Sementadores de estrelas

O sábado 17 de decembro, a partir das 11:00 h. a parroquia San Francisco Xavier de Lugo, será un dos puntos da Diocese no que os nenos sairán polas rúas para felicitar o Nadal en nome dos misioneiros diocesanos.

As parroquias de Melide e Lalín tamén organizan a campaña Sementadores de Estrelas.

O fascinante misterio dunha muller

Durante a semana que acaba de transcorrer entre os domingos 4 e 11 de decembro celebramos en España dúas festas en feminino singular: A Constitución e a Inmaculada. Sobre a primeira e a súa necesidade de reforma e actualización escribiuse xa demasiado. Non así, con todo, sobre a segunda, moito máis antiga e importante, máis universal e venerada en miles de recunchos da nai terra e sobre todo, amada e celebrada como ningunha muller da historia. Na teoloxía máis recente, desde finais do século pasado, houbo e hai unha nutrida literatura en clave de muller, algunha misoxinamente elaborada, que redescobre e demostra non só todo o que as mulleres deron á Igrexa no curso dos séculos, senón tamén todo o que a Igrexa deu ás mulleres, ofrecéndolles posibilidades que a sociedade laica do seu tempo nin sequera concibía nin imaxinaba. A afirmación anterior, por se a alguén se lle ocorre pensar que quen o di é un home, non é miña, é o pensamento de Giulia Galeotti, xornalista, doutora e escritora italiana especialista en temas cristiáns.

Un dos tópicos do pensamento dominante contrapón facilmente ás mulleres entendidas como grupo social que loita pola súa propia emancipación e, por outra, á Igrexa católica vista como o gran obstáculo para o logro dunha plena liberación feminina. Non é que todo sexa falso. É certo que a Igrexa pode ter aínda algún problema coas mulleres e con todo, é indubidable que a mensaxe de Xesús foi e é en grao sumo liberadora, non só en relación coa sociedade do seu tempo, senón tamén respecto ao contexto actual, como mulleres e homes do terceiro milenio. Soamente quen nunca coñeceu e meditou os Evanxeos sería quen de afirmar o contrario. O cristianismo xorde poñendo a mirada no protagonismo dunha muller a través dunha mensaxe divina sobre a Encarnación do Fillo de Deus a unha novísima rapariga de Nazaret. E trinta anos despois, aparecéndose a María Madalena para que vise e testemuñase ao mundo que aquela historia non acababa na Cruz senón na Resurrección do Fillo de Deus.

Os Evanxeos describen a María de Nazaret, a Inmaculada, como unha sinxela muller singular que soborda espiritualidade, fe e silencio. A nai que canta á liberdade, a un Deus que acode á terra facéndose pobre cos pobres para enriquecelos coa súa divinidade, que fai marabillas cos pequenos, que desbarata os plans dos poderosos e que enaltece aos humildes. Esta historia singular que considera a María como expresión suprema do feminino desbordouse dun xeito especialísimo na piedade tradicional do pobo cristián español. Foi o pobo cristián movido polo Espírito Santo o que impulsou o dogma da Inmaculada e mesmo ante a oposición de teólogos e algúns grandes santos. Por iso, cada ano, na praza de España de Roma, ao pé do monumento adicado á Inmaculada, os Papas renovan, pola tarde, a homenaxe á doce Nai da Graza. Unha festa que ilumina, como un faro esplendoroso, este tempo de preparación para o Nadal e que brilla como signo de esperanza segura e de consolo para o pobo de Deus en camiño.

J. Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral

Novena en honra da Nosa Señora a Virxe da Esperanza

A Parroquia de Santiago A Nova acolle a Novena en honra da Nosa Señora a Virxe da Esperanza. Terá lugar do 10 ao 18 de decembro ás 20.00 hs. na igrexa parroquial de Santiago A Nova. O predicador é Pegerto Vázquez López.

Campaña de recollida de alimentos: a mesma Parroquia inicia esta campaña para a que se necesitan voluntarios entre os días 16 e 17 de decembro (venres e sábado).

Campaña Doce Nadal: Un ano máis ofrécese a oportunidade de colaborar con esta campaña achegando/comprando algún doce caseiro, licores ou produtos ecolóxicos. A exposición dos diferentes produtos estará aberta desde o venres 16 ata o domingo 18.

Coloquios sobre a exhortación apostólica Amoris Laetitia do Papa Francisco e que aborda distintos aspectos da vida familiar no noso tempo. Comézase o 12 de xaneiro e habitualmente serán na igrexa da Nova, os xoves, de 19.00 a 20.00 hs.

Belén electrónico na igrexa de San Martiño de Folgosa (O Corgo)

Desde fai dous anos por Nadal funciona un belén electrónico na igrexa de San Martiño de Folgosa (O Corgo).

Este ano poñerase a funcionar pola festa da Inmaculada e poderá verse todos os domingos e días festivos ao finalizar a Misa das 11 ou se algún grupo quéreo visitar poñéndose en contacto con Alfonso (teléfono 674 552 302).

Vixilia da Inmaculada

vixilia-da-inmaculada-lugo-copia

O día 7 de decembro celébrase a véspera da solemnidade da Inmaculada Concepción da Benaventurada Virxe María. Con tal motivo a Parroquia da Milagrosa acolle ás 19:30h a Vixilia da Inmaculada, acto para toda a familia que estará presidido polo señor Bispo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco. A celebración está  organizada pola devandita Parroquia e a Delegación Diocesana de Pastoral Familiar.

Na Catedral a solemnidade do día 8 ás 12 h estará presidida polo señor Bispo. Impártese a bendición papal.

A %d blogueros les gusta esto: