Mans Unidas convoca o Día do xaxún voluntario

 O venres 10 de febreiro é o Día do xaxún voluntario. A partir das seis da tarde no Seminario Diocesano haberá unha Eucaristía e a continuación merenda solidaria no mesmo lugar.

Proxectos que apoio Mans Unidas Lugo

Ecuador, Santo Domingo: Construción e equipamento dun centro multiusos para formación nun barrio marxinal e que beneficiará a 340 persoas. Fronte ao proxecto está a irmá María Dolores Otazu, misioneira dominica do Rosario. Importe: 47.676 €

Haití: xeración de ingresos e mellora do medioambiente para 500 mulleres rurais de Artibonite. Fronte ao proxecto está o pai Gerard Dormeville. Importe: 59.009 €

Mauritania: reforzo da seguridade alimentaria familiar de mulleres cooperativistas. Beneficiará a 42 familias. Fronte ao proxecto está Ould Baba Meissa (Defensa do medioambiente). Importe: 27.586 €

[Ver manifesto]

Celebración intercolexial do Día da Paz

O venres 10 de febreiro comezará o acto pola paz arredor das 11h. Os membros das comunidades educativas dos colexios católicos de Lugo -en total unhas 350 persoas- saen á rúa e sitúanse en distintas zoas do centro, informando á xente, facendo enquisas e repartindo dípticos. Ademais de haber mesas e stands nos barrios de San Antonio de Padua e A Milagrosa, tamén haberá no Campo Castelo, r/ Progreso, r/ da Raíña, Praza Maior, r/ San Marcos, praza do Ferrol e praza Horta do Seminario.

Esta acción faise baixo o título de Laudato Si’: unha ecoloxía pola paz. Este ano o alumnado traballou coa encíclica do Papa Francisco preparando un material informativo e formativo nas titorías dos colexios. A idea é facer chegar o compromiso da Igrexa co medio ambiente, e sobre todo, co coidado das persoas que máis sofren as consecuencias da contaminación, a seca, o cambio climático, etc.

Tamén hai un acto conxunto na praza de Sta María. Todo isto levarase a cabo sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan.

Decálogo do perdón na familia

 

  1. Diferencia o acto da persoa. A persoa que realiza a ofensa é máis importante có mal que fixo.
  2. Recoñece a dor do outro. Aínda que non entendas o enfado do teu fillo, dos teus pais ou do teu cónxuxe, ou o consideres inxustificado, intenta empatizar co seu sufrimento.
  3. Vence o mal cun amor máis grande. Perdoar non consiste en mirar para outro lado; o verdadeiro perdón non nega o mal, senón que o vence cun amor máis grande.
  4. Relativiza a ofensa. Ante pequenas ofensas, cultiva o sentido do humor, toma distancia e relativiza, xa que o amor crece a través de pequenos perdóns.
  5. Comunícate. Busca o momento axeitado para falar e procura que unha ofensa non sexa a xustificación para outra (insultos, desprezos, etc.).
  6. Dálle tempo ao proceso de sanación. Xa sexas o ofensor ou o ofendido, ten misericordia contigo mesmo e co outro: dá ti o primeiro paso, que consiste en recoñecer o dano. O perdón require tempo.
  7. Se humilde e pide axuda… a Deus, aos amigos ou a un profesional. É difícil perdoar cando se teme non poder facelo ou desde o sufrimento que dificulta unha comunicación serena.
  8. Deixa de lado o orgullo. Busca no fondo do teu corazón por que estás tan doído e evita poñer en marcha accións, ou omisións, que acrecenten a distancia.
  9. Perdoa, aínda que non sexa posible a reconciliación. Non sempre hai que reconciliarse; iso si: podes perdoar aínda que o ofensor non admita o dano que causou, o que conlevará un ben espiritual, psicolóxico e, ata, físico.
  10. Descobre unha vida nova. O perdón non busca vivir coma se nada ocorrese, pois a túa familia constrúese nunha historia vivida conscientemente, pero a mirada que perdoa (a imaxe de como nos mira Deus) impúlsanos a vivir apartados do mal realizado.

 

Martiño Rodríguez

Director do Centro de Orientación Familiar Diocesano de Lugo

Conferencia do misioneiro comboniano José Rubio Aguerri

 Mans Unidas Lugo organizou o 6 de febreiro unha conferencia do misioneiro comboniano José Rubio Aguerri. O acto desenvólvese baixo o título “O mundo non necesita máis comida, necesita máis xente comprometida”, que é o lema da Campaña contra a fame 2017.

José Rubio comezou dicindo que África lle dera tanto que lle resultaba difícil pensar en estar o resto dos seus días en España. Cando ao final da charla foi preguntado polo público, manifestou que volvería ao Congo, onde exerceu a súa pastoral en 4 misións: Tadu, Kinshasa, Isiro e Dungu. Contou como as celebracións eucarísticas, aínda que comezan ás 6 da mañá reúnen a 2000 fregueses. Aínda que a estes lles gustan os sermóns, para o P. Rubio o seu mellor sermón deuno sen palabras, cando decidiu quedar a pesar dos problemas bélicos e a marcha dos cooperantes civís.

No aspecto material o P. Rubio organizou cooperativas, de ata 4000 membros. Falou tamén da Communauté fraternelle des femmes seules avec Jésus-Christ, grupos de mulleres que queren seguir a Xesucristo, e axudar aos demais, en particular a nenos malnutridos por comer sempre o mesmo e salvaron a moitos nenos anémicos que corrían graves riscos ao teren moi baixas as súas defensas. Tamén axudan ás nais, co propio tempo e traballo. Serían o equivalente en España ás asociacións de viúvas. 

Xornada contra a trata de persoas

O 8 de febreiro, festa de santa Xosefina Bakhita -a relixiosa canosiana sudanesa que de nena viviu a dramática experiencia de ser vítima de trata e foi declarada santa en 2000-, celébrase en todo o mundo a terceira Xornada de Oración e Reflexión contra a Trata de Persoas. A primeira edición da Xornada Mundial celebrouse o 8 de febreiro de 2015, por vontade do Papa Francisco.

Esta edición de 2017 introduce un elemento novo, co fin de equilibrar a proposta de oración e de reflexión centrándose nun aspecto específico do vasto e complexo mundo da trata de persoas: a trataa de nenas, nenos e adolescentes, co lema “Son nenos!, Non escravos!”.

Alento a cantos están comprometidos a axudar a homes, mulleres e nenos escravizados, explotados e abusados como instrumentos de traballo ou pracer, e a miúdo torturados e mutilados. Desexo que cantos teñen responsabilidades de goberno tomen decisións para remover as causas desta vergonzosa praga, praga indigna dunha sociedade civil. Que cada un de nós se comprometa a ser voceiro destes irmáns e irmás nosos, humillados na súa dignidade. Invoquemos todos xuntos á Virxe, por eles e polos seus familiares” (Papa Francisco, Angelus 8 febreiro 2015).

A %d blogueros les gusta esto: