Relixión e saúde

Foto MarioUn estudo recente relacionado coa asistencia aos oficios relixiosos e a saúde, chamou a atención dos medios de comunicación social. En realidade, relixión e saúde sempre se levaron marabillosamente na historia da humanidade. Son numerosos os estudos que así o confirman. Que orar, meditar, celebrar, reunirse con outros, dar grazas, pedir, consolar, comunicarse, abrazarse, quererse, é bo, non debería ser unha noticia extraordinaria. E de todo isto faise nos oficios relixiosos. Se a iso engadimos o esencial, que é a relación coa divinidade, co que nos transcende, co Deus do Amor e da Paz, co misterio da Trindade (Misterio de amor mutuo) no caso do cristianismo, ese plus xera ademais sentido da vida e plenitude de esperanza. Certamente, os prexuízos dominantes en torno ao fenómeno relixioso, non son propicios para a comprensión dos valores que subxacen nas relixións. O estudo ao que me refiro, demostra que participar na Eucaristía e, polo tanto, asistir os domingos a Misa é bo para a saúde. E engádese: reduce o 33% o risco de morte por enfermidade cardiovascular ou cancro. Así o demostra o traballo publicado na revista Jama Internal Medicine. Segundo esta investigación, realizada por un grupo de científicos de Harvard Chan School of Public, aquelas persoas que asisten máis dunha vez á semana aos oficios relixiosos teñen un 33 por cento menos de risco de morrer por algunha enfermidade que aquelas que non o fan. É máis, as persoas que acoden á Igrexa unha vez á semana teñen un 27 por cento menos de risco de morrer por unha enfermidade cardiovascular e un 21 por cento menos de falecer a consecuencia dun cancro. E engádese que as persoas que asisten regularmente aos oficios relixiosos teñen menos síntomas de depresión e sofren menos ataques de ansiedade. Os científicos conclúen: “Os nosos resultados suxiren que pode haber algo importante detrás da relixión e a espiritualidade. Os beneficios de asistir aos servizos relixiosos parecen estar relacionados cun maior apoio social, menos consumo de tabaco e un menos risco de sufrir depresión, xa que estas persoas teñen unha perspectiva máis optimista e esperanzada da vida”.

A sabedoría popular en xeral e a retranca galega en particular sempre o entenderon así: “Ir a Misa mal non fai”. Pola contra, a Misa dominical, aínda que soamente sexa vista desde unha perspectiva humana, é motivo de encontro, espazo de sociabilidade, causa de descanso no traballo semanal, invitación ao lecer e á festa, encontro de fraternidade, fonte de saúde, de hixiene mental e física, de paz e reconciliación. En realidade, o fundamento da Eucaristía radica na celebración da historia dun Deus que quixo visitar a humanidade para entregar a súa vida por ela e redimila da desesperación e da morte eterna. Alí celébrase a fe no Resucitado.

 Procurar o ben ata chegar ao propio sacrificio constitúe unha das aventuras máis fermosas do ser humano. Teresa de Calcuta, Tomás Moro, o Padre Maximiliano Kolbe, Edith Stein e outros moitos cristiáns son un magnífico exemplo de seguimento de Cristo ata a morte. F. Dostoievsky deixou nas súas obras admirables arquetipos do desenvolvemento destas ideas. E é que a bondade constrúe para substituír sempre o mal polo ben. Pois, estimados lectores, a Misa imos e alí nos atoparemos.

Mario Vázquez Carballo

Actos programados en torno ao día da Mercé

encontro-de-pastoral-penal-copia

O propio día da Mercé, o sábado 24, hai misas solemnes nas prisións de Monterroso e Bonxe. Neste último centro penitenciario o Sr. Bispo presidirá a Eucaristía.

Desde o día 16 o mosteiro da Magdalena de Sarria acolle unha Novena en honra á Nosa Señora da Mercé ás 19:30h. O día 23 ás 23:15h desde a igrexa de Santa Mariña hai unha procesión previa á Eucaristía de medianoite. O propio día da Mercé, o sábado 24, as celebracións comezan ás 19:15h co rezo do rosario, para seguir ás 20h coa Eucaristía e posteriormente procesión.

 O día 1 de outubro hai o IV Encontro interdiocesano de Pastoral Penal baixo o lema “Seguimos as pegadas de Cristo misericordioso, sanante e sanador“. Pola mañá, na Casa de Exercicios de Santiago de Compostela intervirán o Bispo de Mondoñedo-Ferrol, Mons. Luis Angel de las Heras (“O cárcere como lugar teolóxico da acción de Deus“) e o Director do Instituto Superior de Pastoral-UPSA (“Acompañamento pastoral na vulnerabilidade“). Pola tarde gañaráse o xubileu da misericordia na Catedral compostelá.

 O Secretariado Diocesano de Pastoral Penal pon un autobús desde Lugo para facilitar a asistencia a esta xornada, aberta a todos os interesados en coñecer o mundo da prisión. O responsable do Secretariado é José Río Ramilo, a quen dirixirse para máis información e inscribirse (teléfono 618 568 408, correo electrónico jrmil@hotmail.com antes do 25 de setembro).

 Ademais, como se informou nesta web, xa houbo actos en Bonxe

20 de setembro, Xornada de Oración pola Paz

logo_asis_2016

A trinta anos da histórica Oración das Relixións do Mundo pola Paz, convocado polo Papa San Xoán Paulo II en 1986, a Igrexa celebra o martes 20 de setembro unha Xornada de Oración pola Paz. Faise en coincidencia co Encontro Interrelixioso que terá lugar en Asís, presidido polo papa Francisco e baixo o lema “Sede de Paz. Relixións e culturas en diálogo”.

O desexo do Santo Padre é que en todas as igrexas particulares haxa actos pedindo por esta intención. Para facilitar este encargo, a Comisión Episcopal de Liturxia preparou un subsidio litúrxico para as celebracións eucarísticas do día 20 de setembro.

Deus é sinxelo

Álvarez-Miguel-Ángel-2 Admiro ás persoas que son sinxelas. Cando dicimos de alguén que é sinxelo estamos falando dunha persoa que ten claro que a liña recta é a distancia máis curta entre dous puntos. Ser sinxelos é unha virtude, sobre todo porque sendo así somos mellores para os demais.

O mesmo Evanxeo tamén nos invita a ser sinxelos en varias ocasións, a máis coñecida cando nos din que sexamos “sinxelos como pombas“ (Mt 10, 16b), pero sobre todo cando Xesús di “douche grazas, Pai, Señor de ceo e terra, porque lles escondiches estas cousas aos sabios e entendidos, e llas revelaches á xente sinxela. Si, Pai, así che pareceu mellor“. (Mt 11, 25-26).

Dicir que Deus é sinxelo pode parecer que non é acertado e que estamos cercenando as infinitas calidades de Deus ao supoñer que, se é sinxelo, poderémolo comprender coa nosa intelixencia, que é limitada. Por iso, pode ser preferible dicir que as cousas de Deus son sinxelas, ou que chegar a Deus ou deixar que Deus chegue a nós é sinxelo.

Na relación de Deus convén ter claro o que dicía antes: a liña recta é a mellor opción. A complicación non é o mellor camiño. Se queren, tamén pode servir o que dicía Descartes: “ideas claras e distintas“. E non moitas, engado eu.

Non nos podemos achegar a Deus co pretexto de buscar un apoio que non é propio del. Por iso non podemos confundir o que Deus aporta a cada persoa co que necesitamos para organizar, quizais, só un evento social.

Tampouco nos podemos achegar a Deus fixándonos só nas prohibicións morais ou nas leis eclesiásticas sen entrar no espírito das mesmas. As normas son necesarias para organizar a vida dos cristiáns, pero se non as vivimos da forma adecuada complícannos a vida no canto de facela sinxela.

Despois están os que poñen o centro dos seus intereses en difundir lendas urbanas sobre a Igrexa, o Vaticano ou o mesmo Xesucristo (lembren o do código da Vinci), e que enganan á xente a base de confundir ficción con realidade. Intentar achegarse a Deus desta forma complícanos aínda máis a fe.

Termino cunha destas experiencias gratificantes que o Señor concédenos ás veces aos sacerdotes. Fai uns meses chamáronme para acompañar a un enfermo nos seus últimos días: sacramento da penitencia, unción de enfermos e viático e unhas palabras sinceras por ambas partes. Uns días despois do funeral, achegouse un fillo do señor para dicirme que se alegraba de terse equivocado comigo porque o seu pai morrera con moita paz. Tratábase só de poñernos nas mans de Deus. Así de sinxelo.

Non confundamos o importante co urxente, nin o normal co corrente no camiño da historia que Deus quere facer connosco. O camiño é sinxelo pero esíxenos tamén esforzo e abnegación para chegar á meta que é Cristo, por “unha coroa que non  murcha“ (1Cor 9, 25).

Deus é sinxelo. Deus creounos por amor e por amor quérenos salvar por medio do seu Fillo Xesucristo. Non hai nada máis. Os que complicamos todo somos os humanos. Deixemos a Deus ser Deus e todo será moito máis sinxelo.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán

Viaxe da Adoración Nocturna de Lugo a Viveiro

centenario-adorac-nocturna

O sábado 17 de setembro o Consello Diocesano da Adoración Nocturna organiza unha viaxe a Viveiro para asistir á Vixilia Conmemorativa do Centenario da súa Sección Adoradora. A saída será ás cinco da tarde desde A Mosqueira, con paradas diante do edificio administrativo da Xunta e na Fonte dos Ranchos.

 No programa do centenario da Adoración Nocturna de Viveiro incluíronse varias actividades desde o mes de xaneiro: conferencias, vixilias ordinarias e  extraordinarias, unha Eucaristía e unha comida de confraternidade o 20 de agosto, data do centenario de Viveiro. E finalmente o acto central será o 17 de setembro, presidido polo Bispo de Mondoñedo, e haberá unha vixilia extraordinaria e procesión especial polas rúas co Santísimo, como se fai en Corpus.

A %d blogueros les gusta esto: