Nas festas patronais de Lalín cóntase coa presenza do cardeal Rouco Varela

Logotipo da Igrexa de Lalín

A parroquia central da Unidade Pastoral de Lalín contará o día 24 nas súas festas patronais coa presenza do cardeal Rouco Varela, figura relevante dos últimos anos tanto a nivel estatal como mundial. Xurista e teólogo de recoñecido prestixio, amigo personal dos tres últimos papas, segue a manter unha relación moi fluída tanto co Papa emérito como con Francisco, a quen visita con certa frecuencia.

O Cardenal Rouco Varela foi invitado polo actual párroco de Lalín e polo Bispo de Lugo a presidir estas celebracións; invitación á que accedeu dende o primeiro momento a pesar da grande carga de traballo que ten en Madrid. Segundo el “calquera galego vai a Lalín sempre de moi boa gana e de paso aproveito para descansar respirando o aire da terriña e visitando aos meus”.

Haberá Ofrenda á Virxe das Dores e procesión.

O mesmo día actúa a Banda Militar da Escola Naval de Marín.

XII Festa da Familia Adoradora da Diocese de Lugo

O domingo 24 de setembro celebrarase en Portomarín a XII Festa da Familia Adoradora da Diocese de Lugo. Todos os adoradores das seccións de Lugo, Chantada, Sarria, Lalín, Portomarín e O Corpiño están convocados para acudir a esta entrañable festa de confraternidade adoradora. A xornada servirá tamén de estímulo para seguir traballando, cada vez con máis ilusión, na “viña do Señor”.

O programa é o seguinte:

  • Ás 11.00 horas: Recepción de adoradores na “Casa do Pobo” de Portomarín. (Fronte ao Templo Parroquial)

  • Ás 11,30 horas: Saúdo do presidente da Sección de Portomarín e charla do Sr. Alcalde desta localidade, sobre a historia e devir deste laborioso pobo.

  • Ás 12,15 horas: Procesión de Bandeiras ata a igrexa parroquial onde, ás 12.30 celebrarase a Santa Misa. Concluída esta, actuará na praza o grupo de gaitas “Río Miño” que animará a festa.

  • Ás 14.30 horas: Comida de confraternidade

  • Ás 18,00 horas: Rezo do Santo Rosario e “Ofrenda Floral” ante a imaxe de Nosa Sra. das Vitorias, na igrexa parroquial, dando fin aos actos cunhas palabras do presidente diocesano.

Inicio do curso do Seminario e da catequese

O pasado domingo 17 de setembro tivo lugar no Seminario a presentación do curso académico 2017-2018 que terá por lema E non temas o imposible

Este ano a proposta é que se dea un paso de confianza e que se mire ao presente e ao futuro con ollos de esperanza. Cansos dun mundo que sempre canta as peores accións, invítase a dicir que si a Deus, a asumir o reto que supón deixar a Deus actuar na vida de cada un, a aceptar que El pode facer posible o que a un lle parece imposible.

En fin, invítase a rezar, soñar, arriscar, non pechar portas, abrir a vida, saír ao mundo, ver aos máis pobres.

Pola súa parte, as delegacións de Catequese de Galicia elaboran o material para o curso catequético 2017 – 2018 nas parroquias. Trátase de vivir este labor pastoral no dinamismo e creatividade que requiren os tempos actuais. E tamén manterse en comuñón como catequistas. O lema deste curso é Parroquia, familia que inicia na fe.

 O 2 de outubro ás 19h no Seminario será o encontro de inicio de curso dos catequistas

[Materiais curso catequético 2017-18]

Buscade ao Señor mentres se deixa atopar

Buscade ao Señor mentres se deixa atopar. Aquí quedei ao ler as lecturas do próximo domingo. É a primeira liña da primeira lectura, do profeta Isaías. Ou sexa que non fixen máis que empezar e asusteime un pouco pensando que pode chegar un momento no que o Señor non se deixe atopar.
Agora que se deixa atopar, se cadra somos nós os que non o queremos buscar ou non queremos atoparnos con El, o que sería aínda máis grave. Pero, tamén podería pasar que non se deixe atopar cando esteamos necesitados ou apurados. Isto sería triste.
O encontro con Xesucristo é fundamental para ser cristiáns. Sen este encontro só seremos cristiáns de nome, os ritos e celebracións non terán sentido e que só fariamos por unha tradición que xa non coñecemos.
Como cura, á vista do que teño que facer moitos días (ou que me “obrigan” a facer) é o que máis me preocupa: que Xesucristo, en nome de quen facemos todo, sexa un gran descoñecido. Facemos celebracións e liturxias cristiás en momentos da nosa vida e na morte, pero nin buscamos a Cristo nin nos preocupa non poder atoparnos con El. Estes días sae a colación nalgúns comentarios unha realidade que tamén xa descoñece a maioría da poboación: o norte de África, que foi profundamente cristián, e no que fai moito tempo que apenas queda rastro do cristianismo. O mesmo podemos dicir de Siria e outros lugares nos que o cristianismo estivo fortemente enraizado desde o principio da Igrexa. Se non cambiamos de rumbo tamén pode pasar o mesmo en España. O problema non é que deixemos de ser cristiáns, que a moitos pouco lles importa. O problema é que deixaremos de ser o que somos e converterémonos noutra cousa.
Buscade ao Señor que se deixa atopar. Aínda podemos dicir máis, o Señor faise o encontradizo, para que nos sexa fácil atoparnos con El. Non temos escusa. Deixémonos sorprender. Non teñamos medo.
Buscade ao Señor mentres se lle atopa, invocádeo mentres estea cerca; que o malvado abandone o seu camiño, e o criminal os seus plans; que regrese ao Señor, e El terá piedade; o noso Deus, que é rico en perdón. Os meus plans non son os vosos plans, os vosos camiños non son os meus camiños -oráculo do Señor-. Como o ceo é máis alto que a terra, os meus camiños son máis altos que os vosos, os meus plans cós vosos plans. (55, 6-9)

Miguel Ángel Álvarez

Falando Baixiño, nº 158

Imaxe: cathopic.com

Por que non darán formación política os partidos?

No final da década dos oitenta coincidín nunha escola de formación militante cunha persoa que fora Secretario de Formación no PSOE dunha Comunidade Autónoma lonxe de Galicia. O motivo polo que me lembro del é a razón pola que o expulsaron do partido: porque esixira que antes de dar o carné do partido aos que se afilian, habería que esixirlles a asistencia a un cursiño de formación de fin de semana, no que se explicaba que é o socialismo e un pouco da súa historia. Non só rexeitaron que se dese esa mínima formación de fin de semana, senón que o levaron á Comisión de Conflitos do partido e remataron expulsándoo.

Hoxe ningún partido político con representación no Parlamento ten organizado ningún cursiño de formación sobre realidades políticas e a cultura na que se enxerta a vida organizada nese partido. Dáse o carné de militante sen nada de formación nin exame.

Non teño coñecemento de ningún lugar no que os partidos políticos organicen actividades de formación política para o pobo sobre temas coma, por exemplo, o Estado de Dereito, Tratados Internacionais, Xerarquía Normativa, Constitución, Democracia, Evolución dos Partidos Políticos, Sistemas Electorais, Formas de Goberno…. En certa ocasión tiven que suspender a unha alumna, que era Concellala, na materia de Análise Política porque, a pesar de explicalo na clase, non sabía como se distribuían os concellais elixidos das diversas listas segundo a Lei D’Hont.

Noutra ocasión unha persoa foi á sé do PSOE a pedir a sinatura de adhesión a un manifesto de solidariedade cos pobres. Para animalos a asinar o manifesto ía unha carta de presentación con moitas citas do libro de Willy Brandt A loucura organizada (1986), que era presidente da Internacional Socialista, pero ninguén na sede sabía quen era. Igualmente  agora Iratxe García, nomeada por Pedro Sánchez Secretaria Executiva da UE na Comisión Executiva Federal, a pesar de ser europarlamentaria, escribiu en twiter (17-VI-2017) que Helmut Kohl foi un “gran socialdemócrata”(!!), ante a morte do que fora chanceler demócrata cristián alemán de 1982 a 1998.

Hai uns anos un mozo foi nunhas eleccións a pedir o programa electoral á sede dun partido nacionalista e dixéronlle que aínda non o elaborara a dirección. Eu díxenlle: por que non lles preguntaches se acaso non eran un partido democrático?.

Así se entende que non haxa nos partidos políticos militantes no sentido da UNESCO: que coñezan a realidade a modificar, que teñan e estean implicados nun plan estratéxico para cambiar a realidade conforme ao seu ideal e, por suposto, desvinculados de gratificacións económicas.

Esa falta de formación permite que o líder do partido sosteña unha decisión política ou a contraria segundo lle pete; por exemplo dicir que “subir impostos é de esquerdas”, ou que “baixar impostos é de esquerdas”. Isto leva a que o líder teña un poder absoluto na organización coa conseguinte falta de democracia interna.

Certamente que é moito máis fácil dirixir e manipular a un pobo sen formación e sen organizacións sociais. Cantas menos asociacións teñan os cidadáns, canto máis individualistas sexan e canto máis incultos sexan, máis fácil será controlalos.

Non está fora de lugar esta cita de Primo de Rivera: “Nada de programas. Que ningunha cousa seria e profunda, decisiva e eterna, se fixo nunca con arreglo a un programa. O que hai que ter é un sentido total do que se quere, sen tantos círculos de estudio, estatísticas, censos electorais e programas”. Así con esta actitude o que teña a formación xa dirixirá a acción política deles, por suposto no seu propio beneficio económico ou de poder.

Por iso é de agradecer que na Igrexa se esixa formación antes de que se reciban os sacramentos, a pesar da oposición do ambiente social. Esixir formación é potenciar a liberdade e a cultura das persoas. Significa que se respecta a miña intelixencia, a miña liberdade, en definitiva, a miña dignidade de persoa humana.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

A %d blogueros les gusta esto: