Presentado un novo número da revista Lvcensia

presentacion-da-revista-lvcensia-53

 O mércores 16 de novembro ás 18:30 Lvcensia presentou o número 53 na Aula Magna do Seminario. No acto de presentación a catedrática da Universidade de Santiago de Compostela Isabel Fernández García falou de 30 mulleres científicas lucenses ou que desenvolveron a súa actividade científica nas primeiras décadas do século XX. Presidiu o acto o Bispo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco.
Neste número Lvcensia súmase á conmemoración do oitavo centenario da fundación da Orde dos frades predicadores cun artigo de Prudencio Leza e Pilar Pérez sobre a súa importante pegada na nosa Diocese. Ademais, Abel Vilela afonda na vida do oficial do Exército español John Ryan durante a súa estancia en Lugo, a súa amizade con José María de Prado e Neyra e o seu enfrontamento co cabido. A toponimia tamén ten o seu espazo con nomes referentes ao período altomedieval nun artigo elaborado por Miguel Costa Rico. De igual referencia medieval é o traballo de Manuel Rodríguez Sánchez relativo aos libros eclesiásticos de Lugo e a súa Diocese. Outras referencias á vida eclesiástica parroquial recóllense nos artigos dedicados ao o apadriñamento no arciprestado de Bolaño de Tamara González e á vida cotián na parroquia de Vilartelín de Mª José López Caldeiro.
Na vida económica do mundo rural ten un papel destacado o sector lácteo. Jesús Penelas recompila a historia da súa evolución na provincia de Lugo. Tamén no campo da economía dedícase outro artigo á importancia das Sociedades Económicas de Amigos do País, nacidas na época da Ilustración. Complétase este número cincuenta e tres cun comentario poético sobre o último libro de Manuel Silva (Posta de Sol)  e cunha referencia aos cincuenta anos de Cáritas na Diocese de Lugo realizada por Susana López Abella.

Clausura do Ano Xubilar da Misericordia

eucaristia-clausura-ano-misericordia

O 13 de novembro celebrouse na Catedral de Lugo a Eucaristía de clausura do Ano da Misericordia, presidida polo bispo da Diocese, Mons. Alfonso Carrasco Rouco. Arciprestes, párrocos e fieis de toda a Diocese asistiron a esta celebración que pon fin a este ano Xubilar.

O Bispo de Lugo comezou a súa homilía lembrando que, seguindo as indicacións do Papa Francisco, celebramos unidos a clausura deste ano Xubilar no que se nos abriu de par a par a porta da Misericordia, “como signo eficaz de Noso Señor porque a  misericordia entrou para sempre no mundo e nas nosas vidas”.

Mons. Alfonso Carrasco insistiu en que “a misericordia significa vir en axuda de quen está en dificultades, en calquera forma de miseria, de quen sofre inxustiza, pero busca facer desaparecer todo aquilo que desfigura o rostro da persoa, que escurece e conduce á morte o corazón, en Xesús a misericordia revelouse como fidelidade e compaixón ao home como vitoria sobre a morte, pero non como condescendencia coa mentira o pecado ou a destrución da humanidade de calquera xeito”.

O Bispo de Lugo finalizou dicindo que “o mellor futuro do ano xubilar que clausuramos é que gardemos viva a conciencia de que nós cremos na misericordia, que é real e verdadeira e vitoriosa en Xesucristo, e que poida ser en nós criterio de vida para mirar todas as cousas, a cada persoa e a nós mesmos, porque só neste amor pódese ver como é a outra persoa; só con misericordia saberémola tratar de modo xusto e só así é posible conservar esperanza fundada de felicidade neste mundo”.

Despois da comuñón fíxose unha acción de grazas por este Xubileu da Misericordia.

 E xusto antes de finalizar, o deán da catedral, Mario Vázquez, leu o documento da indulxencia plenaria cotiá perpetua na catedral de Lugo.

[Texto da acción de grazas e memoria das peregrinacións feitas durante este ano]

Renovado o privilexio da indulxencia plenaria na Catedral de Lugo

altar-maior-catedral

O domingo 13, na Eucaristía de clausura do Ano xubilar da Misericordia na Catedral de Lugo (19h) darase lectura ao documento da Penitenciaría Apostólica da Santa Sé polo que se renova o privilexio da indulxencia plenaria perpetua na Catedral de Lugo.

Por este privilexio os fieis poderán seguir gañando devandita indulxencia plenaria na basílica lucense durante todos os días do ano, previo cumprimento das condicións xerais e unha propia que é a visita ao Santísimo Sacramento exposto permanentemente no Altar Maior.

Peregrinación mariana a Iria Flavia

peregrinacionmodifsp-copia-2

Equipos de Nosa Señora de Galicia organiza o día 12 de novembro unha peregrinación á Colexiata de Sta. María en Iria Flavia para honrar a Nosa Señora de Belén.

Asistirá á Eucaristía o Arcebispo de Santiago. A continuación haberá unha comida nun restaurante da zona. A viaxe, asistencia aos actos e a comida sae por 22 € os adultos e 10 € os menores.

Concurso de postais de Nadal convocado por Infancia Misioneira

concurso-christmas

Con motivo da celebración da Xornada de Infancia Misioneira 2017, co lema “Sígueme”, Obras Misionais Pontificias e o Secretariado de Infancia Misioneira convocan, con vistas ás festas de Nadal deste 2016, un concurso de postais, que recollerá a visión dos nenos sobre a devandita celebración. O concurso consiste no deseño dunha tarxeta con motivos de Nadal.

Premiarase a orixinalidade e a beleza da mesma.

O prazo do concurso remata o 20 de novembro. As postais deben presentarse na Delegación Diocesana de Misións, situada no Bispado, Praza de Santa María, 1 – 1º, indicando no sobre “Concurso de Christmas de Infancia Misioneira”.

A %d blogueros les gusta esto: