Para vivir a nosa fe en Deus, a verdadeira fe cristiá, é especialmente importante lembrar sempre que o nacemento, paixón, morte e resurrección de Xesús non son feitos que se poidan relegar ao pasado, como meras historias que conteñen algunha moralexa; que Xesucristo non é simplemente alguén doutra época, senón que é o noso contemporáneo, que a súa Presenza e a súa misericordia son reais.
A forma en que El realiza a súa misión, os momentos culminantes da súa existencia son absolutamente decisivos para os que queremos estar con El. Na sinagoga de Cafarnaún e, máis tarde, na súa Paixón a maioría marchouse; aínda que gustaran dos seus ensinos, gozado dos seus milagres e considerábanse discípulos seus. Pero non se chega a coñecer de verdade ao Señor Xesús se non se acepta a súa ofrenda por nós na cruz, a doazón do seu corpo e do seu sangue, a súa resurrección. Sen as palabras e os feitos da Última Cea non se chega ao corazón da súa Persoa e da súa obra.
Isto proclama tamén a tradición lucense da Semana Santa, coas súas grandes celebracións litúrxicas e as súas diferentes procesións e actos de piedade popular. Nestes días, no centro da nosa cidade, volve anunciarse publicamente o sacrificio redentor do Señor, realizado na carne, e a ofrecerse a todos os seus froitos de perdón e salvación. Convídasenos a crer e esperar no amor inmenso de Cristo, que vén sempre en auxilio de quen se lle achega con corazón dolorido, con fe humilde e arrepentimento sincero.
Este anuncio, en que as Confrarías participan de modo particular, segue sendo necesario no noso mundo, moi necesitado de fe e de consolo, e que, ante o escándalo do mal e do sufrimento, parece capaz de crer xa só nun Deus que sexa misericordia.
Na nosa época, marcada polo egoísmo, a avaricia, o desprezo do débil, do que non é “útil”, os actos e procesións con que meditaremos e honraremos os misterios da nosa fe, farannos presente a Aquel que non nos desprezou a ningún, senón que morreu por todos, pola nosa salvación, e serán unha oportunidade real de recoñecer persoalmente a necesidade do perdón dos pecados, de cambiar mente e corazón, para que, coa graza do Señor, sexa posible a renovación da nosa vida e a construción dunha sociedade verdadeiramente fraterna.
Pois todas as celebracións da Semana Santa son unha invitación insistente a descubrir de novo o amor entrañable do Pai, que se nos fai presente en Xesús de forma concreta, e así, co exemplo e a protección da Santísima Virxe María, crer en Deus en todas as circunstancias da vida.
Alfonso Carrasco Rouco
Bispo de Lugo
Gústame esto:
Gústame Cargando...