Exercicios espirituais no mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes

As 5 Delegacións de Apostolado Seglar das dioceses que compoñen a provincia eclesiástica galega (Santiago de Compostela, Lugo, Mondoñedo-Ferrol, Ourense e Tui-Vigo) organizan exercicios espirituais no tempo de Coresma, do 10 ao 12 de marzo, no mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes (Patrimonio da Humanidade). Os exercicios están impartidos polo prior D. Carlos Gutiérrez Cuartango. Comézase o venres 10 de marzo coa oración das vésperas coa comunidade do monxes, ás 19:00 h, e remátase o domingo 12 de marzo co xantar, ás 16:00 h. A pensión completa de todo o retiro é 90 €.

A comuñón eclesial faise tamén con xestos como o de coorganizar estes retiros, que neste curso fan por primeira vez de forma conxunta as 5 delegacións diocesanas de Galicia. É unha forma de que os seglares de diferentes lugares e procedencia (de parroquias, de movementos e asociacións, amigos, etc.) coñezan e poidan participar activamente neste tipo de encontros profundos cun mesmo, co Señor e cos irmáns.

Quen teña dúbidas ou queira máis información, pode enviar un correo electrónico ou chamar por teléfono: laicos@diocesisdelugo.org ou belsaivi@yahoo.es e 639 938 216 ou 649 045 880.

O Nobel, a Paz e o Papa

 

A raíz do meu artigo do 31 de decembro de 2016 sobre a mensaxe de Paz do Papa, algunha persoa preguntoume por qué cría que non lle darían o Nobel da Paz ao Papa Francisco. Deixando a un lado as diversas autoxustificacións que poidan elaborar os membros do xurado, aquí trato de salientar as realidades obxectivas que dean unha explicación plausible da non concesión do Nobel da Paz a este Papa e aos anteriores. Entendo que hai dúas razóns fundamentais para esta negativa: unha é especifica para o Papa e a outra é compartida con outros pacifistas aos que tampouco llelo deron a pesar dos seus merecementos.

A PRIMEIRA razón ten que ver coa propia definición do Estado noruego. En España moitos pseudoprogresistas poñen como exemplo de estados laicos aos países nórdicos, aínda que non o son. Fixándonos só no caso de Noruega podemos dicir que é un estado confesional luterano. Así a Reforma Constitucional, que entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2017, di o seguinte: “A Igrexa de Noruega, Igrexa Evanxélica Luterana, manterase como a IGREXA NACIONAL EN NORUEGA e SERÁ APOIADA COMO TAL POLO ESTADO”. Antes a súa Constitución dicía: “A relixión evanxélica luterana permanecerá como a relixión pública do Estado”

Calquera das dúas definicións é moi distinta da que dá a Constitución Española, un Estado aconfesional. Por iso podemos dicir que Noruega é un Estado confesional luterano, que ten unha bandeira con unha gran cruz latina que a ocupa por completo.

Dada esta situación do Estado noruego é fácil entender que, por cultura e tradición, o normal é que non se lles pase pola cabeza aos da Academia darlle o Nobel ao Papa da Igrexa Católica de Roma, por moito que sexa merecedor deste galardón.

Non esquezamos que hai 4 estados confesionais na Unión Europea (3 na parte norte e Noruega non é da UE) e ningún é católico, entre outras razóns porque a Igrexa Católica non os quere, ao menos desde o Concilio Vaticano II.

A SEGUNDA razón, compartida con outros pacifistas serios, ten que ver cunha visión global do compromiso coa Paz, que inclúe a transformación do sistema socioeconómico vixente por outro baseado na xustiza, na dignidade inviolable de toda persoa, na defensa do pobre e do seu protagonismo sociopolítico e na defensa do medio ambiente. A loita pola Paz esixe tamén que as institucións sociais estean ao servizo das persoas, especialmente dos máis pobres, xa que os Bens da Creación son para toda a humanidade (Destino Universal dos Bens).

Denunciar que as institucións internacionais, a ciencia, a tecnoloxía e a economía vixente espolian aos pobres para enriquecer aos ricos non pode saírlle de balde a quen faga esta denuncia. O mesmo pasa coa oposición ás condenas a morte: fame, aborto, guerras, eutanasia, execucións, violencias… Ademais defender que o traballo (a persoa) ten que estar sobre o capital non é tolerable para os opresores deste sistema económico que mata (ver a encíclica do papa Francisco: Evangelii Gaudium, 53).

Así temos que na lista de pacifistas sen o Nobel, a modo de exemplo, están: Hélder Cámara, Andrea Ricardi (fundador das comunidades de San Egidio en 1968), Peter Benenson (fundador de Amnistía Internacional en 1961, tres anos despois de converterse ao catolicismo), Lanza del Vasto (fundador das comunidades non violentas El Arca), Jean Goss, María Montesori, Roger de Taizé. L.B. Shastri (1º ministro da India, un dos gobernantes de máis altura moral), etc. e, por suposto, o emblemático pacifista do século XX, Mathama Gandhi.

A min non me cabe dúbida que estes son mellor compañía ca moitos dos gañadores do Nobel da Paz. As decisións da Academia Sueca dos Nobel xeran esas listas, que non lles serven para presumir.

Vistas estas realidades vai ser difícil, por non dicir imposible, que lle dean o Nobel da Paz ao Máximo Facedor de Pontes (Sumo Pontífice), que é o Papa.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Cáritas programa un Entroido de cine

O Servizo de Atención á Infancia e Xuventude de Cáritas organiza os días 26 y 27 de febreiro actividades para nenos de 8 a 13 anos. Haberá xogos de presentación, obradoiros (estrelas, antifaces, cociña), xogos de animación (furor), dramatización e unha gran festa de Entroido. O eixo central xirará en torno ao cine. 

Día de Hispanoamérica e Pregón da Novena da Graza

Na parroquia San Francisco Xavier de Lugo celébrase o Día de Hispanoamérica o domingo 26 de febreiro, en lugar do 5 de marzo que é cando en realidade se festexa a nivel estatal. Haberá unha Eucaristía ás 12:30 h. presidida por D. José Antonio Ferreiro, párroco da Milagrosa, parroquia á que está moi vinculada a comunidade de dominicanos coa súa patroa a Virxe de Altagracia. Durante este acto ten lugar o Pregón da Novena da Graza, que comezará o 4 e marzo.

Ás 13:30 h. de día 26 haberá unha exposición gastronómica hispanoamericana, no salón parroquial. Espérase que un gran número de hispanoamericanos de Lugo se unan a esta celebración.

Peregrinación xuvenil a Fátima

Do 24 ao 28 de febreiro ten lugar a Peregrinación Xuvenil a Fátima. Todos os anos polo Entroido máis de 500 mozos de diversos puntos de España van de peregrinación ao Santuario da Nosa Señora de Fátima, en Portugal. Rezarán polo Papa, polo Bispo, polos curas de Lugo pero sobre todo poñeranse en disposición de que a Señora cambie o corazón dos participantes nesta peregrinación. En Fátima vívense unhas experiencias tales que o resto do ano a xente que foi está desexando volver.

A %d blogueros les gusta esto: