mellor para as persoas. Se é que aínda nos recoñecen esta categoría.
Non me produce unha tristeza insoportable a morte cando é natural, nin sequera cando se produce prematuramente. Confío en Deus e a súa promesa dunha vida eterna.
O que me produce moita tristeza é que sexamos unha sociedade sen esperanza, na que a xente quere morrer e outros queren matarnos, só co único pretexto do benestar.
Detrás da eutanasia o que hai é unha gran falta de esperanza. A eutanasia é a expresión do baleiro do home que quere morrer porque non consegue ser dono absoluto de si mesmo. Un home que quere morrer antes que confiar a súa vida e o seu sufrimento ao Autor da verdadeira vida.
As cousas non xorden da nada nin, por desgraza, é idea só duns poucos. Nas miñas conversacións cos traballadores das funerarias ou con compañeiros sacerdotes, decátome de casos que se achegan ao surrealismo. Por exemplo, que teñen nas súas instalacións urnas con cinzas que ninguén recolle, ou que unha familia quería enterrar ao seu “ser querido“ o mesmo día que faleceu. Ou o caso dun compañeiro que, logo dun funeral, observou como a familia ía sen levar as cinzas do defunto e ao avisala dixéronlle que eles non as querían para nada.
Son casos reais, de familias reais, onde o desapego e a falta de afectos ou de caridade chega a uns extremos nos que non se valora nin aos defuntos nin aos vivos. Así, a ninguén lle estraña que intentemos desfacernos dos anciáns e dos enfermos canto antes. Ou tamén, que nós deixemos todo arranxado para que, se un día chegamos gravosos para os demais, recibamos unha “inxección máxica” e emprendamos o camiño cara á nada.
Pero detrás destas aparentes boas intencións: de non molestar, de non sufrir, de escoller con liberdade, o que se manifesta, máis ben, son as carencias da nosa sociedade. Somos unha sociedade sen esperanza, na que os nosos semellantes deixaron de ser un valor absoluto e convertéronse nun simple obxecto de “usar e tirar“. Claro, que se non existe Deus, como din algúns, é normal que as cousas sexan como as estamos vendo. Moi triste, unha sociedade sen esperanza e sen ansias de eternidade. Moi triste.
Miguel Ángel Álvarez Pérez
Párroco de San Froilán.