III Certame Literario de Poesía Eucarística

O Centro Eucarístico Lucense convoca o III Certame Literario de Poesía Eucarística. A temática das obras presentadas debe ser eucarística, preferiblemente vencellada coa adoración eucarística en Lugo. Poden presentarse ao Certame todas aquelas poesías escritas en castelán ou en galego que constitúan un único poema ou varios cunha extensión máxima de 300 versos. 

Antes do 27 de maio as obras poderán entregarse en persoa ou enviarse por correo ao Centro Eucarístico Lucense (LEC), Praza de Santa María 1, 27001 Lugo mencionando no sobre “Certame Literario”.

[Bases]

 

Cristianismo e saúde

Este domingo a Igrexa Católica en España, coincidindo co sexto domingo de Pascua, celebrou a festa coñecida como a Pascua do enfermo. Desde as súas orixes e seguindo ao seu Mestre, o cristianismo mostrou gran preocupación polos pobres, os “perdidos” e os enfermos: “O Fillo do home veu a buscar e salvar o que estaba perdido” (Lc 19, 10). E no máis antigo dos evanxeos Xesús afirma, con claridade, que “non necesitan médico os sans, senón os enfermos”. Por iso o Fillo de Deus regalounos dous sacramentos chamados tamén de “curación”: A Penitencia e a Unción de enfermos. Eles son manifestacións e mediacións do seu amor, consecuencia lóxica dunha vida entregada aos máis necesitados. Así o entendeu sempre a Igrexa desde a conciencia de que Deus é solidario co sufrimento humano e que veu para curar, liberar do mal e salvar a quen queiran acollerse ao seu amor misericordioso.

Este ano, celébrase esta xornada baixo o lema Pastoral da saúde e ecología integral. Acollendo a chamada do Papa Francisco na súa encíclica Laudato Si’, preténdese concienciar a todos da necesidade dun estilo de vida sanante, invitando a coidar da nai terra, a previr as catástrofes, as enfermidades e a evitar agresións ao medio ambiente. A ausencia dunha ética ecolóxica e a despreocupación polos riscos medioambientais, provoca consecuencias moi graves para a saúde, especialmente para os máis pobres.

Non debemos esquecer o gran dano ecolóxico que causaron á natureza casos como o do petroleiro “Prestige”, as minas de Alnazcóllar, Seseña, os incendios, a destrución da fauna nos nosos ríos, e todo iso, con bastante frecuencia, ante a indiferenza dalgúns cidadáns e de moitos de quen nos gobernan. Os contaminantes químicos e acústicos, as enfermidades provocadas por exposicións nos lugares de traballo (80.000 persoas enferman cada ano por estas causas), a xordeira, as enfermidades neuropsiquiátricas, o aumento de suicidios nos mozos, o alcoholismo e a droga fomentados subliminalmente, son realidades que non poden deixarnos indiferentes.

Por que, por exemplo, non se promove a cultura do silencio fronte á do bulicio? Fai uns días asistín a unha festa co fin de achegar aos escolares á lingua e á cultura da nosa terra. O acto “cultural” quedou reducido a unha gran manifestación ruidosa á beira da Catedral. Con frecuencia pregúntome e pregúntanme moitos cidadáns por que na Praza de Santa María, á beira da Catedral, espazo sagrado para o silencio, para a reflexión, para as celebracións relixiosas e a adoración ao Santísimo, organízanse eventos que co seu estrondo enchen de insoportables vibracións a paz nosa de cada día. Se as pedras da nosa Catedral falasen queixaríanse insistentemente de tanta insalubridade física e psíquica, froitos da insensatez e a insensibilidade cidadá. Por que aínda malia telo denunciado tantas veces moitos dos nosos ríos nos que se vía auga sempre cristalina, onde saltaban as troitas e cantaban as ras, hoxe cheiran mal e baixan con augas turbulentas?

A cultura do descarte e da indiferenza fan que en moitas ocasións as decisións empresariais, o consumismo e a ausencia de leis políticas eficaces, non teñan en conta a saúde das áreas poboacionais rurais e pobres. A degradación ambiental ten moito que ver coa degradación ética e social. Que necesaria e urxente é unha ética do coidado esencial!

Mario Vázquez Carballo

Pascua do Enfermo

A Pascua do Enfermo, o VI domingo de Pascua (21 de maio) acolle a invitación do papa Francisco na encíclica Laudato si’. Nela pídenos que coidemos e traballemos pola prevención das enfermidades: estando atentos aos riscos da contorna natural ou social que poidan causalas e promovendo accións ou actitudes que poidan axudar a ter máis saúde persoal e comunitaria. Así, o tema e lema son: Pastoral da saúde e ecoloxía integral: “Saúde para ti, saúde para a túa casa?” (1 Sam 25, 6).

O cartel da Campaña 2017 trata de mostrar estas ideas, resaltando que a saúde non é unha cousa que nos cae do ceo; é unha realidade na que nós pintamos algo. Nós tamén somos responsables de construíla, fomentala, evitar a enfermidade… Temos un papel activo na promoción da saúde. Pois, dirixindo a nosa mirada ao mundo, vemos moitas situacións da nosa contorna que non a favorecen. Máis ben son axentes que provocan enfermidades: desastres ecolóxicos, contaminación atmosférica, uso de sustancias tóxicas, actitudes insás… Invítasenos a construír a nosa casa común (o mundo) e, con iso, fomentar vida e saúde.

 No santuario do Corpiño, na Santa Misa das 12, os enfermos poderán recibir o Sacramento da Unción. 

[Materias para a Xornada]

Novenas a Santa Rita e María Auxiliadora

Desde o 14 de maio celébrase na igrexa das MM. Agustinas, en Lugo, un solemne novenario en honra de Santa Rita de Casia. Ata o 21 de maio o horario é o seguinte: ás 10h Misa e Novena; ás 18:40h Rosario, Novena e Misa. O día 22 de maio, os actos programados son estes:
– 9h Primeira Misa
– 10h Segunda Misa
– 11h Misa solemne e bendición de rosas
– 18:40h Rosario, Novena e Misa
En todas as misas darase a bicar a reliquia da santa. O día 20 ás 10h é a Misa polos devotos de Santa Rita.
Predica: P. Jesús Lanao, agustino recoleto.

 

Do 16 ao 24 de maio de 2017 hai a novena de María Auxiliadora na parroquia da Milagrosa, Lugo.
Ás 19.00 horas comezarase co rezo do Rosario e ás 19.30 horas terá lugar a celebración da Eucaristía presidida cada día por un sacerdote da Parroquia ou por un salesiano da comunidade de Lugo.
O 24 de maio, festa de María Auxiliadora, farase unha sinxela procesión desde a igrexa parroquial ata o patio do colexio salesiano “Divina Pastora”.

Investigación con células nai

Cando se trata o tema da investigación con CÉLULAS-NAI unha porcentaxe maioritaria da opinión pública parece ter claro que: a) A investigación con células nai embrionarias é un avance científico grandísimo que vai permitir curar moitas enfermidades. b) A Igrexa oponse á investigación con células nai e oponse, por tanto, ó avance da ciencia.

A) Sobre o primeiro tema hai que dicir que o gran avance científico non é a investigación con CÉLULAS NAI EMBRIONARIAS, senón o de conseguir reprogramar as células adultas ou maduras e convertelas en células inmaduras pluripotentes, é dicir, en CÉLULAS-NAI ADULTAS que poidan xerar calquera parte ou tecido do organismo humano ó igual que fan as células embrionarias. Esta é a razón pola que lles deron o Nobel de medicina ó británico John B. Gurdon e ó xaponés Shinya Yamanaka en 2012. “Reprogramando estas células humanas, os científicos crearon novas oportunidades para estudar enfermidades e desenvolver métodos de diagnóstico e terapia”, subliña a argumentación do premio.

Todos partimos dunha única célula, resultado de unir un óvulo cun espermatozoide. Esta única célula multiplícase xerando células inmaduras que teñen a capacidade de producir tódalas distintas células dun organismo, desde neuronas ata células dos ósos ou da pel. Estas células inmaduras chámanse células nai pluripotenciais. No pasado críase que a viaxe era nunha única dirección: de inmaduras a maduras. Os traballos de Gurdon e Yamanaka demostraron que a dirección oposta tamén era posible: as células adultas poden reprogramarse para converterse en células inmaduras pluripotenciais capaces de xerar células de calquera tecido.

O obxectivo non é explicar como uns poucos xenes (4) son suficientes para transformar as  células adultas en células como as dun embrión ás que chaman “células nai pluripotentes inducidas”.

B) Que a Igrexa se opón á investigación con CÉLULAS NAI é unha gran mentira, pois a Igrexa non ten reparo ningún, en principio, coas células-nai adultas. Aínda que si sería problemático se os beneficios fosen só para os máis ricos, ou para unha etnia, etc. O mesmo pasa na investigación con células nai do cordón umbilical.

A Igrexa si se opón a converter os embrións en cobaias para a experimentación, pois cando comeza a vida embrionaria xa é un ser único, distinto e para sempre, como o seu ADN manifesta. Desde ese momento a evolución e a aprendizaxe son constantes, e iso non se interrompe no momento de nacer. De aí que os médicos lles digan ós pais que lles falen ós nenos antes de nacer… Sábese que os nenos coñecen a música que cantaba súa nai durante o embarazo… Hai unha investigación do “Institut Marqués” de Barcelona que descubre que o neno responde á música abrindo a boca e sacando a lingua na semana 16 do embarazo…

C) Convén subliñar que hai claras diferenzas entre a investigación con células-nai embrionarias e as células-nai adultas (reprogramadas) que se manifestan nestas tres graves cuestións:

1º) A investigación coas células-nai embrionarias crea un grave problema ético, pois supón destruír unha vida única e distinta sen o seu consentimento informado ou sen informar, buscando o posible beneficio doutra persoa. Esta actividade enlaza co tráfico de seres humanos, coa pena de morte, coa utilización de cobaias humanos, etc. Esta dificultade ética aféctalles ós cristiáns, pero tamén ás persoas doutras relixións, ós agnósticos e ateos, pois a vida humana ten que ser sempre un fin e nunca un medio.

2º) As células-nai embrionarias xeran moitos máis problemas de rexeitamento  nun tratamento rexenerador de órganos enfermos, pero as células-nai adultas (creadas a partir do propio paciente) non serían rexeitadas polo sistema inmunitario.

3º) As células-nai embrionarias son máis canceríxenas cás células-nai adultas.

É claro que un só destes casos, especialmente o primeiro,  tería que ser suficiente para apostar polas células-nai adultas. Se só un destes problemas sería suficiente para non utilizar as células-nai embrionarias, confluíndo os tres constitúe un argumento irrefutable. Así se entende que se teñan feito xa moitos tratamentos con células-nai adultas, tamén nalgún hospital galego, polos beneficios que desta metodoloxía se seguen fronte ós problemas asociados ás células-nai embrionarias.

Antón Negro

A %d blogueros les gusta esto: