Premiados no IV Concurso de Fotografía “Eucaristía e Patrimonio Relixioso”

O 31 de maio, o xurado do IV Concurso de Fotografía Eucaristía e Patrimonio Relixioso en Lugo acordou por unanimidade conceder os seguintes premios:

1. Apartado Patrimonio Relixioso

– Primeiro premio, dotado con 750 € e trofeo, á fotografía de Francisco Javier Azurmendi Iglesias.

– Segundo premio e trofeo dotado con 400 € á fotografía de Julio Sánchez Pallín.

– Accésit, dotado con 150 €, á fotografía de José Ignacio Vizoso Pena.

2. Apartado Eucaristía en Lugo

– Primeiro premio, dotado con 750 € e trofeo, á fotografía de Ana Criado Sánchez.

– Segundo premio, dotado con 400 € e trofeo, á fotografía de José Rey.

Os premios entregaranse o día 17 de xuño ás 12.30 h no salón de actos do Seminario Diocesano de Lugo. As fotografías premiadas, así como unha selección de todas as recibidas, expoñeranse durante un mes neste centro.

Este concurso convocado polo Centro Eucarístico Lucense pretende ser unha invitación aos artistas, profesionais ou afeccionados á fotografía, a fixarse no rico patrimonio cristián e eucarístico da nosa terra. Os organizadores agradecen a gran acollida prestada a esta iniciativa.

Cae o telón do sainete en Friol

Desde o día 2 de febreiro veño seguindo por todos os medios posibles o mal chamado conflito de Friol co Bispo e Bispado de Lugo, aparentemente polo intento de traslado dun cura ó que, máis ou menos consciente el, manipularon, suplantaron, secuestraron, anularon, puxeron no disparadoiro de ser suspendido e non sei se enfermaron.

Quero deixar ben claro, como vin facendo ata agora nos meus pronunciamentos sobre este caso, que non é un contencioso de Friol nin de Guitiriz co Bispo, por máis que no comezo houbese un pronunciamento claro do Alcalde de Friol e algún apoio de palabra, e medios da Alcaldesa de Guitiriz. Nin sequera é un conflito de 12 parroquias de Friol e 2 de Guitiriz das que era cura o aparente motivo do contencioso.

Desde o comezo pareceume o tal conflito unha algarada dunhas poucas persoas, con necesidade de protagonismo que quizás, só quizás, comezaron de boa fe, pero sen base eclesial, escasos coñecementos do funcionamento das dioceses e da Igrexa, especialmente no referente a nomeamentos de curas, pero si cunha gran dose de agresividade incontrolada, de temeridade e de impunidade que os levou a instalarse na mentira e, a maior parte das veces a esconderse detrás de pseudónimos e da confianza en que nin o Bispo nin os Vicarios denunciarían porque sería “politicamente incorrecto”. Así non se privaron á hora de calumniar, insultar e ameazar pública e incluso privadamente. De todo isto teño boa certeza porque eu mesmo fun e son branco dos seus dardos envelenados.

Pouco a pouco fun caendo na conta de que se trata dun fenómeno novo e non illado nin espontáneo que vai socavando as bases dunha sociedade rural conservadora, pero xa ferida de morte polo envellecemento da poboación e polo debilitamento do concepto de parroquia e de comunidade, á que non resulta difícil embaucar cunha pequena dose de populismo barato acudindo a tópicos como que nos tratan de analfabetos, etc.

Sentinme interpelado por razóns que podo dicir, pero algunhas non as quero dicir. Estou cumprindo 50 anos de cura e deles, 7 de cura rural e no rural. Dediquei a miña vida a dúas causas que non fondo redúcense a unha: a difusión do Evanxeo e a valoración e promoción do rural, tendo que axudar a ben morrer a moitas e moitos ós que as autoridades competentes non atinaron nin atinan a axudarnos a mellor vivir. Non vou presumir de distinción neste eido que outros pediron para min, pero algunha me concederon. Non se me oculta que hai moitos máis merecentes ca min de distincións, e, se algo teño foime dado en primeiro lugar polos meus vellos e veciños labregos.

Dicía que as dúas causas redúcense a unha, porque, se a vivencia e difusión do Evanxeo é un camiño que leva a Dios, faino pasando polas portas dos veciños. Non hai autovías nin vías rápidas pró ceo afastadas das poboacións.

Con esta base de tratar de que non me sexa alleo o que poida referirse ó rural e á presenza da Igrexa no rural, quixen estar informado e intervir naqueles foros onde vía que se trataba o tema que os ocupa, porque ademais, aínda sen unha intervención directa sentíame implicado; xa que me vía acusado de peseteiro, opresor, mullereiro, militante dunha asociación mangoneada por curas, perniciosa, desfasada, opresora dos pobres… Procurei non arremeter contra o cura en cuestión, compadecendo a súa falta de personalidade para plantarse como debera, pero aínda así fun acusado de mal compañeiro, mesmo por algún outro cura, mal informado e con fumes de moderno por non estar nunca do lado da autoridade. Eu deixarei moito que desexar, pero ese cura estaba sendo a causa, libremente ou forzado, de que se denigrase en medios de difusión universal a onde chegaban directamente ou a través de axencia os comunicados tendenciosos da Plataforma, ó seu Bispo que estaba tendo con el comportamentos de pai, temeroso de perder a un sacerdote querido, e de que se puxese na picota o traballo de moitos curas e a unión dos veciños, que pra el foran fregueses. Sinto facer esta pregunta no miña defensa, pero quen é o mal compañeiro?

Na misa do día 30 de maio na súa residencia Santa Marta, o Papa falou con moito atino da “Despedida do pastor”. Non ten desperdicio un texto tan clarividente que podería parecer feito como reposta á carta que dixeron entregarlle en Fátima ó seu Secretario Particular.

O tratamento que deu a autoproclamada Plataforma veciñal ó de Fátima foi o colmo do esperpento. Para situarse mellor convén visionar sen presas o vídeo que aínda está na redes feito por un xornal no que fala da viaxe a Fátima un membro dos tres que son portavoces da citada Plataforma. Ese vídeo, observando a parella que dá a cara é o mellor exemplo de cómo a linguaxe corporal desmente á linguaxe falada.

Nin unha soa foto do Papa vendo a pancarta nin da entrega dunha cartas a un personaxe que existe pero que resultou imaxinario pró inseguro e improvisado actor do vídeo. Nin sequera teñen constancia de se monseñor Pedacchio, Secretario Particular do Papa, e amigo da infancia de non se sabe quen coñecido do artista, o acompañou a Fátima. Sen a proba dunha soa imaxe, que sería sumamente fácil aportar se fosen reais os feitos, méntenlles ós propios veciños que non foron. Poden pretender que se lles crea cando arremeten contra o Bispo, Vicarios, curas dos arredores, ou contan milongas de xestións ante o Embaixador, Nunciatura, Conferencia Episcopal e Vaticano? Piden diálogo desde a total cerrazón a dialogar, secuestrando a palabra de quen ten o deber humano, cristián e sacerdotal de falar; pero ademais, dialogar con quen? No momento en que desde o Bispado acepten como interlocutores ós voceiros da Plataforma están recoñecendo lexitimidade a unha farsa sen representación real. Cando, onde e por quen foi elixida?

Non quero repasar todo o proceso. Resulta cansino e inútil. Non atino a imaxinar o final. Teño ben seguro que o fenómeno é relativamente novo, pero as secuelas van durar.

Tamén aquí aparece unha forma nova acorde cos novos tempos, o escrache, que ven sendo unha acción intimidatoria que se realizan contra persoas del ámbito público e que consiste en dar difusión dos abusos de que son acusadas sen seren contrastados ante os seus domicilios particulares ou nun lugar público onde poidan ser identificadas. Escraches foron as manifestacións nas parroquias, ás veces durante a misa ou impedindo celebrala, coa chegada do novo cura, as interferencia nas misas das novas parroquias de Ramón, as manifestacións fronte á residencia do Bispo e oficinas do Bispado, a intromisión con camisetas reivindicativas na misa de Consagración de Óleos na Catedral e os asaltos ó Bispo nas visitas pastorais noutras parroquias. Pero especialmente virulento foi o escrache na parroquia do Sagrado Corazón de Lugo o domingo 28 de maio con motivo das confirmacións. Vai habendo moitas sentenzas sobre escraches. Normalmente son benignas, pero non todas. Nalgúns casos houbo denuncia, pero noutros as forzas do orde actuaron de oficio.

Non serei eu quen diga que a lei non é igual para todos, aínda que non o crea. Resúltame máis cómodo dar un pequeno rodeo e dicir que non todos somos iguais prá lei. Se en vez de ser o Bispo o suxeito pasivo fose…. (podes poñer os cargos que ti queiras e non te prives, desde concelleiro a conselleiro) non tería actuado? Pero o Bispo no vai denunciar. Non estaría ben visto, como se non houbese un artigo 16 da Constitución ou por ser Bispo perde os dereitos que xa tiña como cidadán. Valía a pena, só como experimento, intentar un escrache semellante ó dentro da Catedral a cen metros dunha mesquita en calquera hora de oración deste mes do Ramadán. Quede claro, só como experimento.

 

Xosé Manuel Carballo, publicado en GaliciaDigital, 1 de xuño de 2017

A %d blogueros les gusta esto: