A Catedral de Lugo acolleu o 22 de decembro un acto de acción de grazas pola renovación da concesión da indulxencia plenaria cotiá e perpetua.
O grupo de música Antiga 1500 interpretou varias Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio e pezas eucarísticas. A continuación, e trala lectura do documento da Penitenciaría Apostólica da renovación da indulxencia, celebrouse a Eucaristía presidida polo bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco e concelebrada polo bispo de Ourense, Mons. Lemos Montanet, o vicario veral de Mondoñedo – Ferrol, Antonio Basanta, o bispo emérito de Astorga, Camilo Lorenzo, así como o cabido catedralicio.
Na súa homilía Mons. Alfonso Carrasco expresou a satisfacción pola renovación do don da indulxencia plenaria concedida pola Santa Sé: “Neste xesto, por medio da Igrexa e do sucesor de Pedro (o Papa Francisco), o Señor ofrécenos o abrazo da súa misericordia. Cando, seguindo as indicacións da Penitenciaría Apostólica, acheguémonos a adorar a presenza eucarística do Noso Señor Xesús, sempre exposta no noso Altar Maior, á luz desta gran perdonanza que agora se nos ofrece, poderemos sentir, como María, que o Señor verdaderamente fai proezas co seu brazo”.
Na súa intervención tamén sinalou que “non atopa ao Señor quen se lle achega soberbio, rico e poderoso, o que non o necesita porque fiou a súa vida xa a outros recursos, a outras riquezas, a outros poderes”. Por iso recalcou: “Pidamos ao Señor non caer nesta tentación, tan antiga como Adán, pero moi contemporánea nun mundo en que, a miúdo, ponse o orgullo moi conscientemente en si mesmo, no poder, a técnica e a riqueza”.
Mons. Carrasco finalizou a súa homilía dicindo que do amor de Deus esperámolo todo “reconciliación, indulxencia, vida nova e eterna”.
Mons. Alfonso Carrasco Rouco agradeceu a presenza de autoridades civís e das forzas de seguridade, sacerdotes cos seus fregueses, membros da vida consagrada, as confrarías de Semana Santa de Lugo
Trala eucaristía celebrouse a tradicional procesión do Xoves Eucarístico polo claustro da Catedral. En diversos momentos da celebración houbo tanxido de campás por tratarse dun acontecemento extraordinario.