Peregrinación a Santiago organizada pola Parroquia de San Francisco Xavier

A Parroquia San Francisco Xavier de Lugo propón facer o Camiño de Santiago en familia. Trátase de peregrinar a Compostela polo Camiño Primitivo en distintos sábados dos meses de abril, maio e xuño.

Faise coa idea de ter unha experiencia de fe, coñecer máis ao Apóstolo e a Xesús; cultivar os lazos familiares e a calor nunha verdadeira viaxe en familia; tempo de calidade para os fillos nun acompañamento profundo onde poder coñecerse mellor; lazos de amizade con outras familias; descubrir o patrimonio cultural; experimentar os valores de entrega, esforzo, axuda aos demais, compartir.

As etapas son as seguintes:

  • Lugo – O Burgo, 1 de abril

  • Retorta – Augas Santas, 6 de maio

  • Melide – Ribadiso, 20 de maio

  • Monte do Gozo – Santiago de Compostela, 10 de xuño

Preto!

Se saísemos á rúa calquera día nunha das nosas cidades e, ao chou, fósemos preguntando aos que pasan que é para Vde. un sacerdote? ou como debería ser un sacerdote? seguramente a síntese das respostas que recibiriamos non sería sinxela. En realidade, esta sondaxe fíxose en diversas ocasións, e, máis aló do irrenunciable dato positivo de coñecer as expectativas e os desexos da xente respecto dos sacerdotes, teriamos ao final que concluír o mesmo que sentenciaba J. Ratzinger no prólogo libro Jesús de Nazaret, valorando os esforzos da investigación histórica sobre Xesús: “as reconstrucións deste Xesús […] fixéronse cada vez máis contrastantes: desde o revolucionario antirromano que loitaba por derrocar aos poderes establecidos e, naturalmente, fracasa, ata o moralista benigno que todo o aproba e que, incomprensiblemente, termina por causar a súa propia ruína. Quen le unha tras outra algunhas destas reconstrucións pode comprobar enseguida que son máis unha fotografía dos seus autores e dos seus propios ideais que un poñer ao descuberto un icono que se esvaecido…. O mesmo para o sacerdote: podería describirse cun abano que vai desde o home “social“ ata o “espiritual“, pasando por multitude de matices, con frecuencia á medida das propias expectativas do que fala.

O mes de marzo e a festa de San Xosé son cada ano a ocasión de celebrar nas dioceses de España o Día do Seminario. Este ano o lema dicía „Preto de Deus e dos irmáns“, e con iso ofrecíasenos en poucas palabras unha mirada sobre o sacerdote que nos axuda a saír do subxectivismo ao que se refería J. Ratzinger. Deus e os irmáns -a Igrexa, o pobo de Deus- son, en efecto, os dous referentes irrenunciables da identidade do sacerdote, como son, de feito, os dous grandes mandamentos nos que Xesús mesmo condensou “toda a lei e os profetas“ (Mt 22,40).

Preto de Deus, ante todo, porque ninguén se fai sacerdote a si mesmo. É froito dunha elección que non depende nin do desexo nin das calidades do elixido. Na ordenación sacerdotal, o xesto da postración durante as ladaíñas expresa, entre outras cousas, que “ninguén pode darse a si mesmo ou por si mesmo o sacerdocio auténtico. Só pode ser resposta á súa vontade, á súa chamada.“ (J. Ratzinger). E preto dos irmáns, porque se trata dunha elección para a entrega e servizo aos demais, coa “proximidade: Deus que se fixo próximo ao seu pobo, no Antigo Testamento, e logo enviando ao seu Fillo, esa condescendencia de Deus que se achegou a nós“ (Francisco).

As dúas dimensións, manténdose xuntas como os dous brazos dunha cruz, sosteñen ao sacerdote onte, hoxe e sempre, na súa posición xusta de “verticalidade“ e “horizontalidade“, corrixen os posibles desequilibrios e colman a vida de quen foi chamado a ser representación sacramental do Único Mediador entre Deus e os homes. Do gran San Francisco de Asís afirmou Benedicto XVI unha vez que o seu “segredo“ residía en que “é un home para os demais, porque no fondo é un home de Deus“. Velaquí, tamén, pois, o segredo de cada sacerdote, e o que desexamos e pedimos para cada un deles no presente e no futuro.

David Varela Vázquez

Reitor do Seminario

24 horas para o Señor

A Diocese de Lugo acolle esta iniciativa do Pontificio Consello para a Nova Evanxelización que entra dentro do que para Lugo é cotián, dedicar tempo á adoración do Santísimo. Ademais, a Catedral lucense ten o privilexio e o compromiso da Exposición Permanente do Santísimo Sacramento.

É unha ocasión magnífica para invitar a todos os fieis a facer algunha hora de Adoración na Catedral sendo tamén unha oportunidade de gañar a indulxencia plenaria.

A tarde do 24 de marzo e durante todo o sábado 25 de marzo hai igrexas parroquiais cunha apertura extraordinaria, ofrecendo a posibilidade de confesarse, nun contexto de adoración eucarística. 

Xornada pola Vida

O 25 de marzo celébrase a Xornada pola Vida co lema, “A luz da fe ilumina o atardecer da Vida”.

 Nunha entrevista concedida a COPE Lugo, o Delegado de Familia, Rodrigo Rúa, considera que “na nosa Diocese é unha xornada especialmente significativa por canto todos constatamos o avellentamento da poboación no mundo rural.  A Igrexa fai un chamamento a mirar con ollos novos esa realidade, que pode parecer pequena, pero que hai que mirar cunha profunda esperanza: é unha etapa importante e valiosa na vida das persoas, dos maiores e dos xoves tamén. Quizais o problema que afecta a todas as etapas da vida é cando a vida se contempla desde un punto de vista utilitarista e entón descártase a vida do non nacido porque ten as súas implicacións na vida das persoas. E parécenos que a atención aos anciáns supón un coste importante. Temos que superar esa visión utilitarista; as persoas teñen unha dignidade intrínseca vista desde a fe: somos imaxe de Deus e aos ollos de Deus toda vida humana  é fermosa, valiosa, un don e un tesouro que temos que coidar”.

Gala benéfica organizada polo Colexio San Xosé de Lugo

O Colexio San Xosé-FEC de Lugo organiza unha gala benéfica, o vindeiro mércores 22 ás 18 h, para apoiar a campaña de micromecenado que Oncomet puxo en marcha para que Galicia poida estar á vangarda en investigación oncolóxica, apostando por un novo método de análise: biopsia líquida.
Os asistentes poderán gozar dos bailes e obras de teatro que os alumnos de ESO e BAC prepararon para as festas do colexio en honra á festividade de San Xosé.
As entradas para asistir ao evento ou de fila cero poden adquirirse na conserxería do colexio ou a través dos alumnos de 1º de Bacharelato.

A %d blogueros les gusta esto: