Proxecto educativo “Emociónate!” do Seminario Diocesano

O Seminario Diocesano de Lugo desenvolveu ao longo da terceira avaliación o proxecto educativo Emociónate!
Unha viaxe polas emocións desde as diferentes materias e na que participaron todos os alumnos do centro.
A expresión matemática das emocións mediante fórmulas e estatísticas, o estudo das hormonas e alimentos responsables das emocións, a súa expresión artística e literaria, foron algunhas das actividades levadas a cabo polos alumnos.
Como gran final, algúns integrantes da Banda Filarmónica de Lugo, ofreceron un concerto na Aula Magna do Seminario para que os alumnos descubrisen as emocións a través da música. Ao rematar, inauguraron a exposición onde están recollidos todos os traballos realizados e que se pode visitar ata o día 30 de xuño, chamando ao 982 220 100.
En Bacharelato descubriron o funcionamento do sistema nervioso e analizaron as funcións relacionadas co control das emocións. Realizaron a táboa periódica das emocións e estudaron as moléculas da felicidade: endorfina, dopamina, oxitocina e a serotonina.
Debuxaron en Educación Plástica as expresións das emocións, estudaron a morfoloxía craneal e os diferentes trazos faciais que transmiten as emocións da ira, alegría, tristeza, medo, amor, e a tolemia.
Rosalía de Castro serviu de guía para o estudo da tristeza nas clases de Literatura galega. Da man de Shakespeare escribiron poemas de amor. Coa lectura e reinterpretación do Quijote descubriron que todo sería bastante aburrido sen a tolemia. Non só leron os textos e identificaron as emocións que transmiten, senón que tamén aprenderon a expresalas.

Algúns integrantes da Banda Filarmónica de Lugo que actuou no Seminario

O presidente de Cáritas Española, Manuel Bretón Romero, pregoeiro do Día da Caridade

 

Manuel Bretón, entre o presidente de Cáritas Lugo, Ginés Plaza e o Delegado Antón Negro

O mércores 14 de xuño no Círculo das Artes de Lugo o Presidente de Cáritas Española, Manuel Bretón Romero, deu o pregón da Caridade. Titulouse “Llamados a ser comunidad”.

Manifestou o seu “compromiso de que non imos parar, seguiremos coa nosa tarefa cotiá, paso a paso, asumindo o papel que lle correspondeu a cada un e intentando chegar a todo aquel que máis o necesite”.

Referíndose aos voluntarios e traballadores de Cáritas, dixo que se “conta cun fantástico, impresionante capital humano con inmensas doses de ilusión, experiencia de traballo en equipo, iniciativa, solidariedade e por suposto profesionalidade”.

O Presidente de Cáritas transmitiu “a esperanza en que xuntos poidamos construír un mundo mellor. A esta esperanza debemos apegarnos todos levando a xenerosidade por bandeira para intentar conseguir sempre un mundo no que prevalezan os dereitos e a dignidade dos seres humanos por riba de calquera outro interese, por moi nobre que sexa. Ante a necesidade, a dor e o sufrimento dos demais a nosa actitude será sempre esperanza, amor e solidariedade”.

Na actualidade, Manuel Bretón continúa ligado ao mundo da seguridade e a defensa como membro de EuroDefense-España e dirixe a Fundación FOESSA (Fomento de estudos Sociais e de Socioloxía Aplicada).

Exposición de fotografía “Eucaristía e Patrimonio Relixioso”

O 17 de xuño, trala entrega de premios aos gañadores do IV Concurso de fotografía “Eucaristía e Patrimonio Relixioso de Lugo” (ás 12:30h) inaugúrase unha exposición fotográfica cunha selección do presentado ao certame. Ata o 12 de xullo poderá visitarse a devandita mostra na entrada do Seminario Diocesano de Lugo, con horario de 8:30h a 14h e de 15:30h a 20h.

Tanto o concurso como a exposición axudan a recoñecer a riqueza patrimonial. a devoción eucarística e unha nova forma de achegarse a todo isto a través da obra e visión dos artistas.

A imaxe superior corresponde á foto de Francisco Javier Arzumendi, gañadora na sección “Patrimonio relixioso” e a foto inferior á foto de Ana Criado, gañadora no apartado “Eucaristía en Lugo”.

Máis información dos premiados

Premiados no III Certame Literario de Poesía Eucarística

 

 

David Gil, Cristina Ouro e Patricia López, gañadores do III Certame de Poesía Eucarística

O 8 de xuño fíxose público o fallo do xurado do III Certamen de Poesía Eucarística organizado polo Centro Eucarístico Lucense (LEC):

A) Categoría adultos (maiores de 18 anos)

1º Premio: 600 € e a publicación da obra ao conxunto de poemas “Quenda de adoración na Catedral de Lugo” de Daniel Gil González. (Lalín, Pontevedra)

2º Premio: 450 € e a publicación da obra, ao poema “Cántico espiritual” de Sandra Palacios Garrán. (Puerto del Carmen, As Palmas)

B) Categoría xuvenil (ata 18 anos)

1º Premio: 350 € en material escolar e a publicación da obra ao poema “Llamada” de Cristina Ouro Alvite. (A Coruña)

2º Premio: 250 € en material escolar e a publicación da obra ao poema “Poesía Eucarística” de Ander Fernández Santos. (Lugo)

C) Categoría infantil (ata 15 anos)

1º Premio: 350 € en material escolar e a publicación da obra ao poema “Camiños cheos de flores” de Patricia López Fernández. (Lugo)

2º Premio: 250 € en material escolar e a publicación da obra ao poema “Poesía Eucarística” de Carlos Vázquez García. (Pol, Lugo)

O xurado viuse sorprendido pola gran participación nesta III convocatoria, moi superior a edicións anteriores. Desexa destacar a gran calidade das poesías recibidas, e por iso o difícil labor de seleccionar ás ganadoras, pois eran moitas as que merecían o premio.

O sábado, día 17, a partir das 12.30 h no salón de actos do Seminario diocesano de Lugo farase entrega dos premios deste certame de poesía e do de fotografía. Ámbolos dous concursos están organizados polo Centro Eucarístico Lucense.

Chamados a ser comunidade

Fai un par de semanas tiven a oportunidade de cumprir coa lectura do Príncipe de Nicolás Maquiavelo e o Breviario para políticos de Mazzarino.

Algúns poderán dicir que é literatura extemporánea, pero nada máis lonxe da realidade. Desde o seu bo coñecemento da psicoloxía humana légannos unhas obras que aínda que hoxe non son seguidas por príncipes, si son asimiladas devotamente polos nosos politicos e non poucos cristiáns. Deixándonos frases como esta: «O máis importante é aprender a ser ambiguo, a pronunciar discursos que poidan interpretarse tanto nun sentido como noutro para que ninguén poida resolver. Practicar a ambigüidade é a miúdo necesario. (…) Utiliza con habilidade o optativo, a anfiboloxía, a invocación oratoria, en resumo, todas as figuras retóricas tralas que ocultarse». Resulta que a contradición é o noso sinal de identidade se do que se falamos é de axudar a persoas privadas de liberdade.

Malia todas nosas homilías e programas de reinserción, hai colectivos que non somos capaces de aceptar, por iso é de agradecer, que este ano o lema do Día da Caridade sexa ‘Chamados a ser comunidade’. Os presos tamén forman parte da nosa comunidade, son persoas, unha boa parte dos que están nos nosos cárceres son cristiáns, moitos pais de familia… Unha boa parte dos que acabaron neste lugar xa foran excluídos antes da nosa comunidade cando non hai unha vivenda digna, un barrio con infraestruturas que posibiliten unha mellor convivencia, traballo, un teito baixo o cal formar unha familia…

Cantas veces nas escrituras lemos: Mateo 25, 36 «estaba espido, e vestístesme; enfermo, e visitástesme; na cadea, e viñestes a min». Romanos 12:15 «Gozádevos cos que se gozan e chorade cos que choran». Colosenses 4:18 «Eu, Paulo, escribo este saúdo coa miña propia man. Acordádevos das miñas cadeas. A graza sexa convosco». Hebreos 10:34 « A verdade é que vos compadeciades dos presos e aceptabades con alegría as confiscacións dos vosos bens, xa que tiñades ben aprendido que tendes un patrimonio ben mellor e duradeiro», algo francamente difícil.

Cando un preso sae do cárcere, tras cumprir condena, inicia o tortuoso camiño da reinserción para o cal, moitas veces, nin a sociedade nin el están preparados, a meta é obter as ferramentas necesarias para reintegrarse na sociedade, unha tarefa nada doado e que afecta a moitos, empezando polas vítimas do delito. Oxalá nunca nos resulte indiferente o sufrimento dos demais nin o daqueles que recibiron unha sanción por estar en conflito coa lei, por equivocarse, por non recibir un consello oportuno…

Jose Río Ramilo

Director do Secretariado Diocesano de Pastoral  Penal

A %d blogueros les gusta esto: