Fai 6 anos comentábame un teólogo de prestixio e profesor universitario: “Para que quere a Igrexa unha Academia de Ciencias?, Ese non é o seu cometido!”. Eu penso que non está fóra de lugar a existencia desta Academia Pontificia das Ciencias, xa que a Igrexa debe relacionarse coa sociedade desde a seriedade, escoitando a persoas serias e científicas. Desta Academia quero resaltar que:
-Está composta por 80 membros de recoñecido prestixio e nada menos que 36 son premios Nobel en diversos campos científicos. Desde 1936 formaron parte da Academia Pontificia 71 premios Nobel. Bastantes deles recibiron o premio sendo xa membros da Academia.
Quen lembre o artigo anterior sobre o Big Bang entenderá que Georges Lemaître fose membro desde 1936 e logo presidente desta Academia do 19-03-1960 a 20-06-1966. Tamén Severo Ochoa (1905-1993), Nobel español de Medicina, foi membro dela desde 1974.
-Na academia tamén hai científicos que non son cristiáns e outros nin sequera crentes. A modo de exemplo destaco:
RITA LEVI MONTALCINI (1909-2012), italiana sefardita e agnóstica, membro da Academia desde o 24 de xuño de 1974 e que 12 anos despois (1986) recibe o Nobel de Medicina. Nunha entrevista (El País 19-04-2009) dicía: “Fun a primeira muller admitida na Academia Pontificia e tiven unha boa relación con Paulo VI e con Wojtyla, tamén con Ratzinger, aínda que menos profunda que con Paulo VI, ó que estimaba moito”. Cando en 2008 algúns docentes asinaron un escrito para que Bieito XVI non inaugurara o curso na Universidade da SAPIENZA, alguén incluína, pero ela aclarou de inmediato: “En calidade de membro da Pontificia Academia das Ciencias e da admiración que profeso cara ó Pontífice, non expresaría nunca o que se me atribúe. Estou moi lonxe de asumir unha actitude en contra de Bieito XVI”. Así se expresaba sobre o tema relixioso nunha entrevista de 2006: “Aínda declarándome laica ou mellor, agnóstica e librepensadora, envexo a quen ten fe e considérome profundamente ‘crente’ se por relixión se entende crer no ben e no comportamento ético: se non se perseguen estes principios, a vida non merece a pena ser vivida”.
STEPHEN HAWKING, nomeado membro por Xoán Paulo II en 1986, pasa por ser un recoñecido ateo. É fácil atopar fotos súas con Xoán Paulo II e con Bieito XVI en diversos medios.
MIGUEL NICOLELIS, neurocirurxián brasileiro (Sâo Paulo 1961) serio candidato ó Nobel é membro desde o 5-01-2011, a pesar de manter posturas diverxentes coa Igrexa en temas legais. É profesor de Neurociencia e director do centro de Neuroenxeñeiría da Universidade de Duke (Carolina do Norte, USA), destacado especialista e pioneiro en neuropróteses e en Parkinson.
WERNER ARBER, actual presidente da Academia desde o 20-12-2010 e membro desde 1981, suízo e protestante, foi premio Nobel de Medicina en 1978 con Hamilton, O. Smith e Daniel Nathans polas súas investigacións no campo da xenética. Profesor emérito de Microbioloxía na Universidade de Basilea. A pregunta sobre se é necesario ser crente para ser membro da Pontificia Academia, responde: “para nada, o que é necesario é ser un bo científico”.
Isto fálanos dunha Igrexa nada sectaria, moi distinta do actuar de moitos españois e dos nosos partidos políticos. Unha institución seria e profundamente aberta ó diálogo coa Ciencia e coa Sociedade de xeito responsable e continuado. Tamén hai no Vaticano unha Academia das Ciencias Sociais e outra da Cultura.
Lembremos o diálogo de Bieito XVI con J. HABERMAS da Escola de Frankfurt. Como dicía o converso cardeal Newman: “Para entrar na Igrexa, hai que quitarse o sombreiro, non a cabeza”. Isto tamén fala da solidez das ensinanzas da Igrexa Católica.
Por iso cando un xornalista ou un profesor fala da ignorancia da Igrexa, ou en concreto da ignorancia do Papa Bieito XVI, o aconsellable sería dicir… “SEN COMENTARIOS”.
Antón Negro
Gústame esto:
Gústame Cargando...