Parecía algo superado co Concilio Vaticano II. Refírome á identidade do sacerdote diocesano. Pero estamos vendo que non é así. Tanto en ámbitos urbanos como rurais hai moitas persoas, practicantes ou non, que non teñen clara cal é a esencia do sacerdote. E tamén pode suceder que sexan moitos os sacerdotes que dubiden da súa propia identidade.
San Paulo aos Corintios, na súa primeira carta (4, 1) xa facía unha clara advertencia aos seus colaboradores: “Que a xente só vexa en nós servidores de Cristo e administradores dos misterios de Deus. Agora, o que se busca nos administradores é que sexan fieis”.
Como vemos, estamos ante un tema recurrente, quizais porque os sacerdotes tratamos de responder en cada momento ao que a sociedade máis necesita pero sen perder a identidade orixinal, que é a que Xesucristo quixo cando instituíu o sacerdocio. Pero está claro que non sempre o conseguimos.
Por un momento imos dar por válido que a identidade sacerdotal estea determinada polo que os fieis ou a sociedade poidan necesitar máis neste momento:
Servizos sociais? Si, pero as administracións teñen unha capacidade moito maior para resolvelos de forma satisfactoria e xa o están facendo. Desde as realidades eclesiais só podemos colaborar nunha pequena medida, como xa se está facendo.
Infraestruturas? Hoxe a Igrexa non ten capacidade para isto. Ademais xa non é unha necesidade como fai 50 anos.
Animación cultural e ensino? A sociedade hoxe ten capacidade máis que suficiente para satisfacer esta demanda con moi boa calidade. A Igrexa xa colabora poñendo o seu patrimonio artístico e cultural ao servizo de todos. Para outro tipo de animacións culturais ou de organizacións de eventos sociais hoxe xa hai empresas que o fan fabulosamente ben. Non fai falta un cura-bruxo que nos monte un espectáculo festivo ou funerario.
Administración dos misterios de Deus? As outras necesidades xa vimos que hai quen se encarga de satisfacelas con éxito. Pero haberá alguén que teña necesidade da presenza de Deus na súa vida? Alguén fíxose esta pregunta? Ou alguén preguntouse algunha vez se ten necesidade de Deus?
Confésolles que me fago estas preguntas con moita frecuencia. E, tamén, cada vez máis, vexo a moitas persoas que o primeiro e o único que lles falta na súa vida é Deus.
Termino coas palabras autorizadas do Concilio Vaticano II e recoñecidas como válidas por unha inmensa maioría. No nº 2 do decreto Presbiyterorum Ordinis, sobre o ministerio e a vida dos presbíteros, di:
«O fin que buscan os presbíteros co seu ministerio e coa súa vida é procurar a gloria de Deus Pai en Cristo. Esta gloria consiste en que os homes reciben consciente, libremente e con gratitude a obra divina realizada en Cristo, e maniféstana en toda a súa vida. En consecuencia, os presbíteros, xa se entreguen á oración e á adoración, xa prediquen a palabra, xa ofrezan o sacrificio eucarístico, xa administren os demais sacramentos, xa se dediquen a outros ministerios para o ben dos homes, contribúen a un tempo ao incremento da gloria de Deus e á dirección dos homes na vida divina. Todo iso, procedendo da Pascua de Cristo, consumarase na vinda gloriosa do mesmo Señor, cando El entregue o Reino a Deus Pai».
Miguel Ángel Álvarez Pérez
Párroco de San Froilán
Gústame esto:
Gústame Cargando...