Mons. Javier Martínez Fernández clausurou as Xornadas Abertas de Teoloxía

O arcebispo de Granada Mons. D. Javier Martínez Fernández encargouse de pechar as XXXI Xornadas Abertas de Teoloxía de Lugo coa conferencia titulada “Algunas dificultades del diálogo interreligioso”. Como primeira dificultade sinalou o feito de que nosoutros xa case non sabemos quen somos, polo que se perde capacidade de ser interlocutores no diálogo. E case deixamos de ser cristiáns debido á colonización que a cultura da Ilustración fixo co cristianismo: elementos culturais da Ilustración (amor á liberdade, á beleza…) son vistos sen ter en conta a súa verdadeira raíz, que é o abrazo de Deus á humanidade. En consecuencia, existe e o problema de que non pensamos para que vivimos. No diálogo cos asistentes, Mons. Javier Martínez sinalou a importancia das estruturas que permiten organizar o diálogo interrelixioso, pero sen esquecer a importancia do encontro entre pobos, na vida cotiá.

[Escoitar conferencia]

Actividades da Asociación Xuvenil Ateibo

Dende o 27 de febreiro ao 1 de marzo, os máis pequenos poderán disfrutar das actividades de “Mañás de Entroido”, os tres días de 10:00 a 13:30 h (horario ampliado para os que o necesiten de 9 a 14 h), facendo xogos, obradoiro e compartindo tempo de lecer con outros nenos dende os 3 aos 12 anos de Educación Infantil e Primaria. Inténtase facilitar a conciliación da vida laboral e familiar proporcionando unha actividade de lecer educativo para os máis pequenos no seu tempo de vacacións.

O 11 de marzo comezará o Curso de Monitor de Tempo libre impartido pola Escola de Tempo Libre Don Bosco en Lugo, coa colaboración do colexio Salesianos. É unha titulación oficial homologada pola Xunta de Galicia. A parte teórica impartirase en varias fins de semana e días de vacacións escolares, dende o 11 de marzo ata o 3 de xuño. A inscrición pode facerse en liña.

Samir Khalil Samir, SJ: O Islam como desafío hoxe

Na segunda das Xornadas Abertas de Teoloxía, o xesuíta exipcio Samir Kahlil Samir, presentou as diferencias entre Islamismo e Cristianismo: neste hai unha fraternidade universal e ten como fundamento unha persoa – Cristo- e no Islamismo, que ten o seu fundamento nun libro -o Corán- a fraternidade é máis restrinxida (soamente cos correlixionarios). Pasou logo a tratar a cuestión do fundamentalismo e aquí preguntouse quen sostén a ISIS e na resposta mencionou a Arabia Saudita e Qatar. Occidente non contribúe a mellorar a situación porque ten un deus, e non é Xesús, é Mammón. Na parte final da súa conferencia, Samir falou da necesidade de axudar a que os musulmáns chegados a Occidente se integren.

No diálogo cos asistentes, Samir dixo que na relación cristianismo-islamismo debemos ser ao mesmo tempo críticos e benevolentes. Críticos porque é unha esixencia da verdade, e hai que desenmascarar as falsidades e os erros. E seremos benevolentes pola necesidade que hai de cambiar as relacións, axustándonos á realidade. Verdade e fraternidade, non unha sen a outra.

[Audio da conferencia de Samir Khalil]

 

Taller de redes sociais para facilitar a busca de emprego

Cáritas Lugo oferta un “Taller de redes sociais” para que os participantes nel adquiran coñecementos sobre como protexer a súa privacidade e mellorar a reputación online nos seus perfís sociais. A finalidade é mellorar as estratexias na procura de emprego.

O prazo de inscrición está aberto ata o 24/02/2017. Os interesados en participar teñen que acudir ao Programa de Emprego de Cáritas Diocesana de Lugo o mércores ou o xoves de 10h. a 14h. na rúa da Cruz, 1.

O taller celebrarase o día 1 de marzo de 10 a 14h. no Centro de Servizos de Cáritas Diocesana de Lugo, na Avenida das Américas, 93-97.

Serafín Fanjul iniciou as Xornadas Abertas de Teoloxía

O Círculo das Artes de Lugo acolleu o 20 de febreiro a primeira das conferencias programadas nas Xornadas Abertas de Teoloxía. O historiador e lingüista Serafín Fanjul, foi enumerando a escritores estranxeiros que visitaron España e intentaban asimilar a poboación española á árabe, pero caendo, por exemplo en contradicións, como considerar que os españois herdaran tanto a “propensión á violencia” como a “suave tolerancia dos mouros”. Para Serafín Fanjul, “hai unhas moralexas de ideoloxía barata que non contribúen a dar unha imaxe real do país. Evidentemente, a orografía, o clima, a tecnoloxía, a tecnoeconomía conseguinte, todo iso son condicionamentos materiais verdadeiros que non contan para a maior parte dos viaxeiros. Pero estou seguro de que a psicoloxía social estaba máis relacionada con iso que con outras cousas”.

Sobre o tema da conferencia, Serafín Fanjul dixo que “nin na España musulmana nin na España de predominio cristián houbo unha convivencia modélica. O que houbo foi xustaposición de poboacións que máis ou menos se toleraban, cunha por riba das outras dúas. Nunha primeira etapa o predominio era musulmán e tiñan sometidos a cristiáns e xudeus facéndolles pagar máis impostos, someténdoos a unha gran cantidade de prohibicións, de discriminacións… Despois, cando se produce a Reconquista, tamén a discriminación é notable; por exemplo, obrígase aos xudeus e aos mudéxares (musulmáns) a levar signos distintivos na cabeza ou no ombreiro; prohibíaselles o uso de determinadas cores vivas (vermello, verde), de brocados, de bordados de ouro, calzado de calidade. Anteriormente, esa mesma prohibición ou moi semellante producírase no campo musulmán cos cristiáns.”

 

A %d blogueros les gusta esto: