A persoa e a vida de San Xosé teñen na historia da nosa salvación unha importancia que foi recoñecida sempre pola sagrada Liturxia e as leis canónicas ao propoñer a súa festa como día de precepto (cf. canon 1246). Tradicionalmente o pobo cristián secundou esta norma dando un significativo realce familiar e social á festa do 19 de marzo.
Atendendo a que o 19 de marzo deste ano coincide en domingo, a Conferencia Episcopal Española decidiu trasladar ao luns 20 de marzo, a festividade litúrxica de San Xosé. Malia ser laborable este día na Comunidade Autónoma de Galicia, os bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago acordamos manter nas dioceses respectivas o carácter festivo deste día. En consecuencia, e para coñecemento dos fieis, dispoñemos:
Manter o 20 de marzo, solemnidade de San Xosé, como festa de precepto, coa obrigación de participar na Santa Misa, aínda que sexa laboralmente hábil.
Aqueles fieis que teñan xornada laboral ordinaria quedan dispensados do precepto, aínda que se lles pide e recomenda vivamente a participación na Eucaristía dese día de festa dedicado a San Xosé, Esposo da Virxe.
Pedir, igualmente, aos párrocos e rectores de igrexas que informen aos fieis con antelación destas decisións e acomoden no posible os horarios de misas ás posibilidades e necesidades dos fieis.
Seguindo o calendario litúrxico, a Solemnidade de San Xosé celebrarase únicamente ao longo do día 20 de marzo.
Por razóns pastorais, a oración e a colecta para o Seminario Diocesano trasládanse á tarde do sábado, día 18, e ao domingo, día 19 de marzo.
Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2017.
Julián, Arcebispo de Santiago
Luis, Bispo de Tui-Vigo
Alfonso, Bispo de Lugo
José Leonardo, Bispo de Ourense
Luis Ángel, CMF, Bispo de Mondoñedo-Ferrol
Jesús, Bispo Auxiliar de Santiago
Gústame esto:
Gústame Cargando...