Por 4º ano consecutivo, ortodoxos, evanxélicos e católicos da cidade de Lugo fan unha celebración ecuménica. Algo inédito na cidade ata fai poucos anos e que ten unha moi boa acollida entre as comunidades cristiás. Esta celebración prodúcese con motivo da Semana Internacional de Oración pola Unidade dos Cristiáns e baixo o lema: RECONCILIACIÓN. O amor de Cristo aprémanos (2 Cor. 5, 14-20)
Este ano celébrase o 500 aniversario da Reforma Luterana, que marcou a historia da Igrexa occidental. Agora queren superarse as divisións e poñer a énfase en Xesucristo e na súa obra reconciliadora como centro da fe cristiá, e así, tras séculos de mutuas condenas e vilipendios, católicos e luteranos en 2017 lembran por primeira vez de maneira conxunta o comezo da Reforma.
A celebración virará en torno á reconciliación tanto das comunidades cristiás como dos ambientes cotiáns. Recordarase a importancia de ser axentes de reconciliación onde se vaia, misión impulsada por Xesús de Nazaret e que é necesario no noso mundo actual, que necesita ser sanado nalgunhas facetas. Isto ademais non é algo que se traballe nin difunda en case ningún sitio, pero que é fundamental para o desenvolvemento harmónico da nosa sociedade e o noso crecemento como seres humanos.
A celebración, á que se invita a todos cantos esta noticia lles mova un pouco o corazón, ou aos que simplemente sintan curiosidade, será na Parroquia de Santiago a Nova o domingo 29 ás 17:30 hs. Seguidamente, a comunidade evanxélica invita a un chocolate nas súas instalacións da R/ Emilia Pardo Bazán, en San Roque.
Mes: Xaneiro 2017
Encontro vocacional “Un día no Seminario”
O sábado 28 de xaneiro de 11:00 h a 16:30 h. o Seminario organiza un día de convivencia para monagos e mozos que poidan ser futuros candidatos a seminaristas menores. Será un día no que os seminaristas están no Seminario, de modo que poidan ser eles os anfitrións e os que se encarguen de presentar esta realidade do Seminario aos que participen no encontro.
O Seminario dispón de axudas económicas para estudantes de ESO sen recursos.
Hai que propoñer metas mediocres?
Fai varios anos organicei un campo de traballo na provincia de Lugo con rapaces madrileños. Nunha das reunións de avaliación sobre a marcha da actividade un dos mozos acusounos aos responsables de ser demasiado esixentes. Outro mozo, que hoxe é médico especialista nun hospital madrileño respondeulle así: “Se nos esixen dar un nivel de 5 damos un nivel 2 ou 3, pero se nos esixen nivel de 10 damos un 7 ou 8”.
Hoxe hai bastante xente que critica á Igrexa e aos curas por propoñer metas e comportamentos que eles con demasiada frecuencia non cumpren. Penso que sería moita autosuficiencia e orgullo propoñerse persoalmente un como exemplo e modelo de vida e de comportamento para os demais.
Se aceptamos que un ten que propoñer para os demais os propios comportamentos e as metas que alcanzou, teríamos que Vicente Del Bosque non lles podería propoñer aos xogadores españois gañar o mundial e a Eurocopa de seleccións, éxitos que el non logrou alcanzar como xogador en activo.
Xa é moi vello este dito que di así: “A gloria do mestre é que o alumno o supere”, aínda que nestes tempos se recorde pouco esta afirmación tan sensata.
Na vida social e persoal é importante ter unha utopía, un ideal de vida, que nos motive a esforzarnos e sacrificarnos para sacar o mellor das nosas capacidades e posibilidades, para medrar persoalmente e mellorar a sociedade para así exercer a nosa responsabilidade no progreso social solidario da humanidade.
En encontros de mozos facíalles con certa frecuencia esta pregunta: “Quen che quere máis, o que che esixe moito ou o que che esixe pouco?” A porcentaxe maioritaria apuntábase á resposta do que “esixe pouco”. Había que explicarlles que o que che quere ben, busca que sexas culto, intelixente, capaz, virtuoso, etc. Ás veces contáballes a experiencia dun educador de militantes dos anos 50 e 60 que organizou un movemento de promoción das entón chamadas “criadas” co nome de “Trabajo y Estudio” (Trayes). Pois el, estando nunha reunión formativa deu unhas preguntas para reflexión persoal e traballo en grupos. Unha muller non escribía e preguntoulle por qué non anotaba as preguntas. Ela contestoulle que non sabía escribir. Preguntoulle se estaba casada e ante a resposta afirmativa e de que o seu marido si sabía ler, díxolle: “Perdoa que che diga que o teu marido non te quere moito, pois se che quixese ben non querería que foses analfabeta…”
Cando nos esixen que nos promocionemos, que deamos o mellor das nosas calidades, capacidades e virtudes, iso pon de manifesto que nos respectan e que son amigos serios. Na escola de psicoloxía da Logoterapia (baseada na 3ª Escola de Viena, a de Viktor Frankl) repítese moito o seguinte texto atribuído a Goethe: “Se tratas a unha persoa como é, fala peor do que é, pero se a tratas como pode chegar a ser, axúdala a mellorar”. Desde esta perspectiva pódese deducir o que cabe pensar ante a persoa que sempre di que a ela téñena que aceptar como é, sen facer o mínimo esforzo por cambiar…
Non podemos esquecer que un cambio persoal non se consegue normalmente nun día ou semana, senón que ten que ser un esforzo progresivo e continuado
Á hora de propoñer metas e ideais para comprometerse unha persoa na vida, nada hai tan esixente ou elevado como o que propón Xesús de Nazaret: “Sede perfectos como o voso Pai Celestial é perfecto” (Mt. 5, 48). Este dito de Xesús maniféstanos que hai tarefa de mellora persoal e comunitaria para toda unha vida, aínda que se vivan máis de cen anos.
Antón Negro
Delegado de Cáritas Lugo
Nomeamentos para parroquias da Diocese
A Diocese de Lugo fai públicos os seguintes nomeamentos:
– Eduardo Funcasta Teijeiro como administrador parroquial de:
Sagrado Corazón de Lugo
– Miguel Asorey Otero como administrador parroquial de:
Arcos de Frades, Santiago
Carazo, San Pedro
Cirio, Santa María
Fraialde de Santa Marina
Gondel, San Cosme
Luaces, Santa María
Mosteiro, San Salvador
– José Antonio Salgado Agromartín como administrador parroquial de:
A Ponte, San Lázaro (Lugo)
Piugos, Santiago
Capelán de POLUSA
– Marcos Torres Gómez como administrador parroquial:
Lalín, Santa María das Dores
Bendoiro, San Miguel
Donramiro, Santa María
Santa Baia de Donsión
San Miguel de Goiás
San Martiño de Prado
San Román da Veiga
Santa María de Xaxán
Adscritos ás mesmas parroquias: Daniel Gil González e Carlos Brandido Gutiérrez
– Manuel Areán Fernández como administrador parroquial de:
Chantada, Santa Maríña
Belesar, San Bartolomeu
– José Ramón Pérez García como administrador parroquial de:
Quiroga, San Martíño
Nocedo, San Lorenzo
San Clodio (Ribas de Sil)
Augas Mestas, Santiago
Barxa de Lor, Santa Mariña
Cereixido, Santa María
Nogueira, Nosa Señora das Neves
Paradaseca, San Marcos
Piñeira, San Cristovo
Rairos, Santa Lucía
Sequeiros, Santa María
Soutordei, Santiago
Torbeo, Santa María
Vilarmel, San Lourenzo
– José Luis González Regueiro como administrador parroquial de:
Anafreita, San Pedro
Anxeriz, Santa María
As Negradas (San Vicenzo)
Bra, San Martiño
Carballo, San Xiao
Carlín, Santa María
Lea, San Xurxo
Madelos, Santa Eulalia
Miraz, Santiago
Nodar, San Mamede
Pedrafita, San Mamede
Roimil, San Xiao
Seixón, San Paio
Trasmonte, Santiago
– Alberto Riádigos García como administrador parroquial:
Farnadeiros, San Pedro
Farnadeiros, Santo Estevo
Lapío, San Miguel
Quinte, Santalla
Moscán, Santa María Madanela
– José Manuel Castro Alba como administrador parroquial:
Sa, Santiago
– José Ramón Pena Taboada como administrador parroquial de:
Toiriz, San Xoán
A toma de posesión dos sacerdotes nas citadas parroquias efectuarase a partir do mes de febreiro.
Infancia Misioneira 2017
A Xornada da Infancia Misioneira celébrase o día 22 co lema “SÍGUEME” e nos días previos estará na Diocese de Lugo Rolando Ruíz, misioneiro xaveriano natural de México, que estivo moitos anos en África e agora reside España. Xunto co delegado de Misións, Jesús Santiago, recorrerá diversos puntos da Diocese desde o luns 16, día adicado ao contacto cos nenos e os peregrinos no Cebreiro. O martes 17 estarán en Palas de Rei. O mércores 18 no C.E.I.P. A Gándara de Monforte de Lemos e ás 19:30 h haberá un encontro con catequistas e pais na Parroquia San Francisco Xavier, Lugo. O xoves 19 as actividades faranse con nenos de Mosteiro e Melide. O venres 20 pola mañá no Colexio Divino Mestre de Lugo e pola tarde de 18h a 20h haberá un encontro cos nenos de todo Lugo no Pazo dos deportes. Estarán acompañados por un dos xogadores do segundo equipo do Breogán que fixo a pretemporada con eles e que é de Níxer. Pódese levar algo de material escolar para poder enviarllo aos nenos de Níxer. Será unha acción misioneira concreta en favor dos nenos máis necesitados. Haberá varias actividades durante esas 2 horas nas cales os nenos aprenderán a ser solidarios e misioneIros, ademais de realizar varias actividades deportivas.
O sábado 21 será na Parroquia da Milagrosa e na Misa de 19:30h na Parroquia San Antonio de Padua. E o domingo 22 conclúe esta campaña da Infancia Misioneira en Monforte.