O anticlericalismo é moi característico deste noso país, e entendo por país, primeiro Galicia e despois España, pero quizais lle cadre mellor o nome de país a Galicia por aquilo do augardente da queimada, nosa bandeira folclórica. Parte do noso folclore creo que o forma tamén ese clericalismo rancio que vén de vello. Outra cousa son as novas formas que están xurdindo, acordes cos novos tempos.
Non me vou parar na análise dos motivos dos anticlericalismos. Hai mentes máis eruditas para facelo. Sei que hai motivos externos, pero tamén os hai de dentro, polos que temos que pedir perdón e nalgúns casos a petición chega tarde.
Neses tópicos de corte anticlerical que veñen de atrás, é ben sabido que ós curas dásenos a fama de folgazáns. Xa no 1889 “O Catecismo do labrego” di que o sacramento da Orde fai señoritos ós fillos dos labregos.
Cambiaron os tempos e con eles acostuman a cambiar as ideas, pero ás veces estas cambian tan lentamente que fai falta ser moi agudos para notar os cambios. Por exemplo: agora xa se escoita menos iso de “vivir coma un cura” ou “ comer coma un cura”, aínda que algo si, pero poucos se animan a probar. Antes na casa dos curas entraba diñeiro, a diferenza das dos fregueses das aldeas, nas que podía entrar moi pouco, froito de vender algún becerriño, unha vaca vella ou maronda, unhas ducias de ovos, coellos ou pitas, e un lacón por cocho matado, porque o outro e os dous xamóns había que reservalos para pagar obrigacións ou rendas ós señores. Manexar moeda permitíalles ós curas aparecer como ricos e poder mercar chocolate para a parva. Mentres que agora ata o chocolate temos que dosificar curas e non curas por mor do colesterol. E quen non, é porque aínda non foi ó médico.
Seguimos tendo fama de comer ben, de vivir ben e de ter moitos cartos, aínda que moitos acaben sendo grandes especialistas, en abrir latas de conservas, debido a que teñen que cociñar para si, e ó mesmo tempo espertos nas ferramentas das novas tecnoloxías: microondas, lavadoras, algo de batedoras, pouco; e menos de ferro de pasar, que “la arruga es bella”.
Tamén se mantén a sona de lacazáns, aínda que teñamos que mal atender dez parroquias ou máis. Ben é certo que visto desde fóra non é traballo iso de: visitar enfermos, poñer catequese, amañar papeis, correr a escape dunha parroquia para outra os domingos, enterrar mortos, bautizar -a case ninguén no rural-, casar a moi poucos tamén no rural e facer en moitos casos de asistentes sociais, arquitectos, varredores, oradores e mendicantes para conservar un patrimonio que segundo conveña dise que é de todos ou que é dos curas. Para outros boa parte destas cousas si que son traballo polo que cobran bastante ben. Por exemplo: se vén un médico particular á casa ver a unha persoa enferma e lle receita un tranquilizante eficaz: “Douscentos euros e o taxi, foi un regalo!”. Se vai de visita o cura e a mesma persoa queda máis relaxada e tranquila: “Boh, casualidades ou, se cadra, manías de vellos!”. Se tivese que xestionar un expediente matrimonial unha xestoría, douscentos euros a cada un: “algo caro, pero razoable, tal e como vai a vida”, se o cura cobra 20: “Debe pensar que os ganamos cantando coma el! Estache boa!”.
“Alabado sea Dios nunca tal se viu!. Dez euros por unha misa!”, aínda que gaste máis en coche, ou que lavalo por culpa da lama custe cinco.
Tamén seguimos tendo sona de ricos a pesar de que as nóminas en xeral andan polos 800 euros e a pensión dos xubilados, non retirados ata non poder máis, por falta de aspirantes a pesar do “ben que vivimos” é de 400 con complementos a mínimos que se perden facilmente ata chegar ós 605 dun autónomo e con outro complemento en case todas as dioceses para equipar ós non xubilados.
Ben sei que alguén está pensando en taparme a boca cos enterros e cabodanos. Responderei, Deus mediante, o domingo que vén e tamén penso dicir algo dos anticlericalismos dos populistas de hoxe e de querer que os bispos sirvan curas “a la carta” despois de preguntarlles, en fraternal diálogo, a alcaldes e plataformas veciñais, se os queren como moito ou pouco sal, con pelo ou descapotados.
Xosé Manuel Carballo
Gústame esto:
Gústame Cargando...