Encontro de Equipos da Nosa Señora – Galicia

Varios centos de equipistas -membros de Equipos da Nosa Señora- celebran unha xornada de confraternización o 23 de abril a partir das 11h no Colexio salesiano Divina Pastora (A Milagrosa, Lugo). É unha reunión anual de matrimonios de toda Galicia para mostrar o significado da familia cristiá á Igrexa e ao mundo.

Programa:

11:00 h: Acollida

11:45 h: Conferencia

13:15 h: Santa Misa presidida polo Sr. Bispo

14:30 h: Bendición da mesa e comida comunitaria

16:45 h: Actos de entretemento

18:00 h: Regreso aos distintos destinos.

[Información sobre o movemento]

Campaña da declaración da renda

Co lema Detrás de cada X hai unha historia, Xtantos segue animando a marcar o X a favor da Igrexa nas declaracións da renda, algo perfectamente compatible con poñer o X en “Fins Sociais”. Facer isto non supón pagar máis, nin que se reciba unha devolución menor.

A campaña, tras iniciarse a primeiros de abril, reanúdase esta semana, sobre todo na internet.

Nas parroquias poden recollerse exemplares do xornal Xtantos. Inclúense entrevistas e reportaxes centradas no labor da Igrexa cos máis esquecidos, os últimos dos últimos. Por exemplo, as mulleres vítimas de trata, os presos nos cárceres, unha familia misioneira na fronteira entre México e Estados Unidos, etc.

Na anterior Campaña da Renda (2016), a porcentaxe de declaracións a favor da Igrexa católica consolídase no 35%, cun incremento en 55.841 o número total de contribuíntes que asignaron á Igrexa en relación a 2014.

Xornadas de Teoloxía sobre a Caridade

Cada 4 anos, Cáritas Española, convoca as Xornadas de Teoloxía sobre a Caridade. Nesta ocasión corresponde celebrar a edición XVII, que será os días 21, 22 e 23 de abril en Santiago de Compostela (Colexio La Salle, r/ Valle Inclán 1).

Venres 21

Acollida e entrega de documentación

18.30h Oración inicial e acto de apertura

19.00h Relatorio: Unha economía baseada no crecemento, funciona?

Enrique Lluch Frechina, Doutor en CC. Económicas, Universidade San Pablo CEU

Modera: Francisco José Sánchez Heras, Director de Cáritas Diocesana de Málaga

Sábado 22

9:30h.- Eucaristía en La Salle presidida polo Sr. Arcebispo de Santiago.

10:30h.- Relatorio: ‘Cal é a economía que mata?’, por D. José Manuel Aparicio Malo, doutor en teoloxía moral, Universidade Pontifica de Comillas-Madrid.

12:00h.- Mesa de debate sobre os cambios estruturais necesarios para unha economía máis solidaria Participan: Antón Costas Comesaña e Carlos Askunze.

16:00h.- Relatorio: ‘A economía solidaria en Cáritas’, por Pedro Barquero Cascón. Experiencias das diferentes Cáritas: “Comercio xusto” (Cáritas Barbastro Monzón), “Impulsando iniciativas das persoas excluídas” (Cáritas Girona), “Economía social” (Cáritas Córdoba), “Proxecto textil común” e “Pequenas accións que fortalecen a opción pola Economía Solidaria” desde os servizos xerais de Cáritas Española.

Domingo 23

Xornada de portas abertas no salón de actos do Colexio La Salle a partir das dez da mañá para poder asistir ao relatorio do cardeal Luis Antonio Tagle, arcebispo de Manila e presidente de Cáritas Internationalis, que falará do “cambio de actitudes necesario para avanzar nunha economía solidaria”.

Os comezos dunha relixión mundial

 

Nun breve espazo de tempo, pouco máis de trinta anos, trala morte de Xesús de Nazaret, o Cristianismo nacente abrangue case todo o orbe antigo, incluída a que era daquela a capital do mundo, Roma. Rexurdindo a partir de pequenas comunidades domésticas comeza unha expansión de tal éxito que nin tivo nin ten parangón na historia da humanidade. A parábola evanxélica do gran de mostaza comezaba a facerse realidade. Unha onda de festa e alegría inundaba pobo tras pobo. Importantes personaxes populares, masas de xentes ben consideradas, escravos e libres, convértense e fanse bautizar. Algo novo estaba xurdindo. A primavera reiniciábase como nunca acontecera. Todo parecía incrible. En moi pouco tempo sucedera algo que caeu como un raio de luz sobre os desilusionados campesiños e os frustrados pescadores. Alguén de quen oíran falar, que os viu e coñeceu, seduciunos para unha nova misión e, sen pedir moitas explicacións, cambiaron o rumbo das súas vidas e deixáronse cativar. De súpeto convertéronse en entusiasmados misioneiros e en mensaxeiros da fe.

Que foi, entón, o que transformou estas xentes sinxelas, homes e mulleres de Galilea, en testemuñas celosas da fe de tal xeito que no espazo de tres séculos fixeron posible a conversión de importantes pensadores (filósofos gregos) e emperadores romanos? Que foi, entón, o que sucedeu, malia as frecuentes persecucións e os intentos de exterminio? Que sucedía no interior destas testemuñas que preferiron ser arroxados aos leóns nos estadios e morrer antes que traizoar a súa fe e os seus principios?

Sen dúbida a fe no Resucitado que hoxe nos chega a través da Igrexa, que ten a súa orixe no testemuño de María Madalena (chamada “Apostola Apostolorum“) e no propio testemuño dos apóstolos que viron o sepulcro baleiro e creron. Sucedeu o primeiro día da semana e desde entón será para sempre o Día do Señor, o Domingo, o día do descanso. A Pascua permanente e a festa da memoria viva daquel acontecemento.

A historia da Resurrección de Xesús é verdade. O mesmo Resucitado foi quen sacou por segunda vez aos discípulos do seu mundo habitual, camiñou ao seu carón, contoulles de novo historias verdadeiras, comeu con eles e fíxolles experimentar o misterio da nova vida que puideron ata meter os seus dedos nas chagas do crucificado. Aquela Igrexa, como a de hoxe, ten aínda na chisteira a mellor noticia: “Quen cre nel ten a vida eterna“. Esta é a convicción fundamental dos cristiáns do mundo e temos unha morea de razóns para iso.

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral

Celebracións de Semana Santa na Catedral

Mércores 12 de abril, ás 11 h na Catedral de Lugo, o Bispo Mons. Carrasco Rouco, presidirá a Misa Crismal, na que concelebran os sacerdotes da Diocese. Nesta celebración, que manifesta a comuñón do Bispo cos seus presbíteros, bendinse os óleos que despois se reparten ás parroquias para a administración dos sacramentos.

Xoves Santo ás 18 h faise memoria da Santa Cea coa institución da Eucaristía e do sacerdocio. O lavatorio dos pés recorda que El anticipou o sacrificio supremo do Calvario, e deixounos como nova lei o seu amor. Preside o Sr. Bispo.

Venres Santo

Mañá, 12 h.: Sermón das Sete Palabras. Acto de piedade que comenta as palabras de Cristo na Cruz. Predica o Delegado de Xuventude, José Antonio Adrio.

Tarde, 18 h.: Celebración da Paixón do Señor presidida polo Bispo Mons. Alfonso Carrasco

Sábado Santo, ás 23 h SOLEMNE VIXILIA PASCUAL que preside o Sr. Bispo. Tras bendicir o Lume Novo, acéndese o Cirio Pascual, símbolo de Cristo que ilumina a todo home, e resoa xubiloso o gran anuncio da Resurrección.

Domingo de Resurrección, a partir das 11.40 h procesión do Santo Encontro e a continuación Solemne Misa Pontifical de Resurrección. Mons. Carrasco Rouco preside esta Eucaristía. Asisten autoridades civís e eclesiais e unha representación das confrarías; ao finalizar impártes a bendición papal. Trala Eucaristía, procesión do Cristo Resucitado.

A %d blogueros les gusta esto: